O prazo de presentación finalizou o 01/10/2012

INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS PERSOAS COTITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS (TR340G)

Finalidade / Obxectivo

Promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias de Galicia.

Tipos de apoio

Aboamento da cota por continxencias comúns de cobertura obligatoria.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas incorporadas á actividade agraria incluídas nalgún dos seguintes colectivos e que cumpran os requisitos previstos para cada suposto.

1. Persoas incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de outubro de 2011 e ata o 30 de setembro de 2012.
b) Ter cincuenta ou menos anos de idade na data da dita incorporación.
c) Que sexan cónxuxes ou descendentes do titular da explotación agraria, sempre que este se atope dado de alta nos citados réxime e sistema especiais.
d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

2. Mulleres de cincuenta ou menos anos de idade na data de alta na Seguridade Social incorporadas a partir do 1 de outubro de 2011 e ata o 30 de setembro de 2012 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, titulares de explotacións agrarias nos seguintes supostos:

a) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.
b) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento, xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao incluído.
c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe cause baixa no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, por dedicarse a outra
actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social.

Nestes casos, deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

3. Será requisito para poder acceder á condición de beneficiario das axudas establecidas nesta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos seis meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial.

4. Non poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no punto 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Sectores incentivables

Agricultura.

Contía das axudas

A contía total da axuda será de 3.000 euros por persoa beneficiaria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de outubro de 2012.

Incompatibilidades

A subvención establecida neste programa é incompatible coas establecidas nos programas para a promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.

En ningún caso o importe da axuda concedida ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita pola persoa beneficiaria correspondente a 36 mensualidades desde a data de solicitude de subvención.

A subvención establecida neste programa é compatible, de ser o caso, coas bonificacións ou reducións nas cotizacións á Seguridade Social establecidas na disposición adicional primeira da Lei 18/2007; na disposición adicional trixésima quinta do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño; na disposición adicional décimo primeira da Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade; ou aqueloutras previstas na normativa da Seguridade Social.

Referencia lexislativa

Orde do 24 de agosto de 2012 (DOG Nº 166 do 31/08/2012) - Bases reguladoras e convocatoria 2012

Información e tramitación en

Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo - Complexo Administrativo San Lázaro, S/N
981-957727, 981-544716, 981-544682, 981-957253, 981-957732, 981544721 ou en www.xunta.es/emprego
www.tecnicosempregogalicia.xunta.es

A solicitude e anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballo.xunta.es

Observacións

O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.