O prazo de presentación finalizou o 21/07/2011

SUBVENCIÓNS PARA INCENTIVAR O TURISMO MEDIANTE A MELLORA DE ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS E CREACIÓN OU MELLORA DA OFERTA COMPLEMENTARIA (CT989A)

Finalidade / Obxectivo

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades privadas para:

• Mellora de establecementos hoteleiros grupo I.

• Creación ou mellora de oferta complementaria dos establecementos hoteleiros existentes.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva

Beneficiarios potenciais

Empresas autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos hoteleiros nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención.

Os titulares dos hoteis que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado.

Será requisito imprescindible para a concesión destas axudas que a empresa solicitante teña inscrita, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, a actividade turística para a cal se solicita a axuda, ou ben que a partir da entrada en vigor o 23 de febreiro de 2010 da modificación operada no artigo 28.4 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, pola Lei /2010, do 11 de febreiro, presentase a declaración responsable de inicio da actividade e o compromiso a que se refire o sinalado artigo.

Requisitos principais do proxecto

Terán calificación de hoteis do grupo I, os definidos no artigo 34.3º Establecementos hoteleiros. Concepto e clasificación, da Lei 14/2008, do 3 decembro, do turismo de Galicia e no artigo 2 do Decreto 267/1999, do 30 de decembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros.

Investimentos ou gastos computables

Liña A) de axudas destinadas a proxectos de mellora, remodelación ou modernización das instalacións existentes dos establecementos hoteleiros

• Obras destinadas a conseguir a elevación de categoría do hotel
• Obras destinadas á reconversión de cuartos en suites.
• Obras destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras para procurar facilidades a persoas con discapacidade física ou sensorial.
• Mellora de garaxes ou aparcamentos para uso exclusivo de clientes no mesmo predio onde se localice o establecemento.
• Ampliación ou mellora de instalacións dedicadas ao coidado da saúde
• Implantación de tecnoloxías e sistemas de organización relativos á mellora da xestión nos establecementos
• Obras destinadas á renovación, tecnificación e innovación que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental, tales como: mellor uso e depuración de augas, emisións atmosféricas, vertedura de augas, xeración e tratamento de residuos sólidos e non sólidos, contaminación acústica, substitución de materiais, etc.

Liña B) de axudas destinadas a proxectos de creación ou mellora da oferta complementaria de servizos nos establecementos hoteleiros existentes (instalacións deportivas, recreativas ou de ocio, garderías, spa ...) e aqueloutras actividades destinadas especialmente para público infantil e todas aquelas que a priori se revelen como susceptibles de xerar máis gasto e/ou maior estancia media dos viaxeiros.

As accións de mellora abranguen tanto actuacións de modernización e remodelación de todas as instalacións hoteleiras como aquelas definidas para a creación ou mellora da oferta complementaria do establecemento. A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística (e, no caso de ter desfrutado dunha subvención semellante nos últimos cinco anos, non poderá incrementar ningunha praza); no caso de que a mellora implique un incremento superior, presentarase a desagación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente ao de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención.

Considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan para a mellora dos establecementos obxecto desta orde e creación ou mellora da súa oferta complementaria. Igualmente, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos.

Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc.). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as ditas condicións.

Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde o mobiliario, a lenzaría, enxoval doméstico, louza e análogos, e a adquisición de terreos.

Contía das axudas

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% (proxectos de creación oferta complementria) e 30% (proxectos de mellora hoteis e da súa oferta complementaria) sobre o investimento subvencionable sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Incompatibilidades

Estas axudas poderán ser compatibles con outras para a mesma finalidade sempre que o conxunto de todas as concedidas para os mesmos elementos subvencionables non superen os límites máximos de axuda establecidos no anexo do Decreto 432/2009. Este
límite é do 30%, porcentaxe que se poderá incrementar ata o 50% cando se trate de pequenas empresas, ou ata o 40% se se trata de medianas empresas. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

Estas axudas non se poderán acumular con outras axudas declaradas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables, se a contía resultante supera os ditos límites.

Referencia lexislativa

Orde do 5 de maio de 2011 (DOG Nº118 do 21/06/2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011

Información e tramitación en

Información na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.culturaeturismo.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Páxina web oficial da secretaría xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).

c) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 da devandita secretaría xeral.

d) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es.

d) Presencialmente.

Observacións

No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo a documentación xustificativa.