O prazo de presentación finalizou o 19/05/2011

PROXECTOS DE COOPERACIÓN EMPRESARIAL PARA O FOMENTO DA EMPRESA DIXITAL (PR519A)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos de cooperación empresarial para o fomento da empresa dixital, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012. Os proxectos abordaranse desde a cooperación entre empresas e deberán contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e, polo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses produtos e servizos TIC. A tarefa de promoción e liderado do proxecto pode ser asumida por empresas ou por asociacións empresariais.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

- Poderán ser beneficiarias das subvencións solicitadas ás liñas A1), B1) e B2), as empresas privadas, con personalidade xurídica validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades con ánimo de lucro, así como os empresarios individuais, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a actuación B2) Resposta tecnolóxica en solucións TIC para asociacións empresariais, os solicitantes deberán ter a condición de peme.

- Poderán ser beneficiarios das subvencións solicitadas á liña A2), as asociacións empresariais e os colexios profesionais con personalidade xurídica validamente constituídos no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades sen ánimo de lucro, que teñan a súa sede social e o seu ámbito territorial dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

Sectores incentivables

Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

Requisitos principais do proxecto

Os proxectos que se presenten para seren financiados abordaranse desde a cooperación entre empresas e deberán contar necesariamente con solicitudes en cada unha das liñas A) e B) descritas neste artigo.

En primeiro lugar, cada proxecto contará cun único promotor que lidere o proxecto, que presentará solicitude á liña A) Demanda empresarial en solucións TIC. O promotor e líder seleccionará o socio tecnolóxico co cal quere acudir á convocatoria, identificará os datos do socio tecnolóxico na súa solicitude, e instarao a que presente a correspondente solicitude pola liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC. O promotor poderá contar con un ou con varios socios tecnolóxicos que poden cubrir distintas áreas especializadas do proxecto. Cada solicitante que exerza de promotor só poderá presentar unha solicitude á liña A) e, no caso de que presente máis dunha solicitude, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

En segundo lugar, cada proxecto contará con, polo menos, un socio tecnolóxico que presentará solicitude á liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC. O socio tecnolóxico deberá incluír na súa solicitude información básica sobre o proxecto en cooperación que lle facilitará necesariamente o promotor do proxecto. As empresas que exerzan de socio tecnolóxico poderán presentar distintas solicitudes en cooperación con distintos líderes, pero para investimentos absolutamente distintos nos recursos e nas tecnoloxías a empregar, así como nos resultados a obter. A comisión de valoración excluirá da convocatoria aquelas solicitudes dun socio tecnolóxico en que non quede perfectamente identificada a súa total diferenciación con outras, e tramitarase exclusivamente aquela solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

O peso da cooperación de cada participante deberá acadar un mínimo do 20% do importe total das actuacións subvencionables do proxecto. Os proxectos teñen que ser viables en todas as partes suxeitas á cooperación, polo que os proxectos subvencionados terán que acadar os resultados esperados no seu conxunto e a falla de execución ou execución deficiente dalgunha das partes motivará a perda do dereito á axuda por parte de todos os participantes.

Cualificación requerida do proxecto

Descrición das actuacións subvencionables:

Liña A) Demanda empresarial en solucións TIC.

Destinada para que as empresas e as asociacións empresariais que desenvolven a súa actividade empresarial en calquera sector económico, agás os non beneficiarios recollidos no artigo 4º, poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Os solicitantes desta liña son os coñecedores das necesidades específicas do seu sector económico e exercen de líderes dos proxectos de cooperación.

Poderanse considerar solicitudes nos seguintes tipos de actuación:

A1) Demanda en solucións TIC polas empresas.
Solucións TIC que cubran necesidades específicas da empresa, aplicables ao seu funcionamento interno ou ás súas relacións con terceiros, como poden ser: xestión da cadea de produción, xestión do servizo ou produto, rastrexabilidade, documentación electrónica, aprovisionamento, loxística, comercio electrónico ou teletraballo, entre outras.

A2) Demanda en solucións TIC polas asociacións empresariais.
Solucións TIC que cubran necesidades específicas dunha asociación empresarial nos servizos que prestan aos seus asociados, como poden ser: validación de documentos, intermediación coas administracións ou outros colectivos, centrais de compras, plataformas de distribución, servizos de laboratorio ou análise, etc. Tamén terán cabida aquelas solucións sectoriais ou transversais que a asociación poida facilitar para o seu uso directo polos asociados que sexan pemes, micropemes ou autónomos e non teñan a capacidade de acometer por si mesmos a solución TIC.

Liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC.

Destinada para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan desenvolver novos produtos ou servizos TIC que dean solución a tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.

Poderanse considerar solicitudes nos seguintes tipos de actuación:

B1) Resposta tecnolóxica en solucións TIC, para empresas.

Solicitudes presentadas para a resposta tecnolóxica en cooperación con líderes dos proxectos que presenten pola súa vez solicitude á liña A1 deste mesmo artigo.

