O prazo de presentación finalizou o 15/09/2011

TR341E - PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

Finalidade / Obxectivo

Incentivar a creación, ampliación e mantemento dos centros especiais de emprego en canto fórmulas empresariais eficaces para a xeración de emprego estable para persoas desempregadas con discapacidade.

Tipos de apoio

Neste programa recóllense as accións subvencionables e tipos de axudas seguintes:

Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.

- Axudas para asistencia técnica.
- Subvención financeira.
- Subvención en función do investimento en activo fixo.

Beneficiarios potenciais

Centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.

Poderán solicitar as subvencións establecidas nos programas regulados nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. As axudas concederanse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5º e 6º do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego.

Sectores incentivables

Todos

Requisitos principais do proxecto

Para a creación e ampliación de centros especiais de emprego: .

• Axudas para a asistencia técnica necesaria para a creación ou ampliación de centros especiais de emprego, solicitada durante o primeiro ano da súa constitución e que poden consistir nalgunha das modalidades seguintes: estudios de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga; contratación de directores, xerentes ou técnicos, por un período máximo dun ano; auditorías e informes económicos sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o esixa; ou labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que pola súa natureza teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

• Subvención financeira de redución de xuros dos préstamos destinados a financiar investimentos en activo fixo. Non obstante, no caso de constitución do centro, poderase destinar ata un 25 % do préstamo a financiar o activo circulante. Esta subvención será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo.

• Subvención en función do investimento en activo fixo. Aqueles centros especiais de emprego que se consideren proxectos de recoñecido interese social poderán beneficiarse dunha axuda en función do investimento en activo fixo que se realice durante o ano natural, excluídos os impostos que graven a adquisición.

Para o mantemento de centros especiais de emprego:

• A subvención do custo salarial polos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade dun importe do 75 % do salario mínimo interprofesional, correspondente ás mensualidades de outubro, novembro e decembro de 2010 e, no seu caso, á segunda paga extraordinaria do ano 2010, cando o contrato se celebre a xornada completa ou a parte proporcional se realiza a tempo parcial.

• A subvención do custo salarial polos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade dun importe do 75 % do salario mínimo interprofesional correspondente, ás mensualidades de xaneiro a setembro de 2011 e unha paga extraordinaria para os postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e por persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %, cando o contrato se celebre a xornada completa ou a parte proporcional se realiza a tempo parcial.

• A subvención do custo salarial polos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade dun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades de xaneiro a setembro de 2011 e unha paga extraordinaria para os postos de traballo ocupados polas persoas cun grao de discapacidade física ou sensorial recoñecida igual ou superior ao 33% e inferior ao 65 %, cando o contrato se celebre a xornada completa ou a parte proporcional se realiza a tempo parcial.

• Subvencións para a adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras arquitectónicas por un importe non superior ao custo real e, en todo caso, cunha contía máxima de 1.800 euros por posto de traballo.

• Subvención para o saneamento financeiro do centro especial de emprego, por unha soa vez, destinada a equilibrar e sanear financeiramente aos centros especiais de emprego co fin de lograr a súa reestruturación para acadar niveis de produtividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

• Subvención para o equilibrio orzamentario dos centros especiais de emprego que carezan de ánimo de lucro e sexan de utilidade pública e imprescindibles polo labor que realizan.

Contía das axudas

Para o mantemento de postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade, establécense as seguintes axudas:

a) Subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean en alta na Seguridade Social, cuxo importe se determinará de acordo coas seguintes regras:

-Primeira. Ata un importe do 75% do salario mínimo interprofesional correspondente, como máximo, ás mensualidades de outubro, novembro e decembro de 2010 e, se é o caso, á segunda paga extraordinaria do ano 2010.

Conforme o anterior, o importe da subvención correspondente ás mensualidades do ano 2010 será de 474,98 euros/mes ou 15,83 euros/día. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 554,14 euros/mes, ou 18,47 euros/día.

-Segunda. Ata un importe do 75% do salario mínimo interprofesional correspondente, como máximo, ás mensualidades de xaneiro a setembro de 2011 e unha paga extraordinaria para os postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e por persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.

Conforme o anterior, o importe da subvención correspondente ás mensualidades do ano 2011 será de 481,05 euros/mes ou 16,04 euros/día. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 561,23 euros/mes, ou 18,71 euros/día.

-Terceira. Ata un importe do 50% do salario mínimo interprofesional correspondente, como máximo, ás mensualidades de xaneiro a setembro de 2011 e unha paga extraordinaria para os postos de traballo ocupados polas demais persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.

Conforme ao anterior o importe da subvención correspondente ás mensualidades do ano 2011 será de 320,70 euros/mes ou 10,69 euros/día. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias o importe será de 374,15 euros/mes, ou 12,47 euros/día.

No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de asistencia técnica, subvención financeira e subvención en función do investimento en activo fixo finalizará o 15 de setembro de 2011.

O prazo para a presentación da subvención do custo salarial finalizará o 15 de abril de 2011. Deberá presentarse unha única solicitude polas mensualidades do ultimo trimestre do ano 2010 e a previsión dos custos salariais polas mensualidades ata setembro de 2011, esta incluída. Para os centros que soliciten a súa cualificación e inicien á súa actividade con posterioridade o 15 de abril de 2011 por seren de nova creación, o prazo finalizará o 15 de setembro de 2011.
As solicitudes para a adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación, e o prazo finalizará o 15 de setembro de 2011.

As solicitudes de axudas para saneamento financeiro e equilibrio orzamentario poderán presentarse ata o 15 de setembro de 2011.

Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións establecidas para cada programa son incompatibles coas establecidas para os demais programas previstos nesta orde.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos en cada programa desta orde.

Referencia lexislativa

Orde do 21 de febreiro de 2011 (DOG Nº 42 do 02/03/ 2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011

Información e tramitación en

Para a presentación de solicitudes os beneficiarios poderán contar co asesoramento do persoal técnico de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Consellería de Traballo - www.xunta.es/emprego

Tlfno: 981545612 / 981 544721 / 981 957731