O prazo de presentación finalizou o 14/05/2024

IN856C - MISIÓNS DE ESPECIALIZACIÓN INTELIXENTE DE GALICIA (2024)

Finalidade / Obxectivo

Esta iniciativa ten como obxectivo promover a realización de proxectos de I+D+i e investimento produtivo de carácter estratéxico para contribuír ás misións de especializa¬ción intelixente definidas no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que desenvolvan actividades económicas, singularmente as pemes e grandes empresas que realicen proxectos de cooperación en consorcio, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Poderán participar tamén no consorcio as entidades definidas no artigo 3 e, no caso de resultar beneficiarias, deberán axustarse ás correspondentes aplicacións orzamentarias nos termos establecidos no artigo 6 destas bases. Todos os beneficiarios deberán contar cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.
2. As grandes empresas só poderán acceder ás axudas se colaboran de xeito efectivo (anexo 1 desta convocatoria) con dúas ou máis pemes e, en calquera caso, non poderán ser beneficiarias da parte de axudas ao investimento produtivo, que se restrinxe a pemes.
3. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Modalidades de participación:

1. A modalidade de participación é en cooperación: as entidades participantes deberán formar un consorcio, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Este consorcio estará constituído por:
• En relación coas empresas, como mínimo, tres empresas, das cales unha empresa tractora e dúas empresas peme. Poderán ser tractoras as empresas independentemente do seu tamaño, sempre que xustifiquen na memoria do proxecto a súa capacidade de tracción, de acordo co anexo I.
• En relación con outras entidades, non sendo obrigatoria a súa participación, poden formar parte do consorcio as seguintes entidades:
– Organismos públicos de investigación.
– Universidades públicas, os seus departamentos e institutos universitarios.
– Outros centros públicos de I+D: organismos públicos e centros con personalidade
xurídica propia dependentes ou vinculados á Administración xeral do Estado, e os dependentes ou vinculados ás administracións públicas territoriais e os seus organismos.
– Entidades e institucións sanitarias públicas e privadas que desenvolvan actividade
investigadora.
– Centros Tecnolóxicos e Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica inscritos no Rexistro
de Centros Tecnolóxicos e Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica
– Entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que realicen e/ou xestionen actividades de I+D, xeren coñecemento científico ou tecnolóxico, faciliten a súa aplicación e transferencia ou proporcionen servizos de apoio á innovación ás empresas.
– Agrupacións ou asociacións empresariais que realicen entre as súas actividades
proxectos e actuacións de I+D+i.

2. As porcentaxes de participación en cooperación de acordo coa tipoloxía das entidades socias do consorcio son as seguintes:
• O orzamento global que debe asumir o conxunto de pemes participantes non poderá ser inferior a un 30 % do total dos custos subvencionables.
• O orzamento global do organismo ou organismos de investigación e de difusión de
coñecementos non poderá ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto e tampouco superior ao 40 %.
• Ningún membro do consorcio poderá contar cun orzamento individual inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto nin superior ao 70 %.

3. A relación entre os membros do consorcio e a súa creación formalizarase mediante un acordo de consorcio no cal se concretarán os compromisos e obrigas. O funcionamento interno do consorcio responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír expresamente quen é o líder do consorcio. O líder será o representante único do consorcio, único interlocutor coa Administración e deberá ser sempre unha empresa.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables os proxectos en colaboración cun orzamento mínimo de 600.000 euros e máximo de 5.000.000 de euros (imposto sobre o valor engadido non incluído) cunha duración mínima de 2 anos e máxima de 3 anos e 6 meses.

2. Os proxectos financiables poderán incluír a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto, así como o investimento produtivo vinculado á parte científico-tecnolóxica do proxecto, segundo se define no anexo I destas bases. O orzamento total do proxecto deberá axustarse ás seguintes porcentaxes:

• I+D+I (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación organizativa, en materia de procesos e de produto), entre un 50 % e un 70 %, excepto os proxectos que polo seu sector ou actividade, segundo o indicado no parágrafo seguinte, non poidan contar con investimento produtivo, que poderán chegar ao 100 %.

• Investimento produtivo, un mínimo do 30 % e ata un máximo do 50 %, a excepción dos proxectos para os seguintes sectores e actividades, para as cales queda excluído o investimento produtivo:

– A produción agrícola primaria.
– Os produtos da pesca e da acuicultura.
– O sector do transporte.
– Os sectores do carbón, do lignito e do aceiro.
– A produción, o almacenamento, o transporte, a distribución de enerxía e as infraestruturas de enerxía.
– Os investimentos en medidas de eficiencia enerxética.
– Os investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
– Os investimentos en eliminación de residuos.
– Os investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de residuos, con excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de residuos con fins de economía circular.

Cualificación requerida do proxecto

- Misión 1: Contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario de Galicia, a partir da redución da súa pegada nun 10% (carbono, hídrica, ecolóxica) en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas.

- Misión 2: Contribuír á redución do 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, con respecto a 1990, para o ano 2030 incrementando a reutilización de materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo.

- Misión 3: Contribuír, de cara ao 2030, a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88, mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida (hábitos e contornas saudables e seguras).

Investimentos ou gastos computables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento de cada proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade 2024 só serán admitidos os gastos realizados dentro do período
comprendido entre a data de presentación da solicitude da subvención e a data limite de execución do gasto establecida no artigo 35 desta resolución. Para estes efectos, considérase como data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da agrupación.

3. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período
comprendido entre a data límite de execución de gasto da anualidade anterior e a data
límite de execución de gasto da anualidade corrente.

Son custos subvencionables os seguintes:
a) Custos directos: os custos directos son os que están directa e inequivocamente vinculados á actividade subvencionada e para os cales é posible demostrar a súa vinculación coa dita actividade. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.
2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.
3. Materiais, subministracións e produtos similares.
4. Adquisición de patentes.
5. Subcontratacións.
6. Outros custos, concretamente:
• O custo derivado do informe realizado polo/a auditor/a.
• O custo derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar
un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).
• O custo derivado da contratación externa do plan de comunicación e difusión do
proxecto, previsto no artigo 16 desta convocatoria.

b) Custos indirectos: son aqueles que non están vinculados ou non se poden vincular
directamente á actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. O custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos directos de persoal subvencionables.

c) Non se consideran subvencionables o imposto sobre o valor engadido, así como
os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional.
Porén, este tipo de impostos si serán subvencionables cando pola natureza da entidade
beneficiaria non poidan ser recuperados.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará en 90 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación.

Incompatibilidades

As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Pro¬moción Económica, ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción dou¬tras axudas, outros ingresos e outros recursos, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de xaneiro de 2024 conxunta da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica - (DOG Nº32 do 14/02/2024) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

Todos os solicitantes presentarán o anexo II (solicitude), xunto co resto de anexos dispoñibles, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Pola súa natureza de proxecto colaborativo, cada membro do consorcio, agás o líder, presentará a súa solicitude expresando claramente o título do proxecto e a información que figura no anexo II. Esta presentación dará lugar a un número de rexistro que deberá facilitar á empresa líder. Posteriormente, a empresa líder de cada consorcio presentará a súa solicitude.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Información: axudas.gain@xunta.gal

Observacións

A valoración de cada proxecto presentado que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e que unicamente conte co I+D+I realizarase sobre un total de 100 puntos.

Será requisito necesario para que un proxecto poida ser subvencionado que obteña un mínimo de 60 puntos. Ademais, os proxectos que, superando esta puntuación, inclúan unha fase de investimento produtivo terán prioridade sobre os demais.