O prazo de presentación finalizou o 02/02/2024

IG284 - PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN DAS ENTIDADES COLABORADORAS PARA A XESTIÓN DO PROGRAMA RE-ACCIONA (2024)

Finalidade / Obxectivo

Selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona.

A presente convocatoria ten como obxecto seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de dúas entidades colaboradoras para prestar cada un dos servizos (máximo de 26 entidades en total). A cualificación como entidade colaboradora será válida para a/s convocatoria/s do programa Re-acciona que se publiquen no período de programación 2021-2027. No caso de que para algún dos servizos se produza algunha baixa nas entidades colaboradoras seleccionadas, poderá seleccionarse unha nova entidade colaboradora entre as que superasen a puntuación mínima establecida no artigo 10.6. No caso de non poder cubrir a baixa, de que se engadan novos servizos ou de que se considere necesario para o mellor desenvolvemento das convocatorias poderán convocarse novos procesos de selección de entidades colaboradoras.

Selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona.

Este programa terá as seguintes características:

1. O seu obxectivo será permitir ás empresas galegas acceder a servizos de asesoramento que melloren a súa adaptación no novo entorno económico.

2. A participación no programa será modular, de forma que as empresas poderán solicitar ao seu abeiro un ou varios dos seguintes servizos (ver as fichas do anexo III):

- Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
- Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
- Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).
- Servizos de Captación, Fidelización e Xestión de Talento.
- Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.
- Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
- Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
- Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
- Servizos de preparación de procesos certificables.
- Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
- Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
- Servizos de protección da innovación.
- Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.

3. Os destinatarios dos servizos –beneficiarios da liña de axudas que se convocará- serán as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención; aos destinatarios imporáselles un requisito de tamaño mínimo acorde co servizo a prestar: deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3 ao peche do último exercicio.

4. Os servizos constarán de tres fases:
- Formación e sensibilización (de xeito indicativo, 5%-10% do servizo). Proporcionarase capacitación adecuada aos empregados. Isto asegurará que todos os membros do equipo comprendan o seu papel e contribúan de maneira efectiva ao desenvolvemento dos servizos.
- Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto (de xeito indicativo, 15%-20% do servizo).
- Execución do plan de traballo (de xeito indicativo, 70%-80% do servizo).

5. Os servizos prestaranse por parte das entidades colaboradoras seleccionadas, que recibirán unha compensación económica polos gastos incorridos, de acordo co artigo art.13.2.m) da Lei 9/2017, segundo o seguinte esquema:

Denominación......…..Compensación económica
Categoría 1: Análise e Avaliación competitiva...….3.780 €+ IVE
Categoría 2: Optimización e mellora competitiva...………...5.355 € + IVE
Categoría 3: Estratexias de Competitividade avanzada...….6.300 € + IVE

Categoría 1: Análise e Avaliación competitiva, cunha duración mínima orientativa de 60 horas.
- Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
- Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
- Servizos de protección da innovación (B), servizo parcial.
- Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (B,C), servizos parciais.

Categoría 2: Optimización e mellora competitiva, cunha duración mínima orientativa de 85 horas.
- Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
- Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).
- Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
- Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
- Servizos de protección da innovación (A), servizo completo.
- Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
- Servizos de Consultaría Modular para PEMES en Captación, Retención e Xestión de Talento.

Categoría 3: Estratexias de Competitividade avanzada, cunha duración mínima orientativa de 100 horas.
- Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
- Servizos de preparación de procesos certificables.
- Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG na PEME.
- Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (A), servizo completo.

A presente convocatoria ten como obxecto seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de dúas entidades colaboradoras para prestar cada un dos servizos (máximo de 26 entidades en total). A cualificación como entidade colaboradora será válida para a/s convocatoria/s do programa Re-acciona que se publiquen no período de programación 2021-2027. No caso de que para algún dos servizos se produza algunha baixa nas entidades colaboradoras seleccionadas, poderá seleccionarse unha nova entidade colaboradora entre as que superasen a puntuación mínima establecida no artigo 10.6. No caso de non poder cubrir a baixa, de que se engadan novos servizos ou de que se considere necesario para o mellor desenvolvemento das convocatorias poderán convocarse novos procesos de selección de entidades colaboradoras.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Deberán estar de alta censual en epígrafe de prestación de servizos e acreditar que á data da presente convocatoria prestan servizos de similar natureza a aqueles para os que optan a ser entidade colaboradora e acreditar a prestación nos últimos tres anos dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles aos que opta.

