O prazo de presentación finalizou o 18/02/2014

IG174 - PROXECTOS DE EQUIPAMENTO TECNOLÓXICO DAS PEMES NO SECTOR SERVIZOS ENTRE 30.000 E 200.000 EUROS (2014)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 e 200.000 euros.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas (pemes), que teñan radicado algún centro de actividade de carácter permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan no centro radicado en Galicia algunha actividade empresarial non excluída no citado Regulamento (CE) nº 800/2008, xeral de exención por categorías, e acometan proxectos subvencionables.

2. Cumprindo os requisitos de domiciliación e actividade, poderán ser así mesmo beneficiarios:

a) As persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos.

b) As agrupacións de interese económico.


3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Tampouco aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

O proxecto subvencionable deberá, en todo caso, estar vinculado á consolidación ou posta en marcha dalgunha da seguintes actividades do sector sevizos independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

- A construción.
- O comercio por xunto e o comercio polo miúdo: reparación de vehículos de motor e motocicletas. (CNAE 09, grupos 45.1, 45.2 e 45.4)
- O transporte e almacenamento.
- Servizos hostaleiros de aloxamento.
- Servizos de información e comunicacións.
- Seguros, reaseguros e fondos de pensións excepto seguridade social obrigatoria, actividades financeiras auxiliares aos servizos financeiros e aos seguros.
- Actividades inmobiliarias.
- Actividades profesionais, científicas e técnicas.
- Actividades administrativas e servizos auxiliares.
- Educación.
- Actividades sanitarias e de servizos sociais.
- Actividades artísticas, recreativas e de entretenemento.
- Outros servizos.

* Non serán subvencionables as seguintes actividades:

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura:
- CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40)
- CNAE 09: Grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38

b) O sector da industria siderúrxica:
- CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52

c) O sector de fibras sintéticas.

d) O sector do carbón e do aceiro:
- CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases)

e) O sector da construción naval:
- CNAE 09: Clase 30.11

Requisitos principais do proxecto

Son subvencionables os proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 e 200.000 euros.

Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, se é o caso, medioambiental.

b) O beneficiario deberá achegar unha contribución financeira, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Os proxectos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

d) O proxecto subvencionable deberá, en todo caso, estar vinculado á consolidación ou posta en marcha dalgunha das seguintes actividades do sector servizos do artigo 1 das bases independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

e) Un solicitante só poderá presentar unha solicitude por convocatoria. Para estes efectos considerarase como un único solicitante as empresas pertencentes a un mesmo grupo empresarial ou vinculadas entre si.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Sectores de servizos de apoio, comercialización ou directamente relacionados cos prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (15 puntos).
b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).
c) Compromiso de creación de emprego na peme. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes a 1 de xaneiro de 2014. Asignaránselle 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos a crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres desempregadas (0 - 20 puntos).
d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0 - 30 puntos).
e) Grao de innovación a nivel de empresa:
1. Xeración dun novo servizo (20 puntos).
2. Procesos non realizados previamente (15 puntos).
3. Mellora ou automatización de procesos preexistentes (7 puntos).
f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos).

Investimentos ou gastos computables

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES:

a) Bens de equipamento de carácter tecnolóxico en xeral ligados directamente ao servizo prestado pola peme.

b) Equipamentos para proceso de datos.

c) Software ligado ao servizo prestado pola empresa. Non será subvencionable calquera software que apoie procesos internos da empresa (como o propio ERP da empresa).

d) Activos fixos destinados ao almacenaxe e loxística (estanterías, sistemas de automatización, etiquetaxe e lectura de datos, elementos de transporte interior).

e) Mobiliario e elementos decorativos, limitados ao 20% do investimento subvencionable total.

CONDICIÓNS DOS GASTOS SUBVENCIONABLES:

- Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión.

- Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda, de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, (actualmente 18.000 euros para adquisición de bens ou prestación de servizos) o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas deberán ter firma e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

- Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.

- O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse vinculado á actividade económica subvencionable no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

- No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

- Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes.

- Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 40% dos investimentos subvencionables, e ata o 50% se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 18 de febreiro de 2014.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con calquera outra liña de axudas ou subvencións para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE.

Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as seguintes intensidades de axuda máxima: o 40% do gasto subvencionable para medianas empresas e o 50% do gasto subvencionable para pequenas empresas, excepto no sector do transporte que será o 30%.

A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 26 de novembro de 2013 (DOG Nº230 do 02/12/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
Resolución do 26 de novembro de 2013 (DOG Nº244 do 23/12/2013) - Corrección de erros
Resolución do 24 de marzo de 2014 (DOG Nº61 do 28/03/2014) - Modificación das bases
Resolución do 2 de maio de 2014 (DOG Nº87 do 08/05/2014) - Requirimento de emenda
Resolución do 20 de xuño de 2014 (DOG Nº119 do 25/06/2014) - Ampliación crédito
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº121 do 27/06/2014) - Graduación incumprimentos
Resolución do 30 de xuño de 2014 (DOG Nº128 do 08/07/2014) - Resolución de concesión
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº134 do 16/07/2014) - Corrección de erros da graduación de incumprimentos
Resolución do 30 de xuño de 2014 (DOG Nº225 do 24/11/2014) - Corrección de erros da resolución de concesión

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude. Para iso hai 2 opcións:
- Presentar telemáticamente: Neste caso será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

- En papel: xerar a instancia de solicitude (Anexo I) na opción “Ver instancia” e presentala nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañado da documentación indicada no artigo 8.4 das reguladoras en orixinal ou copia cotexada.
Na presentación por vía electrónica, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 902 300 903 ou 981 541 147

Observacións

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro de 2014 para os proxectos que finalicen no 2014 e o 30 de xuño de 2015 para os proxectos que finalicen no ano 2015. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data.

- Criterios de graduación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

2. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

3. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:
a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 13.g) das bases reguladoras.
b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

4. Suporá a perda dun 10 % da subvención concedida, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5.3 das bases reguladores, en canto a que para modificar o provedor seleccionado deberase pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.