O prazo de presentación finalizou o 01/10/2018

AXUDAS ÁS INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLOXICA (IEBT) (TR340E)

Finalidade / Obxectivo

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

Tipos de apoio

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Beneficiarios potenciais

As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

1.Para poder acceder ás distintas liñas de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Sectores incentivables

Todos

Cualificación requerida do proxecto

As empresas deben estar previamente cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Investimentos ou gastos computables

As axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan neste programa para cada modalidade.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Incompatibilidades

1. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas no Programa de promoción do emprego autónomo, no Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación (I+E+E), así como no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, a axuda á creación directa de emprego estable e a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

3. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

4. Non se poderán imputar os mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos en que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

Referencia lexislativa

Orde do 20 de decembro de 2017 (DOG Nº19 do 26/01/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018

Información e tramitación en

SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO
SUBDIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO
SERVIZO DE EMPREGO POR CONTA ALLEA

San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela

Teléfono: 981544610 / 981957728
Fax: 981957748

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.gal