O prazo de presentación finalizou o 24/06/2021

IG284 - SELECCIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS PARA A XESTIÓN DO PROGRAMA RE-ACCIONA COVID-19 (2021)

Finalidade / Obxectivo

Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona COVID-19

Este programa terá as seguintes características:

1. O seu obxectivo será permitir ás empresas galegas acceder a servizos de asesoramento que melloren a súa adaptación no novo contorno económico.

2. A participación no programa será modular, de forma que as empresas poderán solicitar ao seu abeiro un ou varios dos seguintes servizos (ver as fichas do anexo III):

a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros, tras o impacto da COVID-19 e os novos modelos de negocio.

b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.

c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.

d) Análise de mercados internacionais concretos, en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e ás necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia no dito mercado.

e) Consultoría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

3. Os destinatarios dos servizos (beneficiarios da liña de axudas que se convocará) serán empresas galegas (inclúe autónomos), cunha caída de facturación significativa no ano 2020 respecto a 2019, ás que se imporá un requisito de tamaño mínimo acorde co servizo a prestar: deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

4. Os servizos constarán de tres fases:

a) Formación e sensibilización (de xeito indicativo, 5 %-10 % do servizo).
b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto (de xeito indicativo, 15 %-20 % do servizo).
c) Execución do plan de traballo (de xeito indicativo, 70 %-80 % do servizo).

5. Os servizos prestaranse por parte das entidades colaboradoras seleccionadas, que recibirán unha compensación económica de 10.000 euros polos gastos acaecidos.

A presente convocatoria ten como obxecto seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de tres entidades colaboradoras para prestar cada un dos servizos (máximo de 15 entidades en total). A cualificación como entidade colaboradora será válida para a/s convocatoria/s do programa Re-acciona COVID-19 do ano 2021.

Tipos de apoio

Procedemento de selección de entidades en réxime de concorrencia competitiva.

Requisitos principais do proxecto

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Deberán estar de alta censual na epígrafe de prestación de servizos e acreditar que á data da presente convocatoria prestan servizos de similar natureza a aqueles para os que optan a ser entidade colaboradora.

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e realizando as seguintes funcións:

a) Avaliación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e da viabilidade e eficacia da execución do servizo.
b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.
c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa (prestación de servizos).
d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

4. As entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións co Igape a través da súa oficina virtual.
Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

5. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo, que o soliciten no prazo que se indica no artigo 2 destas bases reguladoras e que resulten elixidos, de acordo co procedemento do artigo 8 para a prestación dun determinado servizo.

6. De conformidade coa Lei de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán adherirse ao convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II desta convocatoria. O dito convenio posúe o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

7. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista na Lei de subvencións de Galicia..

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

9. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

10. A entidade colaboradora prestadora do servizo non poderá prestar servizos a beneficiarios que estean vinculados con ela ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será dun mes desde o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no DOG

Referencia lexislativa

Resolución do 11 de maio de 2021 (DOG Nº95 do 24/05/2021) - Procedemento de selección de entidades colaboradoras
Resolución do 25 de agosto de 2021 (DOG Nº169 do 02/09/2021) - Resolución do procedemento de selección

Información e tramitación en

1. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude distinta para cada tipo de servizo dos enumerados no artigo 1.2 na que desexen colaborar no programa. Ningún membro do equipo de traballo presentado nunha solicitude poderá presentarse en sucesivas solicitudes desta ou outra candidata, salvo que a súa participación na prestación do servizo teña funcións de dirección ou de apoio con unha dedicación inferior ao 5 % da estimada para o servizo, e esta circunstancia apareza de xeito explícito na solicitude. No caso de que se incumpra esta condición só se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.

Para presentar a solicitude deberán acceder obrigatoriamente á aplicación informática (http://tramita.igape.es) para cubrir segundo o procedemento do Igape co código IG284 a solicitude de adhesión (anexo I), na que se declarará a vontade de adherirse ao convenio publicado como anexo II destas bases.

Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda e cobramento das subvencións. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado dixital.

2. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. As entidades colaboradoras interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Referencias dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles aos que opta, prestados nos últimos tres anos pola solicitante, que inclúan cando menos unha descrición do traballo realizado, equipo e destinatario do servizo (extensión máxima de tres páxinas).

c) Oferta de servizo, que especifica o servizo que se compromete a prestar a entidade polo prezo fixo indicado no artigo 1.4. Debe incluír os elementos necesarios para avaliar a participación da entidade segundo o baremo do artigo 8. A oferta de servizo non superará as 30 páxinas de extensión e deberá adaptarse ao esquema seguinte:
- Índice.
- Presentación da entidade.
- Descrición do servizo: poderán describirse variantes en función do grao de madurez da empresa, tamaño, sector, etc.
- Presentación do servizo á PEME: dun máximo de catro diapositivas na que se poña de relevo a proposta de valor e os detalles principais.
- Compromisos de dedicación ao servizo e condicións da garantía ofertada.
- Táboa de referencias cruzadas na que, para cada un dos criterios e subcriterios de valoración do artigo 8 se explique a(s) epígrafe(s) da oferta que a Administración debería ter en conta para a súa avaliación. A avaliación só terá en conta os contidos das epígrafes citadas para cada criterio.
- Equipamento de traballo: relación nominal das persoas que prestarán o servizo e breve currículo de cada unha.
Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia do documento «oferta de servizo» ou a presentación deste documento nun formato ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

Observacións

O prazo máximo para que o director do Igape resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

A resolución será conxunta e indicará que solicitudes foron rexeitadas por non cumprir requisitos, a valoración das solicitudes válidas e os solicitantes que acadan a condición de entidade colaboradora.