B2) Resposta tecnolóxica en solucións TIC, para asociacións empresariais.

Solicitudes presentadas para a resposta tecnolóxica en cooperación con líderes dos proxectos que presenten pola súa vez solicitude á liña A2 deste mesmo artigo. Particularmente, neste tipo de actuación B2, a empresa tecnolóxica solicitante deberá ter a condición de peme.

Investimentos ou gastos computables

Liña A) Demanda empresarial en solucións TIC.

*Gastos subvencionables:

- Equipamentos da rede de datos interna: electrónica activa (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), servidores da rede e dispositivos fixos de almacenamento da información, armarios bastidores e sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) necesarios para a execución do proxecto.
Elementos hardware para probas, validación de prototipos ou da compatibilidade de produtos ou servizos.
- Licenzas de software específico e imprescindibles para a implantación ou seguimento do proxecto.
- Custo de persoal técnico propio con relación laboral (réxime xeral da Seguridade Social) e con dedicación ao proxecto para a definición, control, seguimento e verificación da súa implantación. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina, gastos sociais ou pagas extras efectivamente pagadas dentro dos prazos establecidos.
- Servizos e colaboracións externas para a definición, control, seguimento e verificación da implantación do proxecto, que deberán acadar uns resultados concretos, medibles e documentados. En ningún caso estes gastos poderán supor a mera subcontratación de persoal, nin poderán ser prestados polo socio tecnolóxico.
- Servizos e colaboracións externas de implantación e probas das solucións tecnolóxicas propostas en cooperación, a formación ao persoal sobre elas, así como a xeración de documentación entregable ao solicitante. Estes gastos non poderán supor a mera subcontratación de persoal, pero deberán identificar o persoal externo, horas e custos previstos e marxe de beneficio industrial que aplicará o provedor, e poderán ser prestados polo socio tecnolóxico.

Liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC.

*Gastos subvencionables:

- Equipamentos da rede de datos interna: electrónica activa (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), servidores da rede e dispositivos fixos de almacenamento da información, armarios bastidores e sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) necesarios para a execución do proxecto.
- Elementos hardware para probas, validación de prototipos ou da compatibilidade de produtos ou servizos.
- Equipamentos informáticos de usuario necesarios para a execución do proxecto.
- Licenzas de software específico para o desenvolvemento.
- Custo de persoal técnico propio con relación laboral (réxime xeral da Seguridade Social) e con dedicación ao proxecto. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina, gastos sociais ou pagas extras efectivamente pagadas dentro dos prazos establecidos.
- No caso de microempresas, tamén se considerarán os custos do persoal técnico que, sendo propio da empresa solicitante, deba figurar no réxime especial de traballadores autónomos debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e aos socios traballadores. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina pagada, cun límite por traballador autónomo no gasto subvencionable mensual por este concepto do dobre do salario mínimo interprofesional.
- Servizos e colaboracións externas dedicadas ao proxecto co límite máximo do 20% do investimento subvencionable, que deberán acadar un resultado concreto, medible e documentado, sen supor a mera subcontratación de persoal.

Poderanse atender solicitudes en que a comisión de valoración identifique uns investimentos subvencionables de polo menos 30.000 €, tendo que identificarse en cada proxecto en cooperación cando menos uns investimentos subvencionables conxuntos de 70.000 €.

Poderán acollerse esta convocatoria as actuacións que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data de xustificación dos investimentos.

Contía das axudas

Con carácter xeral, as axudas poderán acadar ata o 50% dos investimentos subvencionables recollidos nunha solicitude. Esta porcentaxe poderá elevarse cos seguintes incrementos:

- Ata un 10% adicional, para as solicitudes presentadas por medianas empresas.

- Ata un 25% adicional, para as solicitudes presentadas por pequenas empresas e microempresas.

- Ata un 30% adicional, para as solicitudes presentadas por asociacións empresariais

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Incompatibilidades

Axudas suxeitas ao Regulamento relativo ás axudas de minimis.

As axudas previstas nesta resolución non serán compatibles con calquera outras das reguladas por esta secretaría xeral, mais serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible da operación e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

Referencia lexislativa

Resolución do 7 de abril de 2011 (DOG Nº77 do 19/04/2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011

Información e tramitación en

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR519A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), na súa epígrafe de «Axudas».

b) O teléfono 881 99 50 58 da devandita secretaría xeral.

c) O enderezo electrónico: sxmit.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Tramitación:

Os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e presentar necesariamente o solicitante a través da aplicación informática a que se accede seleccionando o procedemento PR519A, dentro do enlace de «Axudas» desta secretaría xeral, sita no enderezo da internet http//imit.xunta.es. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR519A. Estes modelos validados pola aplicación informática usaranse para a presentación electrónica.

Observacións

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar un exemplar con toda a documentación xustificativa, e terá de prazo para presentala ata o 15 de novembro de 2011 no caso da xustificación correspondente aos investimentos da primeira anualidade e ata o 30 de xuño de 2012 para os investimentos correspondentes á segunda anualidade.