El plazo de presentación finalizó el 25/02/2022

PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS (MR708A)

Finalidad / Objetivo

axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a:

a) Adquirir maquinaria e equipamento co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

b) Pór en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras.

Tipos de apoyo

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. Concesión en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en Aldeas modelo admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade a data anteriormente sinalada.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balanzo xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.

No caso de proxectos de implantación de actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos con posterioridade a data antes sinalada.

Para estes efectos considerarase zona rural todo o territorio de Galicia, con excepción das parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos ou ben a constitución de persoas xurídicas, con posterioridade a data antes sinalada.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas:

- As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

- As empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura, nin as que están dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

- As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

3. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Requisitos principales del proyecto

serán subvencionables os proxectos destinados á:

a) Adquisición de maquinaria e equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

1º) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

2º) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

3º) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos

4º) Prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

5º) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

6º) Artesanía e actividades artesanais.

7º) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

8º) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

9º) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do apartado 1 do artigo 3.

Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente ao solicitante, se esta data é anterior.

Só no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o persoal técnico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural comprobará que os investimentos non están iniciados mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude de axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar un acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio de obra, instalación ou equipamento.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades nas aldeas modelo declaradas polo órgano de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural os proxectos subvencionables serán aqueles que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral de cada unha delas, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) No caso de proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, o investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante.

Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

1º. Aumentar a competitividade da empresa.

2º. Reducir os custos.

3º. Aumentar o valor engadido.

4º. Reducir o impacto ambiental.

5º. Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

6º. Diversificar as producións e/ou os mercados.

7º. Mellorar a calidade das producións.

8º. Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

9º. Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria-resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 € e/ou superior a 220.000 €.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 € respectivamente.

Os citados límites non se aplicarán no caso de proxectos promovidos en aldeas modelo, tanto para proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais como para aqueles outros de mellora, ampliación e/ou modernización mediante a adquisición de maquinaria e equipamento.

Inversiones o gastos computables

1. Con carácter xeral, será subvencionable a compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para desenvolvemento da actividade produtiva da empresa.

2. Ademais, e só para os proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais nas aldeas modelo, serán subvencionables os seguintes gastos:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non poderá superar o 50% do total dos gastos subvencionables.

Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

– Que se xunte un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

– O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 años de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 años ou o tempo que esixa a normativa sectorial.

– Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.

b) Os custos xerais vinculados aos gastos anteriores en concepto de honorarios de proxecto, dirección de obra e estudios de viabilidade, ata o límite do 12 % do total dos gastos subvencionables.

c) Gastos de constitución (notariais, rexistrais e administrativos) derivados do comezo da actividade prevista no proxecto.

3. Non serán subvencionables:

a) Material funxible en xeral.
b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.
c) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).
d) Equipos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten, agás nos casos de proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo.
e) Traídas e acometidas de servizos.
f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
g) Adquisición de maquinaria e equipamento destinada ao aluguer.
h) Equipos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.
i) Deseño e/ou actualización de páxinas web.
j) A compra de vehículos de transporte exterior, de vehículos especiais agrícolas e de obras, e a súa adecuación.
k) Mobiliario, instalacións, útiles e ferramentas. Non obstante o anterior, no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, será subvencionable o mobiliario, con excepción do mobiliario de oficina, naqueles casos nos que resulte necesario para a posta en marcha da actividade empresarial.

l) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai a desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

m) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.
n) Os gastos de aluguer de instalacións e equipos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).
o) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.
p) As taxas por licenzas administrativas.
q) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.
r) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
s) Os xuros debedores.
t) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como “outros” ou partidas a tanto global.
u) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda, con excepción dos custos xerais vinculados ao investimento, indicados no artigo 4.2.b) destas bases reguladoras

Cuantía de las ayudas

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e da súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).

2. Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100% do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e a acumulación das axudas, o beneficiario deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, con específica referencia ás axudas amparadas no réxime de minimis, nos termos previstos no anexo II (solicitude da axuda ) e anexo VII (solicitude de pagamento).

Referencia legislativa

Resolución do 29 de decembro de 2021 (DOG nº 16 do 25/01/2022) - Bases reguladoras e convocatoria 2022

Información y tramitación en

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Barcia, nº 56, Laraño
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 981547382

http://agader.xunta.es

Observaciones

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 15 de outubro de 2016.