As principais motivacións do Sector Naval para a implementación de Industria 4.0, son incrementar a eficiencia dos sistemas produtivos (80% das
empresas) e os sistemas de xestión (65% das empresas). Mais, a mellora destes sistemas require de pasos previos á industria 4.0. Os procesos produtivos aínda son moi manuais e de carácter artesanal, dependen da pericia do operario e implican unha produtividade baixa. Por tanto, o primeiro paso será reorganizar a produción, unificar procesos repetitivos e tratar en moitos casos de semiautomatizalos.
É chamativo o feito de que un 15% das empresas non perciban ningún beneficio para a implementación de Industria 4.0, e que só un 23% vexan a oportunidade de xerar novos produtos. Isto é debido a que na actualidade, a maioría das empresas do sector naval galego non desenvolven nin produtos nin tecnoloxía propia, e no proceso de modernización tecnolóxica, é necesario apostar por desenvolvementos propios que acheguen maior valor engadido. Para conseguilo, é necesario un cambio de mentalidade de todos os actores que interveñen na cadea de valor do sector, empezando polos estaleiros, que deben de actuar de empresas tractoras, impulsando á súa industria auxiliar. Nesta liña, as empresas posiciónanse en fases incipientes respecto da implementación de Industria 4.0, xa que en moitos casos son conscientes da súa importancia, pero non levaron a cabo ningunha acción.
O sector expón como principais riscos para abordar a Industria 4.0, a falta de estandarización de tecnoloxías, a falta de recursos internos capacitados e o descoñecemento das mesmas, ademais do financiamento. É necesario actualizar as competencias dos traballadores do sector naval para poder acometer cambios tecnolóxicos importantes. Ademais, os principais desenvolvedores tecnolóxicos, apostaron por outros sectores para a estandarización de tecnoloxías, como é o automóbil ou a alimentación, sectores máis estables, con maior capacidade investidora e tecnoloxicamente máis avanzados que o sector naval.