A figura do business angel está incentivada a nivel fiscal pola Xunta de Galicia no marco das súas competencias en tributos cedidos polo Estado. A Lei do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia recolle as vantaxes de investir en empresas novas ou de recente creación, sempre que estas teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia:
- Dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación e o seu financiamento. O investidor pode deducir na cota íntegra autonómica o 20% da cantidade investida na adquisición de capital social ou en préstamos e garantías, cun límite de 20.000 euros. A empresa na que invista debe manter a actividade polo menos tres anos máis e debe ter polo menos un empregado a tempo completo, entre outros requisitos.
- Dedución por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista (MAB). O contribuínte pode deducir na cota íntegra autonómica o 15% das cantidades investidas durante o exercizo na compra de accións para operacións de ampliación de capital da empresa. Entre os requisitos figuran que participación conseguida polo investidor non supere o 10% do capital social e que este manteña as accións no seu patrimonio alomenos durante tres anos.
- Dedución pola herdanza ou donación de bens destinados á creación ou constitución dunha empresa ou negocio profesional. No caso de destinar calquera tipo de ben procedente dunha herdanza ou donación familiar á constitución ou adquisición dunha empresa, establécese unha redución do 95% da base impoñible do imposto sobre sucesións e donacións, cun límite de 118.750 euros, ampliable a 237.500 en caso de acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. A constitución ou adquisición da empresa debe producirse no prazo máximo de seis meses logo da aceptación da herdanza ou donación.
A estes incentivos súmanse a bonificación do 75% na cota do imposto sobre o patrimonio e a dedución do 100% na constitución e modificación de préstamos e operacións de arrendamento financeiro para a adquisición de locais de negocios novos.
Información completa na Disposición derradeira primeira da Lei 9/2013 do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia.