O prazo de presentación finaliza o 30/12/2024

IG254 - NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS CO IGAPE (2024)

Finalidade / Obxectivo

Bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas co Igape, e convocar para o ano 2024 as devanditas operacións de refinanciamento, que non terán a consideración de axuda de estado, en réxime de concorrencia non competitiva

Tipos de apoio

En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:

1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.

2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dunha nova operación.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.

d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nos apartados a) e b) anteriores excepciónanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.

Requisitos principais do proxecto

1. Prazo e amortización

1.1. No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos establecido no Decreto 133/2002, e poderán contemplarse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes aos establecidos inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais.

No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo de 25 anos fixado no Decreto 133/2012, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme a un plan económico financeiro que deberá achegar a solicitante.

1.2. A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.

1.3. As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da prestameira, como a obtención de EBITDA en exercicios futuros superiores a determinados limiares ou o cobramento de axudas públicas, entre outros, así como de limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular e na devolución de préstamos a socios ou a outras persoas vinculadas. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola solicitante.

2. Contías financiables

Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, podendo incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento no cal quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.

3. Garantías

As novacións que se aproben ao abeiro destas contarán con garantías adecuadas en función das características da operación. A cuantificación da garantía realizarase polo Igape mediante o procedemento descrito no Anexo III.

4. Xuros

O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte:

a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao amparo destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de estado, conforme ao establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/ C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).

Para iso, o Igape percibirá intereses adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas. Naquelas solicitudes que cumpran as condicións necesarias, o Igape realizará un estudo da cualificación de risco da solicitante seguindo a metodoloxía descrita no Anexo II, do cal resultará encadrada nunha das categorías “Excelente (AAA-A)”, “Boa (BBB)”, “Satisfactoria (BB)”, “Deficiente (B)”, ou “Mala/dificultades (CC)”. Conforme aos criterios descritos no Anexo III, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveles de colateralización: “Alta”, “Normal” e “Baixa”.

O tipo de xuro ordinario será a suma do Tipo base máis a Marxe.

b) Xuros de mora. En caso de atraso no pago dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis catro puntos porcentuais. Os ditos xuros liquidaranse o último día do trimestre natural no que se xeraron.

Os xuros percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.

Cualificación requerida do proxecto

1. O Igape concederá as operacións previstas nestas bases ás persoas solicitantes que cumpran as condicións establecidas, salvo que se aprecie algún dos seguintes motivos de denegación:

a) Falta de capacidade de reembolso da solicitante para a operación regulada nestas bases.
b) Non se supera a puntuación mínima na cualificación do risco de crédito realizada polo Igape con arranxo á metodoloxía descrita no Anexo II.
c) Falta de coherencia do calendario proposto co plan financeiro da solicitante.
d) Vontade inxustificada de subordinación do reembolso da débeda co Igape fronte ao pago a outros acredores ou outras aplicacións dos recursos financeiros dispoñibles.
e) Falta de asunción de compromisos que puidesen ser razoablemente esixibles, tales como o mantemento de actividades, emprego, etc.
f) O menoscabo da solvencia da parte debedora ou avalista.
g) Cando, da análise do risco e do plan económico financeiro presentado, non se infira a necesidade de novar a débeda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30/12/2024, ás 14.00 horas.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de decembro de 2023 (DOG Nº2, 03/01/2024) - Bases reguladoras e convocatoria 2024

Información e tramitación en

Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto de financiamento, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, dentro do prazo establecido na convocatoria.

Observacións

1. Nun prazo máximo de 6 meses contados dende a data de formalización, o titular do préstamo deberá presentar no Igape a primeira copia da escritura ou póliza da novación, liquidada e inscrita, se é o caso, nos rexistros competentes.

2. A aplicación dos fondos da operación á cancelación e/ou refinanciamento de débedas indicado no acordo de novación executarase sen saída efectiva de fondos, e terá efectos dende a data da formalización, aínda que se incluirá nos correspondentes contratos unha condición resolutoria para o caso de que non se cumpra o establecido no punto 1 deste artigo.