O prazo de presentación finalizou o 29/06/2006

SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DE INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS NO MEDIO RURAL

Finalidade / Obxectivo

Acondicionamento de construcións para dedicalas a aldeas de turismo rural a través de proxectos que profunden no coñecemento da historia e do lugar.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a creación de aldeas de turismo rural ou aldeas termais os titulares das construcións nas que se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención.

Os titulares dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles obxecto da actuación ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición sobre eles que permita realizar o investimento proxectado.

Sectores incentivables

Turismo.

Requisitos principais do proxecto

Os investimentos que se subvencionen deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica dos inmobles e o seu contorno.
* Deberán ser respectuosos coa estrutura das edificacións nas súas relacións co lugar, así mesmo, respectaranse na medida que sexa posible os seus usos tradicionais.
* Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabamentos propios da zona e das condicións dos inmobles.
* Recuperaranse as estruturas tradicionais cos requirimentos técnicos exixibles.
* Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas.
* O proxecto deberá formular solucións de abastecemento de auga e evacuación de residuos.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán todas as obras e instalacións, no só as pertencentes ás propias edificacións senón tamén, se é o caso, ás do contorno afecto á propiedade do predio, debéndose respectar as características peculiares do medio rural galego.

c) Cando se procure unha solución innovadora referida a materiais e acabamentos, neste senso, haberá que aterse ao establecido no artigo 10.1º, Decreto 191/2004, de establecementos de turismo rural.

d) Só se permitirán as construcións ex novo para a actuacións relativas á oferta complementaria de servizos. De realizarse, estas deberán estar en consonancia coa edificación principal e os seus elementos estruturais, debendo ser facilmente reversibles como canchas de tenis, de baloncesto, saunas, piscinas e os seus servizos auxiliares como vestiarios, duchas etc. Queda expresamente excluído calquera outro elemento que xere discordancia co conxunto (como muros de contención de altura considerable).

e) Ademais das superficies comúns mínimas (salón, comedor, cociñas...) exixidas pola normativa específica, todas as casas contarán cunha zona de esparexemento a modo de salón social de superficie acorde co número de cuartos. A superficie destinada aos propietarios non superará os 30 m2.

Cualificación requerida do proxecto

Para a valoración das solicitudes teranse en conta en orde decrecente, os seguintes criterios:

1. A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras cunha propia fisonomía tradicional mariñeira; o interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental.

2. Análise do destino en relación á calidade dos accesos, ás infraestruturas básicas e á oferta de servizos de utilización turística.

3. O estado actual e as características das edificacións conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4. As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

5. A declaración oficial como turístico do municipio así como estar localizado o investimento nun municipio incluído nun Plan de dinamización ou excelencia turística.

6. A oferta de servizos proxectada para o establecemento.

7. Número de postos de traballo que se van a crear e o seu grao de estabilidade.

As delegacións provinciais emitirán informe sobre a localización e o interese turístico do proxecto e o cumprimento do estipulado no Decreto 191/2004, de establecementos de turismo rural. Así mesmo, emitirá informe o xefe de Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto.

Investimentos ou gastos computables

1. Rehabilitación ou restauración de construcións que permitan a creación dunha aldea de turismo rural, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamento, restauración e outros servizos complementarios e estean encadradas nas modalidades de aloxamento compartido ou aloxamento non compartido do grupo D, seguindo o sinalado nos artigos 2 e 4 do Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural.
Para os efectos do disposto neste artigo enténdese por aldea de turismo rural o conxunto de, como mínimo, 3 casas situadas no mesmo núcleo rural, que sexan explotadas de forma integrada e pertenzan ao mesmo titular.
O conxunto das vivendas da aldea de turismo rural gardará entre si unha distancia máxima de 500 m.

2. Rehabilitación ou restauración de construcións que permitan a creación dunha aldea termal tendo esta consideración a aldea de turismo rural que proxecte a captación de auga mineiro-medicinal ou auga do mar, co fin de dispor dunha oferta complementaria de actividades de balneario ou talasoterapia.

3. Rehabilitación ou restauración de construcións vencelladas a un proxecto de aldea rural xa existente que aínda non estean en funcionamento co obxecto de complementar este, cando considerada a actuación no seu conxunto poida encadrarse na modalidade sinalada nos artigos 2 e 4 do Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural.

Considerarase investimento subvencionable tanto o equipamento das edificacións como a execución material de obra, a redacción dos proxectos e a dirección de obra.

Non son subvencionables as taxas e impostos legalmente exixibles.

Contía das axudas

Máximo de axuda de ata 30% do orzamento do investimento subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no DOGA (ata o 29 de xuño)

Incompatibilidades

É posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable segundo o legalmente establecido.

Así mesmo establécese a incompatibilidade total destas subvencións con outras axudas cofinanciadas con Fondos da Unión Europea.

Referencia lexislativa

Orde do 16 de maio de 2006 (DOG Nº101 do 29/05/2006) - Bases reguladoras e convocatoria do 2006
Orde do 11 de outubro de 2006 (DOG Nº202 do 19/10/2006) - Modificación do prazo de execución

Información e tramitación en

Delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria, Servizo Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento

Observacións

Os beneficiarios da subvención deberán comenzar a execución do proxecto durante o ano 2006 debendo estar rematado con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade o ano 2006 sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.