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e realizando as seguintes funcións:
a) Avaliación inicial e comprobación dos requisitos dos solicitantes da axuda, e viabilidade e eficacia da execución do servizo.
b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.
c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa (prestación de servizos).
d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

4. As entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións co Igape a través da súa oficina virtual.

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

5. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo, que o soliciten no prazo que se indica no artigo 2 destas bases reguladoras e que resulten elixidas de acordo co procedemento do artigo 8 para a prestación dun determinado servizo.

6. De conformidade coa Lei 9/2007, as entidades colaboradoras deberán adherirse ao convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II desta convocatoria. O dito convenio posúe o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei 9/2007.

7. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

9. Non poderán obter a condición de entidade colaboradoras as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

9. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará ás 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e ata as 14.00 horas do 2 de febreiro de 2024.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG Nº241 do 21/12/2023) - Procedemento de selección de entidades colaboradoras

Información e tramitación en

1. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude distinta para cada tipo de servizo dos enumerados no artigo 1.2 na que desexen colaborar no programa. Ningún membro do equipo de traballo presentado nunha solicitude poderá presentarse en sucesivas solicitudes da mesma ou outra candidata, salvo que a súa participación na prestación do servizo teña funcións de dirección ou de apoio con unha dedicación inferior ao 5% da estimada para o servizo, e esta circunstancia apareza de xeito explícito na solicitude. No caso de que se incumpra esta condición só se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Na solicitude declararase a vontade de adherirse ao convenio publicado como anexo II destas bases.

3. As entidades colaboradoras interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) Referencias dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles aos que opta, prestados nos últimos tres anos pola solicitante, que inclúan cando menos unha descrición do traballo realizado, equipo e destinatario do servizo (extensión máxima de tres páxinas).
c) Oferta de servizo, que especifica o servizo que se compromete a prestar a entidade polo prezo fixo indicado no artigo 1.5. Debe incluír os elementos necesarios para avaliar a participación da entidade segundo o baremo do artigo 10. A oferta de servizo non superará as 40 páxinas de extensión, sen incluír o índice nin a táboa de referencias cruzadas, cunha marxe estándar de 2,54 cm nos catro lados da páxina, un espaciado de 1,5 liñas, un tipo de letra Arial con tamaño de 12 puntos e deberá adaptarse ao esquema seguinte, coa extensión suxerida por sección:
i) Índice.
ii) Presentación da entidade (2 páxinas).
iii) Características do servizo (25 paxinas):
- Descrición do servizo: poderán describirse variantes en función do grao de madurez da empresa beneficiaria, tamaño, sector, etc. Esta sección deberá desenvolver a metodoloxía do desenvolvemento do servizo, o impacto e resultados previstos, así como a descrición dos entregables propostos (20 páxinas).
- Presentación do servizo á PEME: dun máximo de catro diapositivas na que se poña de relevo a proposta de valor e os detalles principais (4 páxinas).
- Prazo e condicións da garantía ofertada (1 páxina).
iv) Compromisos de dedicación ao servizo e cronograma de desenvolvemento (2 páxinas).
v) Experiencia e recursos dispoñibles: (10 páxinas)
- Equipo de traballo: relación nominal das persoas que prestarán o servizo, indicando a súa titulación, vinculación laboral coa entidade, experiencia e breve currículo de cada unha. Motivar os beneficios derivados das distintas competencias do equipo de traballo.
-Experiencia na prestación de servizos de consultaría a pemes no ámbito específico requirido: proxectos anteriores realizados para pemes, impacto obtido en función de indicadores.
vi) Táboa de referencias cruzadas na que, para cada un dos criterios e subcriterios de valoración do artigo 10 se explique o(s) epígrafe(s) da oferta que a administración debería ter en conta para a súa avaliación. A avaliación só terá en conta os contidos dos epígrafes reseñados para cada criterio.
d) Documentación relativa a entregables análogos desenvolvidos para servizos similares, respectando a confidencialidade.
e) Referencias favorables por parte doutras organizacións ou entidades públicas e privadas coas que traballara previamente.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 3.9 das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo V destas bases:
i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente.

ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
g) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio do no significant harm-DNSH), segundo o anexo VI destas bases.

Observacións

O prazo máximo para que a persoa titular da Dirección Xeral do Igape resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de tres meses desde a publicación da convocatoria no DOG. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución será conxunta e indicará que solicitudes foron rexeitadas por non cumprir requisitos, a valoración das solicitudes válidas e os solicitantes que acadan a condición de entidade colaboradora.

Na páxina web do programa Re-acciona (https://reacciona.igape.es) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.