O prazo de presentación finalizou o 31/07/2014

MR635A - AXUDAS PARA CONSTITUIR E INICIAR A ACTIVIDADE DE SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL (SOFOR)

Finalidade / Obxectivo

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.

2. Establécense dúas liñas de axuda:

a. Para constituír as sociedades de fomento forestal (Sofor).

b. Para iniciar actividade das sociedades de fomento forestal con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor). Este rexistro está xestionado pola Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

a) Axudas para constituír sociedades de fomento forestal (Sofor).

a.1) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.

a.2) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.

a.3) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre e cando non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.

b) Axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor)

Poderán solicitar as axudas para iniciar da actividade as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).

Sectores incentivables

Forestal

Investimentos ou gastos computables

Os conceptos subvencionables para constituír unha Sofor e inscribila no RSofor son os seguintes:

a) O custo de investigación da propiedade e clasificación dos terreos en que se aplique un sistema acreditado e obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal. Este concepto non será subvencionable no caso das Sofor que inclúan terreos en proceso de concentración parcelaria ou que xa se atopen concentrados.
b) Os gastos notariais de constitución da Sofor.
c) O cartel informativo (modelo anexo X) que están obrigadas a colocar nun lugar visible nos terreos obxecto da subvención.

O IVE non é subvencionable.

No caso de que se solicite e conceda axuda para inscrición previa, non poderá solicitarse a axuda para a súa inscrición definitiva.

Os conceptos subvencionables para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no RSofor son os seguintes:
a) Os gastos notariais e rexistrais necesarios para realizar a concentración privada das propiedades forestais integradas na Sofor.
b) Os custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns.
c) Os custos de execución de infraestruturas comúns.
d) Os custos de redacción do instrumento de ordenación e xestión forestal.
e) O cartel informativo (modelo anexo X) que están obrigadas a colocar nun lugar visible nos terreos obxecto da subvención.

Durante o período da convocatoria non se concederá máis dunha subvención por cada un dos conceptos descritos nas epígrafes a) ao d).

Contía das axudas

Os importes de subvención da liña de axudas para constituír Sofor son os seguintes:

a) Axudas para o custo de investigación e clasificación. O importe máximo subvencionable será de 30.000 euros.

b) Axudas para os gastos notariais de constitución da Sofor. O importe máximo subvencionable non poderá superar os 7.000 €.

c) Axuda para adquirir e colocar o cartel informativo O importe máximo subvencionable (máximo dun por solicitude) será de 255 €.



Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de xullo de 2014.

A tramitación destas axudas realízase mediante convocatoria aberta con dous procedementos sucesivos de selección.
As solicitudes que se incluirán en cada un dos procedementos de selección serán as seguintes:

a) Primeiro procedemento de selección. Incluirá as solicitudes correctamente presentadas e cos informes favorables dos órganos correspondentes a 31 de marzo de 2014.

b) Segundo procedemento de selección. Incluirá as solicitudes correctamente presentadas e cos informes favorables dos órganos correspondentes a 31 de xullo de 2014 que non fosen aprobadas no procedemento anterior.

Referencia lexislativa

Orde do 2 de xullo de 2013 (DOG Nº133 do 15/07/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013
Orde do 10 de setembro de 2013 (DOG Nº176 do 16/09/2013) - Ampliación do prazo de solicitude
Orde do 30 de decembro de 2013 (DOG Nº14 do 22/01/2014) - Convocatoria 2014

Información e tramitación en

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Complexo administrativo de San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela

Tel.: 981 546 108 / 09 - Fax: 981 546 101

Correo-e: montes.galicia@xunta.es

TRAMITACIÓN:

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://emediorural.xunta.es/oav