O prazo de presentación finalizou o 29/09/2023

IG257 - REAVAL CRECEMENTO - PRÉSTAMOS AVALADOS PARA O CRECEMENTO DAS PEMES (2023)

Finalidade / Obxectivo

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

Tipos de apoio

O Igape bonificará o tipo de xuro que aplique a entidade de crédito adherida e a comisión do aval da SGR nos termos indicados nas seguintes alíneas desta modalidade de préstamos.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas,

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.

No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I.

En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

1) Importe:

O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.1. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

2) Prazo:

O prazo mínimo do préstamo a avalar será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual será variable co sistema de variación seguinte:

- Tipo de referencia: Será o euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

- Tipo adicional: Será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 1,90 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

4) Subvención ao tipo de xuro:

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,90 puntos porcentuais dos xuros dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade, sen que o importe resultante poida exceder do montante total dos xuros xirados pola entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento.

5) Comisións:

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,25 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación, e poderán ser financiados co propio préstamo. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

6) Subvención á comisión de aval.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos avalados concedidos ao abeiro desta modalidade.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

7) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

As SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais sempre que non recaian sobre activos líquidos ou financeiros, nos seguintes casos:
i. En operacións cunha duración superior a 7 anos e importe superior a 50.000 €, ou
ii. En operacións por importe superior a 300.000 €.

O período de disposición e utilización dos fondos do préstamo iniciarase na data de formalización da operación e finalizará na primeira das dúas seguintes datas:
- Un ano desde a data de formalización.
- A primeira amortización.

Poderán pagarse con cargo aos fondos do préstamo gastos e investimentos anteriores á data de formalización do préstamo, sempre que se atopen pendentes de pagamento dentro do período de disposición e utilización.

Investimentos ou gastos computables

A titular deberá formalizar ou ter formalizado un préstamo a longo prazo a avalar, que será aplicado do seguinte xeito:

C.1) Un mínimo do 40 % do seu principal será aplicado a financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

i. Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construción dos seguintes elementos:

i.a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola persoa beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade.
Exclúense:
-Os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas.
-Investimentos financeiros.
-A adquisición de elementos de transporte nas empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada. A prestación dun servizo integrado no que a operación de transporte só sexa un elemento, como os servizos de mudanza, os servizos de correo postal ou de mensaxería, ou os servizos de recollida e transformación de residuos, non debe considerarse un servizo de transporte, e polo tanto non se aplica esta exclusión.

i.b) Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas.

ii. Enténdese por capital corrente o pagamento dos seguintes conceptos de gasto: compras de materias primas, outros aprovisionamentos e mercadorías, gastos de persoal (soldos e salarios, indemnizacións, seguridade social e outros gastos sociais), impostos, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

Tamén poderán computarse dentro deste límite o pagamento da comisión do aval así como as achegas ao capital das SGR.

Os bens obxecto de investimento ou gasto deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola persoa beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes da finalización do prazo de disposición e utilización dos fondos, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os bens usados poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

Os provedores e acredores non poderán estar vinculados coa persoa ou entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores.

C.2) Un máximo do 60 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas con entidades financeiras non avaladas pola SGR que conceda a operación, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

– Pagamento de cotas de préstamos e leasing, incluíndo cotas ordinarias e amortizacións anticipadas. Non poderá aplicarse ás operacións concedidas por administracións ou entidades públicas, ou operacións con calquera tipo de aval público.

– Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

C.3) Os préstamos tamén poderán destinarse á cancelación ou reestruturación de débedas bancarias avaladas pola SGR que conceda a operación. Os importes que se destinen a esta finalidade non se computarán a efectos das porcentaxes sinaladas nos apartados C.1) e C.2) anteriores, podendo aplicarse o 100 % do novo préstamo a esta finalidade.

No caso de que as operacións canceladas con este préstamo conten con subvención dos seus gastos financeiros por parte do Igape, a súa amortización total anticipada como consecuencia deste refinanciamento non suporá o reintegro da mesma.

Cando o refinanciamento se materialice sobre unha única operación avalada coas mesmas entidade de crédito e SGR avalista, en lugar de instrumentarse un novo préstamo, poderá formalizarse unha novación modificativa da operación preexistente.

Contía das axudas

O Igape bonificará o tipo de xuro que aplique a entidade de crédito adherida e a comisión do aval da SGR nos termos indicados nas seguintes alíneas desta modalidade de préstamos.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte por estrada, redúcese a 100.000 €. Para as do sector da pesca, as axudas de minimis non poderán superar 30.000 €. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 €, ou de 25.000 € segundo corresponda, durante calquera período de tres exercicios.
A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 9 de maio de 2023 (DOG Nº90 do 11/05/2023) - Bases financiamento Igape-Pemes
Resolución do 23 de maio de 2023 (DOG Nº102 do 31/05/2023) - Adhesión entidade financeira
Resolución do 20 de xullo de 2023 (DOG Nº141 do 26/07/2023) - Adhesión entidade financeira
Resolución do 28 e xullo de 2023 (DOG Nº150 do 08/08/2023) - Adhesión entidade financeira

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que obterase de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda.

No caso de que a SGR aprobe a operación financeira, e non se obteña a aprobación por parte da entidade de crédito inicialmente designada, a petición do titular, a SGR poderá remitir a solicitude a outra das entidades adheridas ao convenio de colaboración.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude e, en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a data máxima de fin da convocatoria, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto da concesión da operación financeira.

O período de disposición e utilización dos fondos iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización ou cancelación da operación salvo que, no anexo I se especifiquen prazos específicos dentro de cada modalidade.

Entidades adheridas ao convenio:
- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Banco de Sabadell
- Bankinter
- CaixaBank
- Banco Santander
- Cajamar Caja Rural