O prazo de presentación finalizou o 31/08/2016

AXUDAS PARA FOMENTAR A REMUDA COMERCIAL (IN216A)

Finalidade / Obxectivo

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.

b) Ter unha idade mínima de 64 anos feitos na data en que se presenta a solicitude.

c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.

Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono del de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.

No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.

d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar á idade ordinaria de xubilación.

e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.

2. Tamén se considerarán beneficiarios/as as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exercer o comercio, e quedan vinculadas ambas as dúas persoas para a concesión da subvención.

En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.

Sectores incentivables

Actividades de comercio recollidas no anexo II destas bases.

Contía das axudas

As contías da subvención serán as seguintes:

a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, que se fixa na cantidade de oitocentos euros (800 euros€).

b) Os transmisores que non teñan acadada a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, a razón de oitocentos euros (800 euros€) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte á resolución de concesión.

c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dos mil euros (2.000 euros€), con independencia do número de establecementos que adquiran.

Prazo de presentación de solicitudes

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto de 2016.

Incompatibilidades

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles coa percepción por parte das persoas beneficiarias da pensión de xubilación, en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de previsión que se financie en todo ou en parte con recursos públicos, ou de invalidez permanente no réxime especial de traballadores autónomos.

Tamén é incompatible esta subvención con calquera outra axuda concedida por outra Administración pública, os seus organismos ou sociedades ou entes públicos, nacionais ou internacionais co mesmo obxectivo.

Información e tramitación en

SUBDIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO

SERVIZO DE ORDENACIÓN
Edificio Administrativo San Caetano
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Teléfono: 981545915 Fax: 981545541

Email: cei.dxc.axudas@xunta.es
Información web: http://economiaeindustria.xunta.es