Venres, 05 Marzo 2021 10:36

A Xunta salienta a colaboración público-privada como clave para a optimización dos fondos Next Generation

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta tarde nunha xornada organizada polo Colexio de Economistas da Coruña que abordou as oportunidades que ofrecen estes recursos para a transformación dixital, a transición enerxética e a cohesión territorial de Galicia. Destaca que a nova sociedade formada pola Administración autonómica, entidades financeiras e sociedades transversais permitirá maior axilidade na captación de novos proxectos. Co mesmo obxectivo, a Lei de reactivación económica, que se vén de aprobar no Parlamento galego, conferirá carácter prioritario ás iniciativas empresariais tractoras.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta tarde na xornada Fondos Next Generation. Unha oportunidade para transformar Galicia, na que se abordaron as posibilidades que ofrecen estas partidas europeas para avanzar no desenvolvemento económico e social de Galicia. No encontro, organizado polo Colexio de Economistas da Coruña, Guldrís subliñou que a colaboración público-privada é a maneira máis eficaz de optimizar estes recursos e por iso a Xunta traballa desde hai meses co tecido produtivo galego e outros axentes económicos nas propostas para a captación e impulso de proxectos tractores.

O director do Igape lembrou que ese é o obxectivo que impulsou á Administración autonómica a formar parte da sociedade público-privada encargada de madurar as iniciativas que se van desenvolver en Galicia ao abeiro dos fondos Next Generation. Liderado pola iniciativa privada e apoiado polo Goberno galego, este novo instrumento impulsará as propostas que se seleccionen como candidatas, así como a busca de investidores e a planificación estratéxica de cada unha.

Guldrís destacou que tanto esta sociedade público-privada como a Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia, que se vén de aprobar no Parlamento galego, pretenden achegar maior axilidade tanto á captación de novos proxectos como á posterior tramitación, desenvolvemento e posta en funcionamento, garantido a seguridade xurídica. Nese sentido, incidiu en que a nova normativa impulsará as iniciativas industriais estratéxicas e as susceptibles de ser financiadas cos Next Generation.

O director do Igape explicou que Galicia xa enviou ao Goberno de España iniciativas que buscan afondar na modernización do tecido produtivo galego a través da transformación dixital, a mobilidade sostible e a transición ecolóxica, a cohesión social e territorial e o desenvolvemento dunha administración máis dinámica e dixital.

Fixo fincapé, ademais, en que a transparencia, a colaboración entre administracións e a igualdade de oportunidades entre comunidades autónomas deben guiar a distribución dos fondos, con criterios de reparto baseados na dispersión da poboación, o reto demográfico, a transición industrial e a dixitalización, que contribúan a reducir as diferenzas existentes nos niveis de renda das rexións.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios