O prazo de presentación finalizou o 30/08/2016

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN - PROGRAMA INDUSTRIA DO FUTURO 4.0

Finalidade / Obxectivo

Este programa, incluído no plan de acción da RIS3 Galicia, ten por obxectivo o fomento do investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para conseguir un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e aliñados coa RIS3 Galicia.

Tipos de apoio

Subvencións

Beneficiarios potenciais

a) Empresas industriais cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 6 da presente resolución. As empresas deberán ser privadas e, atendendo ao seu tamaño, poderán ser medianas ou grandes, segundo as definicións incluídas no anterior artigo 2 para, a través do seu liderado, exercer un efecto tractor sobre o resto de axentes do Sistema galego de innovación, especialmente entre empresas de menor tamaño.

b) Agrupacións de unha empresa ou empresas, pero sempre do mesmo grupo empresarial, e un organismo de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia que realicen proxectos en cooperación.

As empresas que integren a agrupación deberán ter as características indicadas na letra a) deste artigo e, no caso de ser máis dunha, pertencer ao mesmo grupo empresarial, segundo o disposto no artigo 42 do Código de comercio, para asegurar a súa capacidade tractora.

Os organismos de investigación, ademais de cumprir os requisitos da definición incluída no artigo 2 anterior, só poderán ser beneficiarios se desenvolven unha colaboración efectiva cunha empresa no marco dun proxecto en cooperación subvencionable ao abeiro desta convocatoria e contan cun centro de traballo permanente en Galicia. Tal e como se indica na súa definición anterior, no caso de desenvolver actividades económicas ou non económicas é necesario que o organismo conte cunha contabilidade separada de cada unha delas.

Se a agrupación non ten personalidade xurídica deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario.

En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, corresponden á agrupación. O líder sempre deberá ser unha empresa nunca un organismo de investigación e difusión.

As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é o líder ou representante da agrupación.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Son actividades subvencionables a investigación industrial e o desenvolvemento experimental, entendendo como tales as definicións incluídas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e que se recollen no artigo anterior da presente resolución.

1. Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos destinados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nunha contorna de laboratorio ou nunha contorna con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

2. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír, tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, a condición de que non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa conseguir novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda que as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

Requisitos principais do proxecto

1. Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación. Os organismos de investigación e difusión só poderán participar na modalidade en cooperación.

2. As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei subvencións de Galicia constituída por empresas, que deberán pertencer a un mesmo grupo empresarial, e/ou organismos de investigación, tal e como se recolle no artigo 4. Nunca unha entidade da agrupación poderá ter un orzamento inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto.

* Características dos proxectos

1. Os proxectos subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán ser proxectos empresariais de investigación industrial e desenvolvemento experimental de amplo alcance, estratéxicos a nivel europeo dentro do sector en que se formulen. Poderán ser proxectos individuais dunha empresa ou proxectos en cooperación entre un organismo de investigación e difusión e unha empresa (ou empresas se son do mesmo grupo empresarial).

2. Buscando a máxima eficiencia e eficacia do apoio público:

– Os proxectos deberán ser grandes proxectos integrados por iso se exixirá un orzamento subvencionable mínimo de 20.000.000 de euros no caso de proxectos individuais. No caso de proxectos en cooperación, se participan empresas do mesmo grupo o orzamento conxunto co que participan todas elas debe respectar o orzamento mínimo subvencionable de 20.000.000 de euros e ningunha ter unha participación inferior ao 10 % do orzamento total do proxecto. No caso de organismos de investigación, o seu orzamento no proxecto en cooperación no que participan non pode ser inferior a 10.000.000 de euros e tampouco ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto.

– No caso en que unha mesma empresa solicite máis dun proxecto ao amparo desta convocatoria estes deberán ser incluídos nun único plan, aínda que serán solicitados de forma diferenciada, para evitar a división artificial dun proxecto co obxectivo de fuxir dos limiares máximos de notificación do Regulamento (UE) nº 651/2014. Se a axuda total solicitada por un proxecto, ou polos proxectos incluídos nun plan de solicitarse máis dun por unha mesma entidade, supera estes limiares máximos, poderase requirir información complementaria que permita avaliar a súa compatibilidade co Marco (anexo VI) xa que, de superar os limiares de valoración e poder ser seleccionados, o proxecto ou proxectos dentro do plan, deberán ser notificados á Comisión Europea (CE) de forma individual e a súa aprobación estará condicionada a aceptación previa por parte desta.

– A cualificación dun proxecto, ou da participación dunha entidade nun proxecto en cooperación, dentro de cada unha das actividades subvencionables, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, será única, de forma que se se inclúe algunha actuación de desenvolvemento conxuntamente con outras de investigación industrial, a súa cualificación global, para calcular a intensidade da axuda global que se vaia considerar, será a de desenvolvemento experimental. Desta maneira búscase limitar ao máximo a axuda pública paralela ao investimento privado e asegurar que esta corresponde coa cantidade mínima necesaria para asumir o risco que leva o desenvolvemento de actividades de I+D deste alcance.

3. Debido ao carácter estratéxico a nivel europeo que deberán ter os proxectos elixibles dentro desta convocatoria, non se exixirá que se desenvolvan integramente en Galicia pero deberán ser proxectos tractores dentro dos ámbitos máis destacados da economía de Galicia cun efecto de arrastre ou fervenza de transformación do tecido industrial galego cara a unha competitividade baseada na innovación.

