O prazo de presentación finalizou o 03/05/2017

IG223 - PREMIOS E AXUDAS AOS PROXECTOS PILOTO INDUSTRIA 4.0 EN GALICIA (2017)

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías relacionadas coas tres seguintes catergorias:
- “Industria 4.0 sectorial”
- “Fábrica Virtual”
- “ Tic Industrial”

Tipos de apoio

Premios e axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.
b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.

2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da nova industria.

Aos efectos destas bases, entenderase por:

a) Peme galega: As pequenas e medianas empresas, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.

b) Ámbito da “nova industria”: As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de ‘nova industria’ definido na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia: “ampliando o tradicional concepto de industria para abarcar os servizos á produción, complementarios e interdependentes desta”.

Establécense as seguintes excepcións: empresas pertencentes ao sector do aceiro, o sector do carbón, o sector da construción naval, o sector das fibras sintéticas, o sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez fallado o premio, e concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación para cada unha das categorías definidas no artigo 1.2.a. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos, referíndose a conceptos distintos de “Fábrica 4.0”.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) Entidades ou empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.
b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise.
c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común

Investimentos ou gastos computables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa temática da categoría do premio que se define no artigo 1.1. destas bases. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

Os investimentos e gastos subvencionables das pemes participantes non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude por parte da agrupación no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Se a exclusión desta peme reducira o número de participantes a menos de 3, denegaríase a solicitude no seu conxunto.

O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo da adquisición do ben. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.

O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

Os provedores non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Contía das axudas

Os apoios aos proxectos piloto Industria 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes do mesmo:

a) Premios aos catro proxectos sectoriais máis representativos na categoría de “Industria 4.0 sectorial”, premio ao mellor proxecto na categoría “Fábrica Virtual” e premio ao mellor proxecto na categoría “TIC industrial”.

1º Por cada categoría, que deberá ser elixida pola agrupación na súa solicitude, cualificaranse os proxectos segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrará a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.
2º Poderanse premiar un máximo de 4 proxectos de sectores ou ámbito de negocio diferentes na categoría “Industria 4.0 sectorial”, un proxecto na categoría “Fábrica Virtual” e un proxecto na categoría “TIC industrial”. A contía máxima do premio será de 25.000 € cada un e placa conmemorativa. O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. En caso de
que os premios dalgunha categoría quedasen desertos, poderán asignarse máis premios nas restantes categorías.
3º O premio dividirase en dous tramos: un fixo de 5.000 euros e placa conmemorativa que se entregará en acto público convocado ao efecto unha vez fallados os premios. Despois de executados os proxectos, os organismos intermedios premiados percibirán unha cantidade variable de ata 20.000 euros que se modulará en función da porcentaxe de execución dos proxectos de pemes subvencionados, unha vez xustificadas e aboadas as correspondentes axudas. Os premios son acumulativos por categorías, de xeito que un mesmo organismo poderá resultar premiado por unha ou máis categorías.
4º O premio incardínase no réxime de axudas de minimis.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados.

1º As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.
2º A subvención ás pemes participantes será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25% para as medianas. Excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que será do 50%.
3º A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado non superará 1.000.000 de euros, incluíndo o premio e a cantidade variable correspondente ao organismo intermedio premiado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 6 de febrero e rematará o 3 de maio de 2017

Referencia lexislativa

Resolución do 27 de xaneiro de 2017 (DOG Nº 24 do 03/02/2017) - Bases e convocatoria 2017
Resolución do 4 de abril de 2018 (DOG Nº71 do 12/04/2018) - Ampliación prazo de execución e solicitude de cobro

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:
As agrupacións interesadas en presentar unha candidatura ao premio deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto que concorra ao premio e dos gastos subvencionables das pemes participantes, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
A solicitude será presentada a través do organismo intermedio que lidere a dita agrupación.

Para tal fin, con carácter previo á presentación da candidatura, deberá terse constituído a agrupación das pemes participantes.

As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio a través de www.tramita.igape.es e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

Xunto co formulario de solicitude presentarase o DNI da persoa representante da entidade solicitante e o NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, o documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 2.3 e a documentación relativa a cada partícipe da agrupación indicada no artigo 4.5.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de outubro de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de outubro de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 16 de novembro de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de outubro de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 30 de novembro de 2018.