O prazo de presentación finalizou o 25/10/2018

IG107 - GALICIA EMPRENDE - AXUDAS DO IGAPE PARA NOVOS EMPRENDEDORES (2018)

Finalidade / Obxectivo

Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas por novos emprendedores, así como os proxectos de investimento para a ampliación en pequenas e medianas empresas xa creadas, sempre que cumpran os requisitos para seren consideradas nova peme.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas que cumpran as seguintes condicións:

a) Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:

1º O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando da documentación e datos que consten no expediente, se deduza que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.

2º A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

b) Antigüidade na actividade empresarial:

1º No caso dos autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).

2º No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.

c) Contribución financeira exenta de axudas públicas:

Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica. Para o caso das sociedade civís, poderán ser beneficiarias aquelas que acrediten constitución en escritura pública e inscrición no Rexistro Mercantil.

Non se concederán axudas a empresas en crise.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3. da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

Sectores incentivables

1º. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (UE) 651/2014:

- As actividades nos sectores da pesca e da acuicultura.

- As actividades do sector da produción agrícola primaria.
CNAE 09: División 01 (todos os grupos e clases agás 01.61 e 01.62).

- As actividades do sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
•- cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de ditos produtos adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas,
•- cando a axuda dependa de que se repercuta total ou parcialmente sobre os produtores primarios

- As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

2º. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente ou cambio substancial do establecemento, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación da actividade como turismo activo.

Requisitos principais do proxecto

1.- Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.

b) Presentar un custo subvencionable igual ou superior a 25.000 euros e non superior a 500.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.

c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

2.- Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda ou ben, que aínda desempeñando unha actividade económica directa ou indirectamente no momento da solicitude de axuda, figure de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) cunha antigüidade igual ou inferior a 42 meses ou teña unha participación igual ou inferior ao 25% do capital dunha sociedade mercantil.

3.- Considérase nova peme, para os efectos destas bases:

a) No caso dos autónomos, cando a data de alta censual non teña unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).

b) No caso de sociedades, cando a súa data de constitución como a súa data de alta censual non teñan unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (0-30 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselle 30 puntos.
b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (0-30 puntos).
c) A cualificación do proxecto como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (Iebt) polo órgano competente da Xunta de Galicia (10 puntos).
d) Compromiso de creación de emprego indefinido por conta allea. Outorgaranse 5 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear. (máximo 20 puntos).
e) Cualificación da viabilidade do plan de empresa presentado xunto coa solicitude a través dos servizos da Unidade Galicia Emprende. A dita cualificación deberá ter carácter previo á solicitude de axuda. As alteracións no plan de empresa non aceptadas polo Igape poderán supoñer a revogación da cualificación da dita viabilidade do proxecto (10 puntos)

Investimentos ou gastos computables

1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, consideraranse integrados na base subvencionable os conceptos seguintes, que cumpren os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:

a) Investimentos realizados en:

1º Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións en bens inmobles en propiedade, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo V.

2º Bens de equipamento: maquinaria de proceso, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior e equipamentos de protección do ambiente.

3º Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.

4º Activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know how e coñecemento técnicos non patentados, incluíndo aplicacións informáticas, que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) Gastos de investigación e desenvolvemento e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.

c) Os gastos de aluguer de bens inmobles, ata un prazo máximo dez meses.

d) Os gastos do informe de auditor a que fai referencia o artigo 14.6.b) das bases.

e) Os gastos de reforma de instalacións en bens inmobles arrendados, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo V.

f) Igualmente considéranse subvencionables a adquisición de activos pertencentes a un establecemento cando se cumpran as seguintes condicións:

1º Que o establecemento pechase ou pecharía se non fose adquirido.
2º Que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador,
3º Que a operación teña lugar en condicións de mercado.

Cando un membro da familia do propietario inicial ou un empregado se faga cargo dunha pequena empresa, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

2. Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención.

Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

3. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e debe constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

4. O investimento en inmobles terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante, polo menos, 5 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión e o resto do investimento polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

5. No caso de reforma en inmobles arrendados, o contrato de arrendamento deberá ser por un período mínimo de 5 anos desde a data prevista de finalización do proxecto e deberá manterse o arrendamento ata transcorrido o dito período.

6. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos, excepto no caso de adquisición de activos pertencentes a un establecemento que cumpra os requisitos establecidos no punto 5.1.f) anterior

7. No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto ao que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017 de contratos do sector público para o contrato menor (actualmente 40.000 euros cando se trate de contratos de obras, e 15.000 euros, cando se trate de contratos de suministro ou de servizos), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

9. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

10. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

11. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

Con carácter xeral a subvención poderá chegar ata o 20% dos investimentos subvencionables, e ata o 30% se o beneficiario é unha pequena empresa, agás os gastos do artigo 5.1 f), que poderán chegar ao 10% no caso de medianas empresas e ao 20% no caso de pequenas empresas.

No suposto de que esta axuda concorra co financiamento previsto no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, as porcentaxes de subvención antes citadas poderán reducirse para cumprir os límites de intensidade de axuda máximos. Do mesmo xeito, tamén poderán reducirse as porcentaxes de subvención para cumprir co límite mínimo do 25% de financiamento exento de axuda pública.

Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria - Inicio de prazo - Fin do prazo

2018.1 – 26/06/2018 – 27/07/2018
2018.2 – 30/07/2018 – 25/10/2018

Incompatibilidades

1. Estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos Fondos EIE non estea subvencionada por outro Fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo Fondo conforme a un programa distinto.

A combinación das axudas contempladas nestas bases co financiamento percibido no marco do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia – PO FEDER Galicia 2014-2020 deberá respectar os límites de subvencionabilidade establecidos no artigo 37 do Regulamento (UE) 1303/2013, segundo o cal os destinatarios finais da axuda dun instrumento financeiro dun Fondo EIE poderán tamén recibir asistencia dunha prioridade ou programa doutro Fondo EIE ou doutro instrumento sufragado polo orzamento da Unión conforme á normativa da Unión aplicable en materia de axudas de Estado. En tal caso, manteranse rexistros independentes para cada fonte de asistencia e a axuda dos instrumentos financeiros dos Fondos EIE formará parte dunha operación cun gasto subvencionable distinto das demais fontes de asistencia.

A combinación de axudas procedentes de subvencións e de instrumentos financeiros que se contempla nos apartados 7 e 8 do artigo 37 do Regulamento (UE) 1303/2013 poderá, a reserva da normativa da Unión aplicable en materia de axudas de Estado, destiñarse a unha mesma partida de gasto a condición de que a suma de todas as formas de axuda combinadas non supere o importe total da partida de gasto en cuestión. Non se empregarán as subvencións para reembolsar axudas que se tiveran recibido de instrumentos financeiros. Non se empregarán os instrumentos financeiros para prefinanciar subvencións.

Referencia lexislativa

Resolución do (DOG Nº120 do 25/06/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018
Resolución do 20 de decembro de 2018 (DOG Nº12 do 17/01/2019) - Modificación orzamentaria

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
- Nas oficinas territoriais do IGAPE a través do sistema de cita previa http://citaprevia.igape.es/


TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse unicamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
Deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.


A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 900 81 51 51 ou 981 541 147

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

A) Para todas as solicitudes:

1º Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) e no caso de sociedades de todos os socios.
2º Declaración asinada por todos os promotores que, cumprindo as condicións de novo emprendedor, vaian dedicarse en exclusiva ao proxecto empresarial para o que se solicita axuda.
3º As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.
4º No caso de proxecto que contemple investimentos en obra civil, deberá de achegarse:
i) Proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc).
ii) Documentación técnica (proxecto técnico, memoria,…) referida ao acondicionamento do local precisa para realizar a comunicación previa de actividade, ou acreditación do concello de conforme non se require documentación algunha para a posta en marcha da iniciativa, no caso de proxectos de execución de obras ou instalacións menores.
iii) No caso de proxecto que contemple investimentos en obra civil en local arrendado, contrato ou pre-contrato de aluguer a nome do titular do expediente, no que se faga constar que o local se destinará ao fin concreto para o que se solicitou a subvención. A duración do contrato debe ser dun mínimo de 5 anos desde a data de finalización do proxecto.

5º Plan de empresa, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.
6º Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda, que se cubrirá no formulario de solicitude.
7º Se é o caso, declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, que se cubrirá no formulario de solicitude.
8º No caso da adquisición de activos pertencentes a un establecemento segundo o establecido no artigo 5.1.f. debe achegar: 1) acreditación da situación económico-financeira do establecemento aos que se adquire ou pretende adquirir, 2) identificación da titularidade do propietario do establecemento a quen se lle adquiren os bens e declaración de se existe vinculación coa solicitante, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, 3) informe de tasación de técnico independente sobre os activos e 4) certificación do propietario do establecemento sobre se os activos foron obxecto dalgunha axuda pública.

B) Para sociedades mercantís:
1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores de ser o caso.
2º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

Os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.2

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de xuño de 2020.

Para os proxectos da 1ª convocatoria, o prazo máximo de execución será o 31 de xaneiro de 2020 e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 10 de febreiro de 2020.
Para os proxectos da 2ª convocatoria, o prazo máximo de execución será o 15 de xuño de 2020 e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 25 de xuño de 2020.