A finalidade destas axudas é a de contribuír á modernización da frota pesqueira galega mediante o financiamento de investimentos a bordo dos buques pesqueiros sempre que estes investimentos poidan servir para mellorar a seguridade a bordo, as condicións de traballo, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético e a selectividade, sempre que iso non aumente a capacidade pesqueira dos buques, así coma a substitución dos motores, as artes de pesca e aqueles outros investimentos que reduzan os descartes, o impacto da pesca no ecosistema mariño e aqueles que protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes.
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.
1. Poderán ser beneficiarios os propietarios e/ou armadores de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques que cumpran os seguintes requisitos:
a) O buque para o que se solicita o investimento ten que ter cinco anos ou máis, ter o seu porto base na comunidade autónoma galega e atoparse inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de Frota Pesqueira Operativa.
Para os efectos desta orde, para calcular a idade do buque tomarase como data de inicio a de entrada en servizo do devandito buque e como data final o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente.
b) Ter a correspondente resolución de autorización para realizar os investimentos solicitados naqueles casos en que esta sexa necesaria.
Será necesaria a autorización para aquelas obras do buque que dean lugar á variación das características de manga, puntal, eslora total, eslora entre perpendiculares e material do casco, así como tamén para os cambios de motor propulsor ou potencia auxiliar do buque, modificación dos tanques de combustible e calquera outra reforma que poida afectar a estabilidade ou navegabilidade do buque.
c) No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco, e polo tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50% da media obtida para ese porto base e polo tipo de frota segundo se establece no artigo 15º desta orde.
d) No caso de buques para os que a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispor da autorización para realizar a devandita venda.
2. Os beneficiarios da axuda deben estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que teñan unha sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, para o cal deberán cubrir o anexo II.B.
Pesca
1. No momento da presentación da solicitude, os interesados deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o buque inscrito na lista 3ª no Censo de Frota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.
b) Ter a correspondente autorización ou solicitude de autorización para realizar os investimentos solicitados naqueles casos en que esta sexa necesaria. No caso en que esta autorización estea en trámite, se presentarase copia de ter efectuada a solicitude correspondente. En calquera caso, a autorización deberá ser achegada no prazo máximo de 45 días desde que remata o prazo de presentación de solicitudes indicado no artigo 15.1º desta orde.
2. Deberase ter autorización para as seguintes obras:
a) Todas aquelas reformas do buque que dean lugar á variación das seguintes características:
I. Manga.
II. Puntal.
III. Eslora entre perpendiculares.
IV. Eslora total.
V. Arqueo.
VI. Material do casco.
b) Todos os cambios de motor.
c) Obras que impliquen instalación ou modificación da capacidade conxeladora dun buque.
d) Obras que impliquen aumento da potencia auxiliar do buque pesqueiro.
e) Modificación ou alteración da capacidade dos tanques de combustible.
1. Poderán ser elixibles ao abeiro desta orde os investimentos que se realicen a bordo dos buques e que teñan as seguintes finalidades:
a) Mellora da seguridade a bordo do buque.
b) Mellora das condicións de traballo.
c) Mellora das condicións de hixiene.
d) Mellora da calidade dos produtos.
e) Mellora do rendemento enerxético.
f) Mellora da selectividade.
g) Substitución do motor cos condicionantes do artigo 7º desta orde.
h) Substitución das artes de pesca por outras máis selectivas cos condicionantes do artigo 8º desta orde.
2. Tamén poderán ser elixibles aqueles investimentos que:
I) Permitan a conservación a bordo das capturas en que o seu descarte non estea autorizado.
II) Reduzan o impacto da pesca en especies non comerciais.
III) Reduzan o impacto da pesca nos ecosistemas e fondos mariños.
IV) Protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes, sempre que non aumenten o esforzo pesqueiro nin se prexudique a selectividade das artes de pesca e se adopten todas as medidas adecuadas para evitar que se lles produzan danos físicos aos depredadores.
3. Os investimentos establecidos no artigo 7 do Regulamento (CE) 744/2008.
4. Non se concederá ningunha axuda para o aumento de capacidade das bodegas nin para aqueles investimentos non previstos no proxecto presentado coa solicitude de axuda; nin para aqueles que supoñan a conservación, substitución ou reparación de elementos salvo que supoña unha mellora substancial nestes.
5. Os investimentos ou gastos para os cales se solicita a axuda non poderán estar iniciados antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes e debe acreditarse tal extremo a través da acta de non inicio regulada no artigo 9º desta orde. Non obstante, e con carácter excepcional, permítese a realización de investimentos previos nos termos establecidos no artigo 9º punto 4.
6. Non serán subvencionables aqueles investimentos en que o importe da axuda resulte inferior a 600 euros.
A porcentaxe máxima de contribución pública das axudas será, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do FEP, igual ou menor ao 40% do total dos gastos elixibles. No caso de cambios de motor o importe de axuda será como máximo un 20% do gasto elixible.
No caso dos investimentos realizados en buques de pesca costeira artesanal, a porcentaxe de axuda poderá ser igual ou menor ao 60% do total dos gastos elixibles.
O gasto máximo elixible en todo o período de vixencia do FEP será o 50% do valor que lle correspondería ao buque por paralización definitiva durante o primeiro ano de programación do Fondo Europeo de Pesca, valor que poderá ser incrementado para os casos de investimentos en seguridade.
O número máximo de axudas para investimentos a bordo que se poderán conceder en todo o período de vixencia do FEP será de tres, salvo causas de forza maior debidamente xustificadas.
Para esta convocatoria de 2012 o prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de marzo de 2012, sempre que houbese como mínimo un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso contrario o prazo será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no devandito diario oficial. Neste último caso, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) 1198/2006 para a contribución pública.
Orde do 31 de maio de 2010 (DOG Nº105 do 31/05/2010) - Bases reguladoras
Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG Nº248 do 29/12/2011) - Convocatoria 2012
Delegacións territoriais da Consellería de Mar
Teléfono: 981 546295
Aqueles solicitantes aos cales se lles conceda a axuda nesta convocatoria do ano 2012, e renuncien, non acepten ou se lles declarare decaídos no seu dereito de cobramento, serán inadmitidos na seguinte convocatoria.
Unicamente para a convocatoria do ano 2012 terán validez as actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, cuxas solicitudes non se puidesen presentar por estar pechado o prazo ou existir a imposibilidade de que fosen atendidas no
dito exercicio económico de 2011, salvo que o solicitante renunciase á axuda.