Bruxelas, 21 de outubro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo esta tarde un encontro de traballo con responsables das DG de Empresa e Industria e de I+D da Comisión Europea para afondar no coñecemento das diversas posibilidades de financiamento comunitario para as empresas ata 2020.
No encontro, no que tamén estiveron o director da área de Competitividade do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria, Norberto Penedo, e representantes da Fundación Galicia Europa, participaron responsables das unidades de acceso a mercados, de acceso a financiamento, de política estratéxica e de clusters da DG de Empresa e Industria da Comisión Europea.
Participaron igualmente nesta xuntanza de traballo responsables do programa Horizon 2020, da DG de I+D, e da axencia executiva para as pequenas e medianas empresas (EASME), encargada de moitos dos instrumentos europeos para a promoción da actividade empresarial.
Durante a reunión abordáronse as oportunidades e posibilidades que achega o programa COSME para as empresas galegas, así como o papel a desenvolver polo Igape, como instituto público responsable de facilitar a creación de novas empresas, e de promover a cooperación, a mellora da competitividade e a internacionalización das compañías xa existentes.
COSME é o programa da UE para promover a competitividade das Pemes facilitando o seu acceso a financiamento ¬–mediante a achega de garantías de préstamos e capital–, favorecendo o seu acceso a novos mercados e impulsando a creación e o crecemento de novas empresas. O programa COSME conta cun orzamento de 2.500 millóns de euros ata 2020.