O prazo de presentación finalizou o 15/11/2021

IG285 - PROGRAMA REACCIONA COVID-19 - SERVIZOS MODULARES DE ASESORAMENTO ESPECIALIZADO A EMPRESAS GALEGAS PRESTADOS POR ENTIDADES COLABORADORAS

Finalidade / Obxectivo

Axudas destinadas a facilitar a execución de un conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas.

Os servizos para os que se poderá conceder axuda son os seguintes:

a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros tras o impacto de COVID-19 e os novos modelos de negocio.
b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.
c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.
d) Análise de mercados internacionais concretos en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e as necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia en dito mercado.
e) Consultaría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

O Igape ten publicado na súa páxina http://reacciona.igape.es/reacciona-covid19 a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, detallando as condicións dos mesmos.

A presente convocatoria poderá ser susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva. Réxime de mínimis

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Ademais deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Que desenvolvan a súa actividade en Galicia, a lo menos nun centro de traballo.
b) Que, tendo a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea, conten con un número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.
c) Que a súa facturación no exercicio 2020 sexa inferior á facturación do exercicio anterior 2019 polo menos nun 10%.

4. Mediante a presentación da solicitude os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será así mesmo a encargada de informar puntualmente ao interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas da mesma, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 14.

5. As entidades colaboradoras do programa non poderán ser beneficiarias das axudas para o tipo servizo que prestan nin para ningún outro dos que formen parte do programa Re-acciona COVID-19.

Sectores incentivables

Todos.

Requisitos principais do proxecto

Condicións dos proxectos:

1. Os servizos serán prestados pola entidade colaboradora que elixa o solicitante, de entre as seleccionadas para cada tipo de servizo. A execución axustarase ás condicións mínimas establecidas na “oferta de servizo” presentada no IGAPE para a selección da entidade colaboradora, que será publicada na páxina web do IGAPE, e constará polo menos das tres fases seguintes:

a) Formación e sensibilización.
b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto.
c) Execución do plan de traballo.

2. A entidade colaboradora será así mesmo responsable de:

a) Avaliar, de xeito previo á solicitude, os requisitos dos solicitantes da axuda e da viabilidade e eficacia da execución do servizo.
b) Realizar ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.
c) Xustificar a axuda ante o Igape.

3. Unha vez prestado un servizo dun determinado tipo a unha empresa, non poderá volver a recibir axuda para ese mesmo tipo de servizo, salvo que o IGAPE o autorice á vista dun informe da entidade colaboradora que xustifique a excepción.

4. Os servizos deberán estar realizados e efectivamente pagados polo beneficiario á entidade colaboradora entre a data de solicitude e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas. A obriga de levar a cabo o servizo recae en primeira instancia no beneficiario da axuda, sen prexuízo de que este poida demostrar a imposibilidade da execución por causas imputables á entidade colaboradora, caso no que se incoará procedemento de incumprimento de condicións a esta última, que poderá rematar cunha resolución de revogación da axuda.

5. Só se admitirán pagos nos que unha entidade bancaria certifique que o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagos en efectivo.

Investimentos ou gastos computables

1. Serán subvencionables os gastos de prestación dos servizos seguintes, prestados polas entidades colaboradoras seleccionadas para cada servizo, realizados entre a data de solicitude e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas:

a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros tras o impacto de COVID-19 e os novos modelos de negocio.
MEDRAR SMART SOLUTIONS, S.L.
AUDICON
ARXON ESTRATEGIA, S.L.

b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.
PARADA Y COTELO,S.L.
CONSULTING EMPRESARIAL CASARES, S.L.

c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.
ESQUÍO INGENIERÍA, S.L.
ESTRATEGIA Y ORGANIZACIÓN, S.A.
FORMACOMER GADICOM, SL

d) Análise de mercados internacionais concretos en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e as necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia en dito mercado.
MAREMAL AGENCIA DE CONSULTORIA EN INNOVACION, SLL
AXPERIA VENTURES IBERIA, SL
DIRECCIÓN POR IMPLICACIÓN, S.L.

e) Consultaría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.
INOVALABS DIGITAL, S.L.
VALORA CONSULTORES DE GESTIÓN, S.L.
NORQUALITY CONSULTORES, S.L.

2. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Contía das axudas

1. Os servizos prestaranse por parte das entidades colaboradoras seleccionadas a prezo fixo, por importe de 8.264,46 euros + 1.735,54 euros de IVE (total 10.000 euros). O custe neto do servizo para o beneficiario será de 600 euros segundo se explica a continuación.

2. No caso de que o beneficiario poida recuperar o IVE, a axuda será de 7.664,46 euros sobre o importe subvencionable de 8.264,46 euros (92,74% de intensidade). O beneficiario recibirá unha factura por 8.264,46 euros + IVE con un desconto polo importe da axuda. Pagará, deste xeito, 600 euros máis o IVE da totalidade (2.335,54 euros en total). O IVE recuperarao posteriormente na súa declaración. A factura será soporte da cesión do crédito da axuda á entidade colaboradora. En virtude desta cesión, o IGAPE aboaralle á entidade colaboradora o importe de 7.664,46 euros.

3. No caso de que o beneficiario acredite que non pode recuperar o IVE total ou parcialmente, este será subvencionable na proporción correspondente. A axuda incrementarase ata o límite de 9.400 euros sobre o custe subvencionable de 10.000 euros (94% de intensidade máxima). O importe da axuda, incluíndo a parte subvencionable de IVE, será aboada á entidade colaboradora directamente polo IGAPE.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas ás mesmas actuacións.

Referencia lexislativa

Resolución do 21 de setembro de 2021 (DOG Nº189 do 30/09/2021) - Bases reguladoras
Resolución do 26 de xaneiro de 2022 (DOG Nº21 do 01/02/2022) - Ampliación prazo execución

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

As entidades colaboradoras do Programa Re-acciona COVID-19 son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
No caso de que un mesmo beneficiario solicite axuda para varios servizos, deberase cubrir unha solicitude distinta para cada un deles.

A entidade colaboradora presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través de http://www.tramita.igape.es

Observacións

O prazo para executar o proxecto e presentar a xustificación de execución rematarán o 15 de outubro de 2022.