O prazo de presentación finalizou o 09/01/2022

INVITACIÓN ÁS EMPRESAS PARA QUE MANIFESTEN O SEU INTERESE EN ACCEDER A UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE INFRAESTRUCTURAS COLABORATIVAS DE APOIO INDUSTRIAL

Finalidade / Obxectivo

O Igape está estudando a convocatoria de axudas dirixidas a que as empresas, especialmente as industriais, así como outros operadores económicos, poidan desenvolver as infraestruturas abertas e colaborativas que necesiten para mellorar a súa actividade económica e a do seu contorno.

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes,para que os operadores económicos que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que poidan deseñar.

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas

Tipos de apoio

Posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

Non serán aplicables a infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

Beneficiarios potenciais

Posibles beneficiarios:

1. Empresas con personalidade xurídica propia ou autónomos, de calquera tamaño ou limitado a determinada dimensión, con centro de traballo en Galicia.

2. Organizacións sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

3. Agrupacións ad hoc de empresas e/ou outros axentes económicos, que deberán constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Todos excepto os incluídos nos artigos 1.3 e 13 de Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e da acuicultura, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

Requisitos principais do proxecto

As infraestruturas poñeranse á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo seu uso ou transmisión será prezo de mercado.

As infraestruturas deberán permitir a utilización directa por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de tarificación en función do uso ou consumo que se realice. Non será válido que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou maioritario a infraestrutura para a execución de proxectos propios ou para terceiros.

No caso de que se prevexa no modelo de explotación a concesión ou outro tipo de atribución a terceiros, realizarase sobre base aberta, transparente e non discriminatoria.

Investimentos ou gastos computables

Serán custos subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais.

O importe máximo teórico da axuda estaría no valor da diferenza entre custos subvencionables e beneficio de explotación; non obstante, a intensidade das axudas, os límites e os criterios para establecelas serán definidos tras as manifestacións de interese e a análise das propostas.

Entenderase como beneficio de explotación o definido no Regulamento (UE) 651/2014: a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate, se esta diferenza é positiva.

Entenderase como custos de explotación, segundo o mesmo regulamento, custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, pero exclúense, para efectos do presente regulamento, os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento.

A axuda concederíase con base no plan de viabilidade presentado polo solicitante, e revisarase anualmente para adaptar a axuda á súa execución real.

Estímase unha aplicación de fondos públicos para a posible convocatoria 2022 de arredor de 10 millóns de euros, para un período de tres anos de duración da construción e equipamento das infraestruturas que se apoien.

Prazo de presentación de solicitudes

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os operadores económicos que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que poidan deseñar.

Referencia lexislativa

Resolución do 29 de novembro de 2021 (DOG Nº235 do 09/12/2021) - Invitación ás empresas e operadores a manifestar o interese

Información e tramitación en

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Competitividade) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

– http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Teléfono de información: 900 81 51 51