O prazo de presentación finalizou o 30/09/2019

IG257- REAVAL CRECEMENTO - PRÉSTAMOS AVALADOS PARA O CRECEMENTO DAS PEMES

Finalidade / Obxectivo

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das PEMES galegas.

Tipos de apoio

O Igape reavalará ata un máximo do 25% do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no Anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión Comisión Europea.

b) As empresas en crise.

c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no Anexo I.

En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.
e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

Para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un préstamo a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

Condicións das operacións financeiras:

* Importe

O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 euros e igual ou inferior a 1.000.000 euros. Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 euros por convocatoria.

* Prazo

O prazo mínimo do préstamo a avalar será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

* Tipo de xuro

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

Tipo de referencia (euribor a prazo de 6 meses). As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: Será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,5 puntos porcentuais.


* Comisións

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60%. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 euros.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50% en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00% do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.
* Garantías

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100% do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 euros, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25% do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración. No caso de operacións por importe superior a 300.000 euros, as SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais.

Investimentos ou gastos computables

Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construcións dos seguintes elementos:

- Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade.
Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas.
Tamén se exclúen os investimentos financeiros.

- Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas.

Enténdese por capital corrente o pago dos seguintes conceptos de gasto:
Pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; Pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; Pagamento de nóminas e seguros sociais; Gastos financeiros operativos e Primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

Contía das axudas

O apoio do Igape consiste nun reaval de ata o 25% do risco asumido polas SGR.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme ás solicitudes recibidas, se esgote a dispoñibilidade para a concesión de axudas, o que será obxecto de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30 de setembro de 2019.

Incompatibilidades

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de mínimis.

De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas cuxa actividade estea encadeada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España.

Referencia lexislativa

Resolución do 21 de maio de 2019 (DOG Nº104 do 04/06/2019) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obligatoriamente por vía electrónica.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB).
O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:
a) En caso de persoas xurídicas:

1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.

2º No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil- ou noutro rexistro, segundo proceda- correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría de ser o caso.

b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo as comunidades de bens deberán presentar o Anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no Anexo I para cada liña de financiamento

d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.

Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras.

Observacións

Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á SGR e á entidade de crédito a través da extranet de entidades colaboradoras

Relación de entidades financeiras adheridas:
- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Caixabank
- Bankinter
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Banco Santander
- Banco de Sabadell