Bonificación dos custos financeiros das pequenas e medianas empresas de Galicia titulares de préstamos superiores a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.
Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.
Autónomos, microempresas ou pequenas ou medianas empresas (Pemes) calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión das axudas.
Terán que ter formalizada unha operación de préstamo, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das presentes bases, con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2015, ICO-Garantía SGR/SAECA 2015 ou ben con fondos da propia entidade financeira sempre que estean avalados por unha SGR ou polo Igape.
En calquera caso, os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de xaneiro de 2015 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, por un importe superior a 25.000 euros, a un prazo igual ou superior a cinco anos e cumprir coas condicións específicas e características dos proxectos a financiar, establecidas nestas bases.
Ademais non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias sobres axudas estatais de salvamento e restruturación de empresas en crise e cumprir as condicións específicas para cada liña establecidas no artigo terceiro destas bases.
Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo II.
Non obstante, no caso de proxectos que se van desenvolver por emprendedores considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.
Con independencia do importe do préstamo formalizado, o importe máximo bonificable, para as operacións sen aval ou con aval dunha sociedade de garantía recíproca, será de 100.000 euros para o tipo de xuro e 500.000 euros para a comisión de aval.
A porcentaxe de financiamento poderá alcanzar o 100% do proxecto, non obstante a bonificación do Igape calcularase para o 75% do importe do préstamo.
Os tipos de xuro máximos, segundo o prazo e modalidade escollida, serán os publicados quincenalmente polo ICO na súa páxina web www.ico.es
Nas operacións sen aval de SGR, a entidade de crédito non aplicará ningunha comisión ao cliente pola concesión do financiamento. No caso de contar con aval financeiro do 100%, a SGR poderá aplicar unha comisión de estudo máxima do 0,50% do importe total da operación.
As SGR ou o Igape, poderán cobrar ao cliente en concepto de comisión de aval ata un máximo do 1% do risco vivo anual.
O financiamento con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2015, ICO-Garantía SGR/SAECA 2015 ou ben con fondos da propia entidade financeira avalados por unha SGR, poderá destinarse aos seguintes conceptos:
Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.
Vehículos industriais sen límite de prezo e vehículos turismos, cun prezo máximo de 30.000 euros, sen incluír o IVE.
Adquisición de empresas.
Liquidez co límite do 50% do financiamento.
O financiamento con fondos da propia entidade financeira con aval do Igape, deberá destinarse aos seguintes conceptos:
Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.
Vehículos industriais sen límite de prezo e vehículos turismos, cun prezo máximo de 30.000 euros sen incluír o IVE.
Ademais, ditos activos deberán corresponder a un investimento a desenvolver en solo industrial de parques empresariais ou industriais, adquirido no ano 2015.
Por activo produtivo deberá entenderse aqueles bens que, directa ou indirectamente, permitan realizar a actividade da empresa.
Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia da bonificación á operación financeira. Considerarase cumprida esta condición no caso de que os bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.
Non se concederá axuda, por parte do Igape, ao financiamento destinado a:
- Vehículos de transporte, no sector de transporte de mercadorías por estrada.
- Adquisición ou construción de buques de pesca.
- O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.
Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade.
Poderanse financiar investimentos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 ata un ano dende a formalización do préstamo. A diferenza entre os importes correspondentes aos investimentos e o importe disposto do financiamento, considérase utilizado para liquidez.
O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia. No caso de proxectos de adquisición de empresas, a empresa adquirente e adquirida deberán ter o seu domicilio social en Galicia.
A axuda do Igape consistirá na bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases e, se é o caso, na compensación do custo da comisión do aval financeiro prestado por unha SGR.
A axuda financeira, determinarase do seguinte xeito:
Para as operacións formalizadas sen aval ou con aval dunha SGR:
a) Bonificación do tipo de xuro, de acordo cos seguintes criterios:
Con carácter xeral, 1,5 puntos porcentuais.
No caso de proxectos de investimento nos concellos con apoios específicos relacionados no anexo IV, 0,5 puntos porcentuais adicionais.
No caso de emprendedores, ou proxectos pertencentes ao sector industrial, 0,5 puntos porcentuais adicionais.
b) Compensación da comisión do aval financeiro, no seu caso.
Para as operacións formalizadas con aval do Igape:
a) Bonificación do tipo de xuro, de acordo cos seguintes criterios:
Con carácter xeral, 0,5 puntos porcentuais.
No caso de proxectos de investimento nos concellos con apoios específicos relacionados no anexo IV e concellos fronteirizos, 0,5 puntos porcentuais adicionais.
- Terán a consideración de emprendedores, de acordo coa Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, as persoas físicas e xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica. Dito prazo computarase dende a data de formalización do préstamo.
No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, a bonificación e compensación da comisión de aval da SGR, calcularase de xeito teórico, coma se fose a 7 anos, incluída a carencia.
O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.
No suposto de que o tipo de xuro alcanzase niveis inferiores aos puntos de bonificación, a axuda do Igape limitaríase ao tipo de xuro establecido para a vixencia da operación, ou ben para o primeiro período, no caso de operacións a tipo de xuro variable. É dicir, o tipo de xuro resultante, tras a bonificación de xuros non poderá ser inferior a cero.
O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape, iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2015
Serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas - pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis.
Cando o importe de axuda que se vai conceder con suxeición a estas bases supere o límite máximo global, o dito importe de axuda reducirase na parte que proceda.
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Resolución do 5 de xuño de 2015 (DOG Nº115 do 19/06/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2015
Resolución do 28 de setembro de 2015 (DOG Nº185 do 28/09/2015) - Adhesión de entidades financeiras
INFORMACIÓN: 900 81 51 51 e nas Oficinas Territoriais do Igape.
TRAMITACIÓN:
Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación en http://www.tramita.igape.es
Unha vez xerada a solicitude (Anexo I) deberá presentarse:
- Por vía electrónica. Para iso asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
- Ou ben, en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida.
Xunto coa instancia de solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación:
Póliza da operación financeira formalizada.
A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 541 147.
Para facer efectivo o pagamento da axuda o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, no prazo máximo de 1 mes dende a data de remate do período de execución, sinalado na resolución de concesión.
Entidades financeiras adheridas ao convenio:
- Caixa Rural Galega
- Banco Popular Español
- Banco Pastor
- NCG Banco
- Banco Caixa Geral
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Sabadell
- Targobank
- Banco de Santander
- Bankinter