O prazo de presentación finalizou o 26/05/2014

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN - AXUDAS PARA A CONSOLIDACIÓN E ESTRUTURACIÓN DE UNIDADES DE INVESTIGACIÓN COMPETITIVAS NOS CENTROS TECNOLÓXICOS CONSOLIDADOS (IN845A)

Finalidade / Obxectivo

Subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que teñan a consideración de consolidados.

Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Investimentos ou gastos computables

Conceptos subvencionables.

1. Custo de persoal investigador ou de apoio.

Persoal investigador contratado: investigadores, auxiliares de investigación e xestores de I+D+i que se dedican exclusivamente a esta actividade.

Persoal de apoio contratado: persoal directivo ou persoal de administración con dedicación parcial a actividades de I+D+i.

O custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 40 % do importe da subvención concedida.

2. Material bibliográfico (libros, publicacións periódicas en papel ou dixitais, bases de datos…) e equipamento científico (inclúense aplicacións informáticas cando sexan necesarias para actividades de investigación) así como a súa reparación e conservación.

3. Material funxible.

Elementos adquiridos e utilizados pola entidade para a realización da actividade investigadora (materiais diversos, envases, material de oficina...).

4. Custos de formación do persoal do centro tecnolóxico (inscrición, matrícula, desprazamentos, custos do persoal ou entidade docente no caso de formación específica contratada polo centro…).

5. Outros gastos debidamente xustificados, ata un máximo do 10 % da axuda concedida.

Gastos de natureza diversa que teñen por obxecto garantir o funcionamento normal da entidade (gastos de asesoría e similares, auga, electricidade e outras subministracións, servizos prestados por outras entidades para o desenvolvemento de actividades de I+D+i, outros servizos...).

Admitiranse os custos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo, o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Incompatibilidades

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que for a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

Referencia lexislativa

Resolución do 14 de abril de 2014 (DOG Nº 79 do 25/04/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014

Información e tramitación en

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

ÁREA DE XESTIÓN

Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria
Rúa dos Feáns, 7 baixo
15705 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Teléfono: 981543986 Fax: 981957380
Email: cei.infoest@xunta.es
Información web: http://gain.xunta.es

Observacións

1. A xustificación do anticipo do 50 % da subvención concedida aos que se refire o artigo 21.1 deberá realizarse no prazo máximo dun mes a partir da transferencia dos fondos correspondentes.

2. Tras a xustificación do anticipo, a entidade poderá presentar xustificacións en función do ritmo de execución da acción subvencionada que darán lugar a pagamentos á conta e que non poderán superar o 80 % da subvención concedida.

3. A xustificación do importe restante da subvención concedida tendo en conta os dous puntos anteriores terá como data límite de presentación o 30 de novembro de 2014. Non obstante, si existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de novembro) estas terán como data límite o 15 de xaneiro de 2015.