O prazo de presentación finalizou o 29/09/2023

IG257 - REAVAL GARANTÍAS - GARANTÍAS ANTE TERCEIROS VINCULADAS A OPERACIÓNS DE TRÁFICO OU AVAIS TÉCNICOS (2023)

Finalidade / Obxectivo

Favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas a conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

Tipos de apoio

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.

No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan.

En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

A titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

Condicións das operacións financeiras.

1) Importe.

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.2., en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

2) Prazo.

O prazo mínimo e vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia.

3) Comisións.

No caso de intervención dunha entidade de crédito, as comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras. Non obstante o anterior, adicionalmente, poderán cobrar ata o 1,25% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,25 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

4) Subvención á comisión de aval.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos avais concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder do montante total da comisión de aval xirada pola SGR e, no seu caso, a entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

D.5) Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contra garantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio que, no caso de non intervención de entidade de crédito, será polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.6) Aspectos a recoller no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.2, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

Contía das axudas

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos avais concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder do montante total da comisión de aval xirada pola SGR e, no seu caso, a entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte por estrada, redúcese a 100.000 €. Para as do sector da pesca, as axudas de minimis non poderán superar 30.000 €. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 €, ou de 25.000 € segundo corresponda, durante calquera período de tres exercicios.
A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 9 de maio de 2023 (DOG Nº90 do 11/05/2023) - Bases financiamento Igape-pemes
Resolución do 23 de maio de 2023 (DOG Nº102 do 31/05/2023) - Adhesión entidade financeira

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que obterase de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda.

No caso de que a SGR aprobe a operación financeira, e non se obteña a aprobación por parte da entidade de crédito inicialmente designada, a petición do titular, a SGR poderá remitir a solicitude a outra das entidades adheridas ao convenio de colaboración.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude e, en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a data máxima de fin da convocatoria, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto da concesión da operación financeira.

O período de disposición e utilización dos fondos iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización ou cancelación da operación salvo que, no anexo I se especifiquen prazos específicos dentro de cada modalidade.

Entidades adheridas ao convenio:
- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Banco de Sabadell
- Bankinter
- CaixaBank