O prazo de presentación finalizou o 17/04/2023

IG202 - AXUDAS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PLAN DE MISIÓNS COMERCIAIS DAS PEMES (2023)

Finalidade / Obxectivo

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e execución do Plan de misións comerciais das pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

2. O obxectivo principal do Plan de misións comerciais das pemes é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban o Plan de misións comerciais das pemes están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación tanto sectorial como xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Para os efectos destas axudas, poderán ser entidades colaboradoras as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación galegas, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e acrediten as condicións de solvencia técnica e económica.

Estas axudas son susceptibles de ser cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes.
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.
Actuación 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.
As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de pemes (microempresas, pequenas e medianas empresas) segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan domicilio social e algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Os beneficiarios deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais e, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis.

g) Que estean ao día de pagamentos debidos ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas desta, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 16.2.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida en que participen un mínimo de dúas empresas aínda que só unha teña dereito a subvención por estas bases:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), tanto en formatos presenciais como virtuais.

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se leven a cabo no estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro. Tanto en formatos presenciais como virtuais.

Investimentos ou gastos computables

Gasto subvencionable: o importe facturado polas entidades colaboradoras para a organización e execución dos eventos subvencionables, polos seguintes conceptos e cos límites seguintes de gasto máximo subvencionable:

– Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos dos citados no artigo 3.1.b), así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuación - Cota ou fe de inscrición ou entradas cun límite de 2.000 € por evento (para cada peme e acción).
– Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción (só no caso de que o Igape non poida facilitar estes servizos por medios propios).
– Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas, incluída a interpretación virtual.
– Alugamento do espazo, cotas de participación para as participacións en modalidade virtual, posto e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, alugamento de mobiliario, gastos de mantemento, inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.
– Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente tanto para accións presenciais como virtuais.
– Gastos de organización da acción, información e asesoramento á peme (dossier de mercado, asesorías telefónicas, reunións previas, seguimento da axenda de entrevistas, elaboración de listados, informes e todas aquelas precisas para a eficiente organización da acción). - Máximo de 800 € sempre que se trate dunha participación en feira ou misión comercial con elaboración de axenda. No caso de misión comercial sen elaboración de axenda o importe máximo será de 400 €. Non aplicará este concepto cando se trate dunha misión comercial virtual en que o servizo de consultoría de axendas sexa realizado polas oficinas no estranxeiro do Igape.
– Viaxe dunha persoa da peme participante (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) - Límites anexo V.
Datas da viaxe subvencionable: entre a data da convocatoria e a data límite de presentación da solicitude de cobramento. Só se subvencionarán os gastos correspondentes a avión, tren e/ou autobús.
Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do consello de administración desta.
– Aloxamento dunha persoa da peme participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).- Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoitas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.
No caso de accións en máis dun país, engadiranse un máximo de 3 pernoitas máis subvencionadas por país, cun máximo total de 12 pernoitas.
Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do consello de administración desta.
– Traslados grupais.- Só se subvencionarán os traslados que sexan contratados e facturados á cámara como organizadora, inclúense todos aqueles traslados en grupo que se realicen no marco da acción, incluídos os traslados desde e ata o aeroporto, así como traslados desde ou ata lugares onde se celebren reunións ou eventos incluídos no programa conxunto da acción. Quedan excluídos os traslados individuais de calquera tipo.
– Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe, dunha persoa da peme participante. No caso das actuacións das citadas no artigo 3.1.b), dúas persoas por peme participante.
Parte proporcional do servizo de acompañamento á acción para apoio técnico en destino.- Límites: 400 euros/día por acción con independencia do número de pemes participantes.
A prestación deste servizo por parte da cámara será obrigatoria en calquera actuación agrupada cunha participación igual ou superior a 4 empresas. A cámara poderá solicitar a excepción desta obriga, que se poderá acordar cando, polas características da actuación, se desprenda que non achega valor engadido á actuación.
Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento, incluídos os seguros de viaxe, as probas PCR ou similares e os visados correspondentes. - Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoitas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.

Límite máximo de gasto subvencionable por todos os conceptos:
Por cada peme beneficiaria e por cada misión en que participe: 6.000 €.
Por cada peme beneficiaria e por cada evento expositivo en que participe: 25.000 €.

Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as subministren.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados no período de execución establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda correspondentes a reserva das empresas de participacións nas accións e reserva de espazo de postos, salas, hoteis ou viaxes.

Contía das axudas

A contía da axuda será dun 90 % sobre o importe dos gastos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (ata o 14/03/2023).

O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase o día seguinte ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito (do 15/03/2023 ao 17/04/2023).

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.

Referencia lexislativa

Resolución do 27 de febreiro de 2023 (DOG Nº46 do 07/03/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2023

Información e tramitación en

Para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o cal solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das pemes segundo o modelo do anexo VI.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

Observacións

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de solicitude e rematarase no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación (e como data límite final o 31 de outubro de 2023), prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.