Actualidade

As axudas achegadas a través das dúas convocatorias deste ano do Galicia Exporta Dixital mobilizarán 7M€. O Goberno galego reforzou e adecuou o novo programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é impulsar as vendas no exterior das empresas galegas, especialmente as de menos de 10 traballadores e os comercios, a través de ferramentas dixitais innovadoras. Seis de cada dez empresas beneficiarias son microempresas e destaca o comercio polo miúdo, co 27% do total de empresas apoiadas. Complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica, como as liñas de apoio á modernización e a innovación no comercio de proximidade, o rural e a economía social.

O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu esta tarde na Comisión 3º do Parlamento galego para explicar as principais liñas do orzamento do próximo ano. A transformación industrial e empresarial, a internacionalización e o fomento da competitividade serán os principais eixes de actuación. Triplícase o apoio ao financiamento para facilitar a actividade económica e industrial. A nova Unidade de proxectos tractores que se encarga da xestión operativa e da tramitación das iniciativas que tratan de optar aos fondos europeos Next Generation dependerá do Igape.

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu hoxe ao último dos encontros dixitais sobre tecnoloxías emerxentes organizados en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), centrado na fabricación aditiva. Nas xornadas realizadas, expertos de centros tecnolóxicos e compañías mostraron o potencial da 5G, a automatización e a robótica colaborativa, a intelixencia artificial, a xestión da enerxía e a economía circular e a interacción persoa-máquina. Forman parte das iniciativas contempladas no convenio Oportunidades Industria 4.0 asinado polo Goberno galego e Atiga para impulsar o proceso de implantación da nova industria e a fábrica intelixente entre o tecido produtivo.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, presentaron esta mañá este instrumento financeiro que apoia proxectos de I+D+i de pemes para mellorar a súa posición competitiva. A convocatoria 2020 dos préstamos IFI Innova, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de decembro, conta cun orzamento de máis de 3 millóns de euros.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, recolleu o Premio á Innovación Tecnolóxica no Ensino outorgado ao Parque Tecnolóxico de Galicia, situado en San Cibrao das Viñas. Fernando Guldrís, director do Igape, foi o encargado de recibir, xunto ao reitor da Universidade da Coruña e o presidente do Clúster TIC, o galardón concedido á Cidade das TIC na categoría de Grandes Proxectos. Tamén foi premiado o proxecto Smartiago, cofinanciado pola Xunta, na categoría de Iniciativa da Administración e a empresa Appentra, participada por Igape e Gain a través do fondo Galicia Innovatech.