O prazo de presentación finalizou o 29/09/2017

PLAN RENOVE DE FIESTRAS (2017)

Finalidade / Obxectivo

Establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das subvencións da CEEI para incentivar a rehabilitación dos ocos acristalados da fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética do edificio e os conseguintes aforros en termos económicos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e a DXEM. Serán as encargadas da venda, da promoción, da substitución e da instalación dos equipamentos indicados no artigo 3. Así mesmo serán encargadas de tramitar a solicitude (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia non competitiva

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas propietarias ou titulares de calquera dereito sobre vivendas de uso residencial e comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 3 se realice en inmobles sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
As beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola DXEM no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e a DXEM. As características técnicas exixibles poderanse consultar na páxina web da DXEM (www.xunta.gal).

Requisitos principais do proxecto

1. Será subvencionable a renovación de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio por novas fiestras que cumpran coas seguintes especificacións técnicas:
a) Dispor de marcación CE conforme a norma UNE EN 14351-1:2006+A1:2011.
b) Exixencias mínimas de eficiencia enerxética:
1ª. Opción A: carpintaría de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos:
A.1. Dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior para vidros normais.
A.2. Dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
2ª. Opción B: carpintaría metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con acristalamento baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
En todo caso, a instalación destas carpinterías deberá cumprir coa exixencia mínima establecida no Código técnico da edificación que corresponda e segundo o disposto na Orde FOM/1635/2013, do 10 de setembro, pola que se actualiza o Documento básico DB-HE «Aforro de enerxía», do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.
A renovación consistirá na substitución dunha fiestra existente por outra de igual ou inferior tamaño.
Será subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos citados.
Tamén será subvencionable a renovación de portas que separen estadías calefactadas do exterior, sempre e cando cumpran coas especificacións técnicas deste artigo e teñan marco por todo o perímetro.
Considéranse custos subvencionables a retirada das fiestras existentes, a fabricación das novas fiestras e a súa instalación, sempre e cando veña detallado na factura.
2. Non son subvencionables:
a) Os cerramentos acristalados que se instalen coa finalidade de pechar ambientes exteriores (terrazas e/ou tendedeiros), por non tratarse dunha renovación senón de modificacións na envolvente da vivenda.
b) Ocos acristalados non situados na fachada como, por exemplo, as fiestras tipo velux.
c) As fiestras que estean nas particións interiores das vivendas (fiestras interiores, fiestras de cuartos de baño interiores...), é dicir, aquelas que non separan estadías calefactadas do exterior.
d) En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a actuacións que xa fosen obxecto de subvención nas anteriores campañas do «Plan Renove de fiestras».
3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
4. Non se considerarán subvencionables:
a) Os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento.
b) Os gastos realizados en bens usados.
5. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día seguinte da reserva de fondos e o derradeiro día do prazo de xustificación.
6. O IVE (imposto sobre o valor engadido) será subvencionable para os particulares, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, para o cal será necesario realizar unha declaración responsable (opción establecida na solicitude-anexo IV) en que se indique que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional ou, no caso de ser Administración pública, que non pode repercutir o IVE.

Investimentos ou gastos computables

Renovación de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio pola compra de novas fiestras que cumpran coas especificacións técnicas xa indicadas.

Contía das axudas

A contía da axuda ascenderá a un máximo de 100 €/m2 de oco, cuns límites de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso ou edificios de vivendas. Para o caso de comunidades de propietarios, a axuda máxima será de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso, co máximo de 50.000 € por edificio. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do custo total da obra.
Soamente se admitirá unha solicitude de axuda por solicitante e vivenda ou edificio de vivendas, con excepción da renovación de fiestras que fosen obxecto de axuda na convocatoria do Plan Renove de fiestras 2016 (Orde do 28 de decembro de 2015, DOG núm. 249, do 31 de decembro), sempre que o solicitante execute unha actuación non subvencionada anteriormente. Neste caso, a nova actuación si poderá ser subvencionable.
En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitude de adhesión será de 5 días hábiles a partir do 1 de febreiro de 2017.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 1 de marzo e finalizará o 29 de setembro, agás esgotamento de crédito. Neste caso infornarase do peche adiantado do prazo de solicitudes a través da páxina web da DXEM e no DOG.

Incompatibilidades

As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á DXEM tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

Referencia lexislativa

Orde do 27 de xaneiro de 2017 (DOG Nº21 do 31/01/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017

Información e tramitación en

Para resolver dúbidas:

correo electrónico: ceei.dxem.axudasenerxia@xunta.gal
Tlfnos: 981 54 55 73/ 881 99 93 20/ 981 54 54 74
Páxina web: http://economiaeindustria.xunta.gal

As solicitudes tanto de adhesión das entidades colaboradoras ao plan como as solicitudes de axudas deberán presentalas as entidades colaboradoras exclusivamente por vía electrónica, a través https://sede.xunta.gal , ou ben desde as páxinas web https://entidadescolaboradoras.xunta.es ou https://planrenovefiestras.xunta.es

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses contados desde a data da solicitude na aplicación informática.