O prazo de presentación finalizou o 30/09/2014

PROGRAMA DE FOMENTO DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E) (TR340K)

Finalidade / Obxectivo

Xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

Tipos de apoio

O programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención financeira.

c) Subvención para formación.

d) Subvención para o inicio da actividade.

e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Beneficiarios potenciais

Eempresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Ademais, tamén poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).

Estas empresas, cualificadas previamente como ILE, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, deben estar constituídas e ter iniciado a súa actividade no prazo máximo dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

A actividade desenvolta pola empresa debe coincidir coa do proxecto previamente cualificado como iniciativa local de emprego.

Requisitos principais do proxecto

Para os efectos deste programa entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data da alta na Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

A comprobación de carecer de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

b) Empregos subvencionables: os postos de traballo creados con carácter estable e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incluídos os das persoas promotoras.

c) Persoas promotoras socias: aquelas que figuren como tales na escritura de constitución.

d) Empresas de nova creación: aquelas que inicien a actividade empresarial desde a data do 1 de outubro de 2013.

e) Inicio de actividade empresarial: a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

f) Período subvencionable: poderán ser obxecto de subvención, ao abeiro deste programa, as actuacións subvencionables que cumprindo os requisitos de cada tipo de axuda se desenvolvesen desde o 1 de outubro de 2013 e, no caso das entidades do artigo 3.2, sempre que se desenvolvesen no seu primeiro ano de actividade.

g) Persoa con discapacidade: aquela que, presenta deficiencias físicas, mentais, intelectuais e sensoriais, previsiblemente permanentes que, ao interactuar con diversas barreiras, poidan impedir a súa participación plena e efectiva na sociedade, en igualdade de condicións cos demais. Ademais, e para todos os efectos, ten a condición de persoa con discapacidade aquela a quen se lle recoñecese un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Considerarase que presentan una discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estivese sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregada na oficina de emprego de 180 días se fose menor de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días se fose igual ou maior de 25 e menor de 45.

i) Persoa desempregada que esgotase a prestación por desemprego: aquela que extinguise por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de que non tivese dereito á percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, que esgotase o subsidio de desemprego e, en ambos os dous casos, non desempeñase ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data do esgotamento.

j) Persoa emigrante retornada: aquela que cumpra coa condición de que non transcorrese máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

k) Inmobilizado material ou intanxible: para os efectos da subvención financeira e para acreditar o requisito do destino do préstamo, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Plan xeral de contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas, e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún promotor da empresa. Exclúense os impostos, así como os investimentos referidos aos domicilios particulares dalgún dos promotores ou das promotoras, agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

No suposto de elementos de transporte, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais (epígrafe 511 do IAE), os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensinanza de condutores e os empregados en servizos de vixilancia,

Contía das axudas

* Subvención á xeración de emprego estable

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes contías:

A. 4.000 euros, desempregado en xeral.

B. 5.000 euros, mozo desempregado de 30 ou menos anos.

C. 5.000 euros, muller desempregada.

D. 5.600 euros moza desempregada de 30 ou menos anos.

E. 6.000 euros, persoa desempregada que esgotase a prestación por desemprego, persoa desempregada de longa duración, persoa emigrante retornada, persoa pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social e persoa desempregada con discapacidade.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas de persoas traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.

3. Non se poderá conceder esta axuda cando se trate de persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

4. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014.

* Subvención financeira

1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en inmobilizado material ou intanxible que sexan necesarios para a creación e posta en marcha destas empresas. Como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberase destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberase formalizar no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

* Subvención para a formación

1. A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.

2. Subvencionaranse os cursos e as actividades formativas que a persoa promotora realice para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial. Esta formación deberá ser impartida por entidades públicas ou privadas con experiencia coñecida.

3. O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2014.

A contía da subvención, que só se poderá solicitar unha vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos cun límite máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e actividades de formación recibidas.

* Subvención para o inicio da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 2.400 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez, por persoa desempregada en xeral. Para a persoa moza ou para a muller, a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para a persoa desempregada de longa duración, persoa desempregada con discapacidade, desempregada que esgotase a prestación por desemprego e persoa pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social e emigrantes retornados, a contía será de ata 4.800 euros.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude e, no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que se solicita polo colectivo do importe mínimo.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

3. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2014.

* Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas polas persoas promotoras que, obtendo a subvención establecida no artigo 6 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dadas de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

3. Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes aos tres meses anteriores ao inicio de actividade, sempre que estean dentro do período subvencionable, e ata o mes de setembro de 2014.

As contías máximas das axudas do programa regulado nesta orde incrementaranse nun 25 %, nos casos de que a empresa teña o seu domicilio social e o centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2014. Non obstante deberán respectarse os prazos específicos establecidos para cada tipo de axuda:

Subvención á xeración de emprego estable: 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social.
Subvención financeira: 2 meses desde o inicio da actividade.
Subvención para asistencia técnica, subvención para o inicio da actividade e subvención para a conciliación da vida profesional e laboral dos promotores: no prazo xeral.

As solicitudes de axuda á xeración de emprego estable e subvención financeira deste programa polas actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación da orde, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a alta na Seguridade Social ou desde o inicio da actividade empresarial, poderán presentarse no prazo de UN MES desde o día seguinte a data de publicación da Orde (ata o 11/07/2014)

Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, in¬gresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego de base tecnolóxica e de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.
4. A subvención pola xeración de emprego estable será incompatible coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mini¬mis, establecidos no Regulamento CE 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L 379, do 28 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión.
Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada, e non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.
b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

Referencia lexislativa

Orde do 30 de maio de 2014 (DOG Nº110 do 11/06/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014

Información e tramitación en

Consellería de Traballo e Benestar - Subdirección Xeral de Fomento da contratación e do Traballo Autónomo.

Teléfonos: 981545625 / 981957590 / 981957729