O prazo de presentación finalizou o 08/07/2013

IG131 - INNOEMPRESA: PROXECTOS DE DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO APLICADO (2013)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado desenvolvidos por pemes que impliquen a creación ou mellora substancial dun produto, proceso produtivo ou servizo de maior nivel tecnolóxico para adecuar a súa oferta ás esixencias dos mercados.

Tipos de apoio

Subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

As pequenas e medianas empresas (pemes), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto, que desenvolvan actividades subvencionables e conten con, polo menos, UN EMPREGADO a xornada completa con contrato laboral ou ben o equivalente en termos UTA.

Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas cuxa actividade de subministradoras de bens ou prestadoras de servizos se desenvolva nos mesmos ámbitos para os que solicitan a axuda.

Sectores incentivables

Poderán ser beneficiarios as pemes dos sectores de industria (incluída a agroalimentaria), construción, turismo, comercio e servizos, e os organismos intermedios que desenvolvan proxectos para pemes destes sectores.

Non serán subvencionables as seguintes actividades:

a) As actividades relacionadas coa exportación, concretamente as directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.
b) As axudas subordinadas á utilización preferente de produtos nacionais respecto a produtos importados.
c) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura:
- CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40)
- CNAE 09: Grupo 10.2 (todas as clases) e Clase 46.38.
d) O sector da industria siderúrxica: CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52
e) O sector de fibras sintéticas.
f) O sector do carbón e do aceiro: CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases)
g) O sector da construción naval: CNAE 09: Clase 30.11

Requisitos principais do proxecto

Os proxectos obxecto de apoio serán os de desenvolvemento tecnolóxico aplicado desenvolvidos por pemes que impliquen a creación ou mellora substancial dun produto, proceso produtivo ou servizo de maior nivel tecnolóxico para adecuar a súa oferta ás esixencias dos mercados.

As pemes de menos de 10 traballadores fixos ou que non dispoñan de persoal técnico propio deberán contratar con centros ou institucións tecnolóxicas o desenvolvemento do proxecto.

Os investimentos que poden ser financiados nesta liña terán que ser investimentos non produtivos (equipos e instrumental de laboratorio e experimentación e adquisición de tecnoloxía documentada).

Esta liña é incompatible, na mesma convocatoria e para o mesmo produto ou gama de produtos, coa liña de deseño de novo produto (procedemento IG129).

Cualificación requerida do proxecto

Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, se é o caso, ambiental.

b) No caso de proxectos que inclúan investimentos, o beneficiario deberá achegar unha contribución financeira, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Os proxectos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude de axuda e dentro do prazo concedido para a execución dos proxectos.

d) Non se concederá máis dunha axuda por cada liña a unha mesma peme ou a un mesmo organismo intermedio dentro da mesma convocatoria.

e) Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 3.000 €.

Investimentos ou gastos computables

a) Os investimentos que poden ser financiados nesta liña terán que ser investimentos non produtivos (equipos e instrumental de laboratorio e experimentación e adquisición de tecnoloxía documentada). Sen prexuízo da aplicación das porcentaxes de subvención establecidas nas bases, a subvención máxima por este concepto será de 18.000 € para pemes.

b) Gastos de persoal técnico directamente relacionado coa execución do proxecto. Por persoal técnico enténdese persoal que desenvolva funcións técnicas (non administrativas nin directivas) específicas para a execución do proxecto de que se trate. Para estes efectos considerarase persoal técnico os técnicos superiores e medios (grupos de cotización 1 e 2). Neste apartado estarase aos máximos aplicables por categoría laboral especificados no anexo IV.

c) Colaboracións externas: asistencia técnica, gastos externos de consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto.

O período de cobertura dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de solicitude da axuda ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Texto Refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor (RDL 3/2011 do 14/11/2011), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben. A elección entre as ofertas presentadas, deberá presentarse coa solicitude de axuda. As ofertas deberán ter firma e selo orixinal do provedor.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 40% dos investimentos subvencionables, e ata o 50% se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas, sen superar as limitacións específicas. Para os restantes gastos subvencionables a axuda poderá chegar ata o 50%.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Incompatibilidades

Estas liñas de axuda son incompatibles con calquera outra subvención pública.

Referencia lexislativa

Resolución do 20 de maio de 2013 (DOG Nº107 do 06/06/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013
Resolución do 7 de xuño de 2013 (DOG Nº129 do 09/07/2013) - Corrección de erros
Resolución do 24 de setembro de 2013 (DOG Nº189 do 03/10/2013) - Requirimentos de emenda das solicitudes
Resolución do 17 de decembro de 2013 (DOG Nº242 do 19/12/2013) - Ampliación orzamentaria
Resolución do 3 de abril de 2014 (DOG Nº72 do 14/04/2014) - Redistribución dos créditos orzamentarios

Información e tramitación en

Información:

Nas oficinas territoriais do IGAPE e no Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47. Tamén a través de www.igape.es ou en informa@igape.es

Tramitación:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario a través da aplicación de axuda establecida no enderezo http://www.tramita.igape.es

As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I.

A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de persoas xurídicas: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) No caso de pemes, informe de vida laboral da empresa desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

c) Os organismos intermedios: certificado de exención de IVE de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe; se no proxecto aprobado o organismo se comprometera á creación de emprego, deberá achegar tamén informe de vida laboral desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

d) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.8 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro de 2014.

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).