O prazo de presentación finalizou o 12/11/2012

AXUDAS PARA A RENOVACIÓN DO PARQUE DE MAQUINARIA AGRÍCOLA

Finalidade / Obxectivo

A finalidade destas axudas é o desmantelamento de tractores e máquinas automotrices agrícolas vellas e a súa substitución por novos tractores e novas máquinas que, ao estaren equipadas con modernas tecnoloxías, melloran as condicións de traballo, teñen unha maior eficiencia enerxética e producen menor impacto ambiental .

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva

Beneficiarios potenciais

a) Ser titular dunha explotación agraria ou tratarse dunha entidade das recollidas no artigo 2º puntos 3 e 4.

b) Cando se trate doutras persoas físicas ou xurídicas distintas a cooperativas agrícolas ou SAT, acreditar, ademais que a súa actividade principal é a agraria, deberán presentar o seguinte:

1º No caso de persoas xurídicas deberán presentar os estatutos e documento de constitución en que deberá figurar o selo do rexistro coa inscrición rexistral.
2º No caso de persoa física ou xurídica, que presta servizos agrarios, deberá presentar, de ser o caso, os estatutos e documento de constitución, certificado da Axencia Tributaria que recolla a alta na actividade de prestación de servizos agrarios e, en todo caso, certificado de estar inscritas nos rexistros ou censos oficiais.

c) Axustarse á definición de pequenas e medianas empresas (peme) conforme o anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

d) Cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, tal como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda do desenvolvemento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

e) Ser titular do novo tractor ou máquina e da maquinaria desmantelada, tendo en conta as excepcións recollidas no artigo 5.1º b).

f) Comprometerse a non allear o novo tractor ou a nova máquina durante un período de 5 anos, contados a partir da súa adquisición. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro Público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Administración concedente outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5º b) da Lei 38/2003.

g) Non ter a consideración de empresa en crise.

h) Estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social conforme a normativa vixente e non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma. Así mesmo, no caso de estranxeiros, co cumprimento das obrigas establecidas en materia de autorización de residencia e traballo.

i) Non ter sido sancionado por delitos ou infracións ambientais ou contra a Facenda pública.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra, as cooperativas de traballo asociado cuxa súa actividade principal sexa a agraria, e as SAT, que adquiren un novo tractor ou máquina para a súa utilización en común, con desmantelamento dunha ou máis unidades de tractores ou máquinas automotrices antigas, cuxos titulares sexan as propias cooperativas ou ben socios destas, e que cumpran os requisitos anteriores, coa excepción do sinalado na letra e) do punto anterior.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sectores incentivables

Sector agrario

Requisitos principais do proxecto

Ser titular dunha explotación agraria ou tratarse dunha persoa física ou xurídica das recollidas no artigo 2º puntos 3 e 4.
Ser titular do novo tractor ou máquina e da maquinaria desmantelada, tendo en conta as excepcións recollidas no artigo 5º b).
Cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, tal como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro, para a medida de modernización das explotacións agrarias.
Comprometerse a non allear o novo tractor ou a nova máquina durante un período de cinco anos. No caso de incumprimento, a persoa ou entidade beneficiaria deberá reintegrarlle ao Tesouro Público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo nos casos de forza maior previstos na normativa comunitaria en materia de axudas á modernización de explotacións agrarias.
Cando se trate de persoas xurídicas acreditar ademais que a súa actividade principal é a produción agraria, coa presentación dos estatutos e do documento de constitución nos cales deberá figurar o selo do rexistro coa inscrición rexistral.
No caso de empresas de servizos, acreditar que a súa actividade principal é a prestación de servizos agrarios, coa presentación, de ser o caso, dos estatutos e do documento de constitución, do certificado da Axencia Tributaria que recolla a alta na actividade de prestación de servizos agrarios e, en todo caso, do certificado de estaren inscritas nos rexistros ou censos oficiais.
Estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

Cualificación requerida do proxecto

1. O tractor antigo que se achatarra deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Ter máis de 15 anos de antigüidade.
- Estar inscrito no ROMA durante os tres últimos anos baixo a titularidade do solicitante.
-Ser entregado nun centro autorizado de tratamento ou nunha instalación de recepción.
-Causar baixa definitiva no ROMA cunha anotación que se faga constar que foi desmantelado.
- Causar baixa no ROMA.

2. O novo tractor deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Ser de primeira adquisición.
- Quedar inscrito como tal no ROMA do servizo provincial correspondente.

Investimentos ou gastos computables

Compra dun tractor de primeira adquisición.

Contía das axudas

A contía máxima do conxunto das axudas a que se refire o punto 1 deste artigo, expresada en porcentaxe do importe do investimento subvencionable, calculada a partir do custo total de adquisición, considerando o prezo neto de factura, sen incluír IVE, é:

-En zonas de montaña ou demais zonas con dificultades, o 50 por cento.
-Nas demais zonas, o 40 por cento.
-En agricultores/as mozos/as que soliciten a axuda no momento da súa instalación ou nos cinco anos seguintes a esta, as porcentaxes anteriores incrementaranse en 10 puntos porcentuais.

O límite do investimento subvencionable será de 100.000 euros por solicitante e convocatoria do ano.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda legalmente establecidas, sempre que no seu conxunto non superen os límites especificados

Referencia lexislativa

Orde do 13 de xullo de 2010 (DOG Nº136 do 19/07/2010) - Bases reguladoras e convocatoria 2010
Orde do 3 de outubro de 2012 (DOG Nº195 do 11/10/2012) - Modificación das bases reguladoras e convocatoria 2012
Orde do 3 de outubro de 2012 (DOG Nº208 do 31/10/2012) - Corrección de erros

Información e tramitación en

Dirección Xeral de Producción Agropecuaria - 981545732