4. Os proxectos deberán estar orientados á consecución dun novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE) para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e sempre aliñados co reto 2 da RIS3 galega, de forma que contribúan a conseguir unha «Industria intelixente» en Galicia para o 2020.

5. Os proxectos deberán ser ambiciosos e propoñer innovacións disruptivas, polo que se valorará especialmente a colaboración efectiva con organismos de investigación (segundo a definición recollida no artigo 2 desta convocatoria) a través da cal se definan proxectos con obxectivos innovadores mas amplos e con maior risco tecnolóxico. Os organismos de investigación e difusión que participen no proxecto deberán poder publicar os resultados da súa propia investigación.

6. A duración mínima dos proxectos será de tres anualidades e a máxima de cinco e poderá estenderse ata o 31 de outubro de 2020.

7. Deben ter un efecto incentivador polo que o inicio do proxecto non pode ser anterior á solicitude da axuda, entendendo a data de inicio non como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente a data de inicio das actividades do proxecto. Ademais, a axuda deberá cambiar o comportamento da entidade solicitante de tal maneira que emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen a axuda, realizaría dunha maneira limitada ou diferente, de forma que a axuda supoña un aumento substancial do alcance do proxecto, da cantidade total investida ou da velocidade de execución del. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade en que a empresa incorrería de todos os xeitos nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. Todos estes puntos deben explicitarse claramente na memoria do proxecto.

Investimentos ou gastos computables

Os custos subvencionables se desagregaranse nas seguintes partidas.

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.

2. Custos de equipamento e material instrumental.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

4. Adquisición de patentes.

5. Servizos tecnolóxicos externos.

6. Subcontratacións.

7. Outros custos: o custo derivado do informe realizado polo auditor respecto ao proxecto que se require para a súa xustificación.

b) Custos de carácter indirecto: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

* Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar os custos de persoal propio e os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do proxecto (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividades de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento das actividades de I +D do plan de traballo do proxecto. Cando a imputación ao proxecto non sexa do cento por cento, na memoria que se achegue á solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos para desenvolver no proxecto, sen que sexa suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

2. Poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D no proxecto cunha dedicación máxima do 10 %. Para poder comprobar esta participación será necesario xustificar de forma detallada na memoria técnica, que se achegará coa solicitude, as funcións concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes fases/actividades recollidas no plan de traballo do proxecto. O custo total deste tipo de persoal nunca poderá ser superior ao 5 % do custo total de persoal que se inclúa no proxecto.

3. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non teñan relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios que traballen baixo o réxime de autónomos. No caso de traballadores autónomos, a súa dedicación mensual estará limitada ao 40 %.

b) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto.

c) As contratacións en formación, as de bolseiros, as contratacións a tempo parcial excepto nos supostos de redución voluntaria da xornada previstos no Estatuto dos traballadores, nin as contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que establece a Seguridade Social ao regular as bases de cotización por continxencias comúns e que se indican a continuación:

* Custos de equipamento e material instrumental

1. Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.

Se o equipamento e material se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberase xustificar na memoria do proxecto a vida útil do equipamento ou material.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

2. As novas licenzas e as renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

* Materiais, subministracións e produtos similares

Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades de investigación. Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto.

* Adquisición de patentes

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

* Servizos tecnolóxicos externos

Consideraranse servizos tecnolóxicos externos aquelas actividades distintas á investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes. Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación.

Os servizos tecnolóxicos externos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades do proxecto e estar debidamente xustificados na memoria técnica.

Contía das axudas

a) No caso en que o proxecto non implique a colaboración efectiva cun organismo de investigación, a intensidade global de axuda, segundo o tipo de empresa e a categoría das actuacións financiadas respectará:



Investigación industrial
Mediana empresa 60 %
Gran empresa - 50 %

Desenvolvemento experimental
Mediana empresa - 35 %
Gran empresa - 25 %

* Porcentaxe dos custos subvencionables

b) No caso en que o proxecto implique a colaboración efectiva cun organismo de investigación e difusión de coñecemento, asumindo este como mínimo o 10 % dos custos subvencionables e tendo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación, a intensidade global de axuda poderá incrementarse nun 15 %:

Investigación industrial
Mediana empresa - 75%
Gran empresa - 65%

Desenvolvemento experimental
Mediana empresa - 50%
Gran empresa - 40%

* Porcentaxe dos custos subvencionables

4. O procedemento concreto que se seguirá para fixar a intensidade global de axuda segundo os apartados anteriores terá varias etapas. Así, primeiro fixarase o orzamento total subvencionable daquelas solicitudes que superen o limiar mínimo de puntuación que se recolle no artigo 30 desta resolución. A continuación, clasificaranse os proxectos, ou a participación de cada entidade no caso de proxectos en cooperación, de acordo co tipo de actuación financiable: investigación industrial ou desenvolvemento tecnolóxico.

Realizado isto, determinarase se en cada proxecto se pode considerar que existe colaboración efectiva, entre a empresa/s e o organismo de investigación, cumprindo todas as características que permitirían incrementar nun 15 % a intensidade de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes desta primeira convocatoria do programa Industrias do Futuro iníciase a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de agosto de 2016.

Referencia lexislativa

Resolución do 29 de xuño de 2016 (DOG Nº133 do 14/07/2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2016

Información e tramitación en

1. Sobre este procedemento administrativo, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 95 73 03 do Departamento de Xestión de axudas da devandita Axencia.

c) No correo electrónico xestion.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo: http://sede.xunta.es.