O prazo de presentación finalizou o 14/06/2014

AXUDAS Á APICULTURA (MR506)

Finalidade / Obxectivo

Axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2014

Tipos de apoio

Subvencións a fondo perdido en reximen de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da comunidade autónoma, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2013. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario da axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ou ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.

Sectores incentivables

Sector apícola.

Requisitos principais do proxecto

Para poderen acollerse ás ditas medidas de axuda os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.

b) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Ter realizado a declaración censual anual referida ao ano 2013

d) Realizar polo menos un tratamento ao ano contra a varroase.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderán ser obxecto das axudas, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Asistencia técnica aos apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.

1º) Contratación de técnicos e especialistas para a información e asistencia técnica aos apicultores das agrupacións apícolas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos produtos da apicultura, a sanidade apícola e as actuacións de vixilancia e control da Vespa velutina.

Poderá subvencionarse a contratación dun máximo de dous técnicos por asociación, sendo necesariamente o primeiro deles un licenciado en veterinaria.

A axuda para a contratación do técnico veterinario poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

A axuda para a contratación doutros técnicos titulados poderá ser de ata o 50 % do seu custo, cunha limitación de 15.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 42.000 euros.

2º) Cursos e xornadas de formación técnica para os apicultores organizadas polas agrupacións de apicultores, así como asistencia a cursos e xornadas de formación continuada por parte dos técnicos e especialistas das agrupacións de apicultores. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

3º) Sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

b) Loita contra a varroase.

1º) Adquisición de tratamentos quimioterápicos e/ou tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo, cun máximo de 4 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

2º) Sobrealimentación das colmeas, renovación de cera mediante a adquisición de láminas de cera e adquisición de fondos sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 4 láminas por colmea no caso da renovación de cera. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda establecida na liña b.1º anterior.

c) Racionalización da transhumancia.

1º) Adquisición de material para a identificación de colmeas e cadros. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.

2º) Adquisición de medios de transporte e manexo das colmeas, incluíndo remolques e carretillas, guindastres, mallas de cobertura, sistemas móbiles de extracción de mel e produtos apícolas, así como outros útiles e equipamentos necesarios para facilitar a transhumancia. Non serán subvencionables os custos de reparación ou mantementos destes equipamentos. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

3º) Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas. Serán subvencionables soportes para illar colmeas, traballos e utensilios de roza, peches portátiles para a protección dos asentamentos fronte a depredadores e aqueles outros que, a xuízo do órgano xestor, sexan compatibles con esta liña. Non será subvencionable a realización de traballos con maquinaria pesada para o movemento de terras. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

4º) Subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas, sempre que as pólizas non cubran garantías xa incluídas no sistema de seguros agrarios combinados. A esta liña poderán acollerse tamén os apicultores con colmeas estantes. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo cun límite de 0,5 euros por colmea asegurada.

2. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de Explotacións Apícolas de Galicia, segundo a declaración censual efectuada correspondente ao ano 2013.

3. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de setembro do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de agosto de 2014, ambos inclusive, período de duración da campaña apícola.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Incompatibilidades

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Referencia lexislativa

Orde do 2 de maio de 2014 (DOG Nº 91 do 14/05/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014

Información e tramitación en

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

DIRECCIÓN XERAL DE PRODUCIÓN AGROPECUARIA

SUBDIRECCIÓN XERAL DE GANDARÍA

SERVIZO DE PRODUCCIÓNS GANDEIRAS
EDIF. ADMINISTRATIVO SAN CAETANO
15771 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Teléfono: 981546184 Fax: 981545735

Observacións

A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 30 de agosto de 2014