O prazo de presentación finalizou o 30/12/2020

IG246 - PRESTAMOS IFI INNOVA 2020

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente proxectos innovadores de pemes financiando activos tanxibles e intanxibles e gastos de desenvolvemento e innovación.

A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80%, en particular:

Préstamos IFI Innova:
Obxectivo temático 01: potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.
Prioridade de investimento 01.b: fomento do investimento empresarial en I+i, desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector da ensinanza superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes.
Obxectivo específico:01.02.01: impulso e promoción de actividades de I+i lideradas polas empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora.
Actuación 1.2.1.3: instrumentos financeiros para a mobilización de capital privado.
Campo de intervención: CE064 Procesos de investigación e innovación nas pemes (incluíndo sistemas de vales, procesos, deseño, servizos e innovación social).

Tipos de apoio

Contratos de préstamo que se van instrumentar entre e o beneficiario e o Igape.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios as sociedades mercantís pemes con proxectos innovadores, especialmente as de base tecnolóxica, principalmente semente e start-up, pero tamén aquelas pemes que, a pesar de ter unha traxectoria contrastada, desexan emprender proxectos innovadores e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.
c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.
c) As entidades en que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Serán financiables os proxectos para desenvolver en todos os sectores, fóra dos excluídos no artigo 2.4.

Non serán financiables as empresas dos sectores que quedan fóra do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura
b) Empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Tampouco serán financiables as tipoloxías de proxectos e actividades excluídas polo Regulamento (UE) nº 1301/2013 sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional:

a) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.
b) O investimento para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo 1 da Directiva 2003/87/CE.
c) A fabricación, transformación e comercialización de tabaco e elaborados de tabaco.
d) O investimento en infraestruturas aeroportuarias, a non ser que estean relacionadas coa protección do ambiente ou vaian acompañadas dos investimentos necesarios para mitigar ou reducir o seu impacto negativo no ambiente.

Requisitos principais do proxecto

O proxecto deberá presentar un custo financiable superior a 71.500 euros.

- O importe mínimo dos préstamos para conceder será de 50.000 euros e o máximo de 500.000 euros, correspondendo a un máximo do 70 % do importe total do custo do proxecto financiable.

- O prazo de amortización será un máximo de 12 anos incluíndo unha carencia na amortización do principal adaptada ás características do proxecto e ao seu plan financeiro, cun máximo de 4 anos.

- Tipo de xuro ordinario: O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:
Tipo de referencia: será a media do Euribor a 1 ano + Marxe adicional: Será de 0,10 puntos porcentuais.
O tipo de xuro será do 0 % cando resultase negativo.

- Plan de amortización:

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros.

- Garantías:

Para préstamos iguais ou inferiores a 200.000 euros non se requirirá a achega de garantías adicionais á responsabilidade da sociedade prestameira. Para importes superiores a 200.000 euros, o Igape tomará garantías en función da súa dispoñibilidade e das características do proxecto. As garantías puntuaranse cos criterios sinalados no anexo IV.

Cualificación requerida do proxecto

Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación de risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultantes de sumar os seguintes valores:

1) Grao de innovación: máximo 90 puntos, valorando os aspectos de innovación do produto e/ou servizo e tecnolóxicos do produto/servizo obxecto do proxecto, capacidade de execución e vantaxes competitivas. A puntuación desta epígrafe realizarase con base nun informe emitido pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que será presentado ao Comité de Riscos do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia Feder 2014-2020.
2) Financiamento bancario do proxecto: 5 puntos.
3) A cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (Iebt) polo órgano competente da Xunta de Galicia, 5 puntos.

Investimentos ou gastos computables

Serán financiables os seguintes conceptos de gasto:

a) Activos fixos materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como bens de equipamento, instalacións técnicas, equipamentos para procesos de información ou datos, instrumental, útiles, moldes etc.

b) Activos intanxibles, tales como patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual, así como software específico necesario para o proxecto.

c) Outros gastos en desenvolvemento e innovación, que incluirán:
- Custos de investigación contractual e custos de consultoría ou outros servizos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
- Materiais e consumibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
- Gastos de persoal dedicado ao desenvolvemento do proxecto (investigadores, desenvolvedores técnicos e demais persoal auxiliar)

Contía das axudas

As operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro da carga financeira que supón para a beneficiaria respecto dunha operación alternativa que poderían obter no mercado financeiro.

As subvencións implícitas das operacións de financiamento terán a consideración de axudas de minimis.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario para a respectiva modalidade de préstamo.

b) O 30 de decembro de 2020.

Incompatibilidades

A concesión destas axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial a da Unión Europea. Nestes termos serán compatibles con outras sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) O importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación. En particular, serán compatibles con outras axudas de minimis, sempre que o importe total que se conceda a unha mesma empresa non supere 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas que realicen por conta allea transporte de mercadorías por estrada.

b) O gasto financiado con cargo ao préstamo IFI non estea subvencionado por Feder ou outro fondo ou instrumento da Unión. En ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, poderá subvencionarse un gasto superior ao do custo total subvencionable do proxecto.

As axudas de minimis consideraranse concedidas no momento en que se recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda, con independencia da data de pagamento da axuda de minimis á empresa. En consecuencia, as variacións nas condicións financeiras de mercado posteriores á concesión non afectarán o cálculo da subvención bruta equivalente.

Non se poderán utilizar as operacións financeiras reguladas nestas bases para prefinanciar outras subvencións.

Non se utilizarán outras subvencións para reembolsar as operacións financeiras reguladas nestas bases.

Referencia lexislativa

Resolución do 3 de agosto de 2020 (DOG Nº 163 do 14/08/2020) - Bases reguladoras e convocatoria IFI Innova

Observacións

O prazo máximo para dispoñer dos fondos obtidos dos préstamos e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.

O beneficiario deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de decembro de 2022