O prazo de presentación finalizou o 30/09/2021

IG257 - REAVAL GARANTÍAS - GARANTÍAS ANTE TERCEIROS VINCULADAS A OPERACIÓNS DE TRÁFICO OU AVAIS TÉCNICOS

Finalidade / Obxectivo

Favorecer a capacidade das Pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas a conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que aparecen expresamente excluídas.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que en este adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do artigo 5.bis da citada Lei 22/2003, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as seguintes expresamente excluídas:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

A titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

Condicións das operacións financeiras.

1) Importe.

O importe da liña de financiamento que se avalará será igual ou superior a 3.000 euros e igual ou inferior a 1.000.000 euros

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.3 do presente anexo I, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 euros por convocatoria.

2) Prazo.

O prazo mínimo e vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia.

3) Comisións

No caso de intervención dunha entidade de crédito, as comisións máximas que ésta poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 euros. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras. Igualmente, poderán cobrar ata o 1,00% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

4) Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contragarantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio que, no caso de non intervención de entidade de crédito, será polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 euros, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

Contía das axudas

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de avais concedidas polas entidades de crédito adheridas ou nas liñas de avais prestados polas SGR directamente ante terceiros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de mínimis. De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas cuxa actividade estea encadrada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España no anexo I do Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de xuño de 2021 (DOG Nº122 do 29/06/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2021
Resolución do 14 de xullo de 2021 (DOG Nº139 do 22/07/2021) - Adhesión entidade financeira

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obligatoriamente por vía electrónica.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB).
O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

Observacións

Relación de entidades financeiras adheridas:

– Caixa Rural Galega
– Cajamar Caja Rural
– Abanca Corporación Bancaria, S.A.
– Banco de Sabadell, S.A.
– Bankinter, S.A.
– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.
– Caixabank, S.A.
Banco Santander, S.A.