O prazo de presentación finalizou o 28/02/2018

IG242 - ACCESO E ADECUACIÓN DO FINANCIAMENTO DAS EXPLOTACIÓNS DE UVA, CASTAÑAS E DE PATACA, CEREAL, HORTA E FROITEIRAS AFECTADAS POR XEADAS E SARABIADAS - LIÑA APOIO AO CIRCULANTE

Finalidade / Obxectivo

Liñas de financiamento bonificado dirixido a explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril do 2017, as explotacións produtoras de pataca, cereal e horta afectadas pola sarabia do día 6 de xullo, e ás explotacións produtoras e transformadoras de uva, castañas e de froiteiras afectadas polas sarabias do día 27 de agosto de 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

Tipos de apoio

Liñas de financiamento.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, que desenvolvan a actividade económica de produción ou transformación de uva ou castañas e se visen afectadas polas xeadas ou saraviadas, así como as produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas polas sarabiadas.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda.

2. Ademáis deberán cumplir os seguintes requisitos:

a) No caso de explotacións vitícolas, deberán estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia e ter viñedos na zona xeográfica delimitada nos mapas de xeadas dos días 27 e 28 de abril de 2017, e de sarabiadas do día 27 de agosto de 2017, emitidos por MeteoGalicia. No caso de adegas, deben cumprir o requisito de que elaboraron viño de denominación de orixe con uvas da colleita do ano 2016 procedentes de viñedos da zona xeográfica delimitada no referido mapa de xeadas.

b) No caso de explotacións de castañas, deberá tratarse de explotacións propietarias ou xestoras de terreos rústicos de carácter privado que cumpran os seguintes requisitos:

Os predios deberán estar situados nos concellos nos que as xeadas ou sarabiadas afectaron gravemente os castiñeiros, estes son:

1º Provincia de Lugo: Baleira, Baralla, Becerreá, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro.

2º Provincia de Ourense: Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza; A Mezquita, Monterrei, Oimbra, Riós; Vilardevós, Vilariño de Conso, Viana do Bolo; A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia; Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside; Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristóvo de Cea; Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén, Vilamarín; O Barco de Valdeorras, A Rúa, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras; Verín; Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Tamén poderán ser beneficiarios, aquelas empresas de transformación situadas no territorio da Comunidade autónoma que transformen castaña orixinaria de soutos desta comunidade autónoma que por mor das xeadas ou sarabias non van ter subministro de materia prima orixinaria de Galicia e que, polo tanto, van ver diminuída a súa capacidade de transformación.

c) No caso de explotacións de pataca, cereal, horta e froiteiras, os produtores que cumpran os seguintes requisitos:

Estar inscrito no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e ter predios que deberán estar situados nas parroquias dos concellos en que a sarabia afectou gravemente aos cultivos de pataca, cereal, horta e froiteiras, e estas son:

1º Concello de Allariz: parroquia de Torneiros.
2º Concello de Xunqueira de Ambía: parroquias de Abeleda, A Graña, Bovadela e Sobradelo.
3º Concello de Vilardevós: parroquias de Arzádegos, Florderrei, Berrande, Enxames, Moialde, Osoño, Santa María de Traseirexa, Soutochao, Terroso, Vilar de Cervos, Vilardevós, Vilarello da Cota e Feilas.

Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións, e non ser considerados empresas en crise.

Sectores incentivables

Produción ou transformación de uva ou castañas e produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras.

Requisitos principais do proxecto

Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas explotacións que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, provedores, acredores por prestación de servizos, e cotas de débedas bancarias a longo prazo e cotas de leasing que venzan durante o período de disposición do préstamo formalizado ao amparo desta liña. En ningún caso se poderán aplicar a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios.

* Características das operacións de préstamo

a) Modalidade: Préstamos.

b) Importe: O importe mínimo atendible será de 3.000 euros. O préstamo con dereito a subsidiación constituirao, como máximo, a suma das débedas de circulante existentes na data da solicitude da axuda e daquelas que se xeren ata a data límite de disposición do préstamo.

c) Prazo: Serán atendibles, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 3 anos e un máximo de 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

* Tipos de xuro e comisións.

1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser fixo ou variable.

No caso de tipo de xuro FIXO, este será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso, poida exceder do 4%. No caso de contar con aval dunha SGR, non poderá superar o 3%.

No caso de tipo de xuro VARIABLE, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia, o tipo adicional que pacten as partes e o seu sistema de variación establécese do seguinte xeito:

Será Euribor a prazo de 6 meses + Tipo adicional que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso, poida exceder de 3 puntos porcentuais sen aval de SGR e de 2 puntos porcentuais, no caso de contar co aval da SGR.

As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60%. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 euros. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

No caso de operacións avaladas por unha SGR, estas poderán cobrar ao cliente ata o 0,5% en concepto de comisión de estudo, ata o 1% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4% do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez remate a súa relación coa SGR.

A garantía a favor das entidades financeiras serán as aportadas pola prestameira ou, no seu caso, o aval da sociedade de garantía recíproca adherida ao convenio, polo 100% do risco.

Contía das axudas

A axuda financeira do Igape poderá consistir nos seguintes apoios:

a) Bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases de tal xeito que o tipo de xuro sexa cero para o beneficiario. No caso de préstamos a tipo de xuro fixo, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para toda a vida do préstamo. No caso de préstamos a tipo de xuro variable, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para o primeiro período semestral.

b) Axudas en forma de garantía: No caso de contar co aval dunha SGR, o Igape compensará o custo da comisión do aval financeiro prestado pola SGR.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de febreiro de 2018. As entidades financeiras deberán comunicar ao Igape a súa decisión sobre a concesión da operación financeira, ata o 26 de marzo de 2018.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda e no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Estas axudas terán a consideración de axuda de minimis.

Referencia lexislativa

Resolución do 17 de novembro de 2017 (DOG nº223 do 23/11/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2018
Resolución do 15 de novembro de 2018 (DOG nº224 do 23/11/2018) - Adaptación dos prazos de disposición e solicitude de cobramento

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

Deberá cubrir previamente un formulario descritivo dos requisitos para ser beneficiario en www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

Unha vez rexistrada a solicitude, esta será remitida polo Igape á entidade financeira e, se é o caso, á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras.

Observacións

O prazo máximo para a formalización do préstamo, ou, no seu caso, adaptación da póliza ás condiciones da resolución de concesión do Igape será de dous meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

O prazo máximo de disposición dos fondos son dous meses desde a notificación da resolución de concesión e nunca posteriormente á primeira amortización da operación financiada.

O prazo máximo de presentación da solicitude de cobramento será 15 días desde a disposición total do préstamo ou da notificación da resolución se fose posterior.