Mércores, 24 Febreiro 2021 13:12

A Xunta destaca a transformación dixital como motor de competitividade das pemes de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no terceiro encontro dixital Tecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0 organizado en colaboración coa Confederación de Empresarios desas comarcas coruñesas. A xornada forma parte das accións do programa Ecosistema 4.0, que achega servizos de formación, diagnósticos individualizados e recomendacións de mellora para potenciar a implantación da nova industria.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe que a transformación dixital e a implantación da nova industria son claves para reforzar a competitividade do tecido industrial galego, e en concreto das pemes das comarcas do norte da provincia da Coruña. Foi na terceira xornadaTecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0, organizada pola Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer) no marco do programa Ecosistema 4.0.

No encontro, realizado en formato dixital, o director do Igape puxo de relevo tamén a necesidade de seguir avanzando na incorporación das tecnoloxías avanzadas en todos os ámbitos produtivos e salientou que ese é un dos obxectivos do convenio asinado con Cofer. Como lembrou Guldrís, Ecosistema 4.0 é unha iniciativa dirixida ás pequenas e medianas empresas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal que inclúe diversas prestacións orientadas a impulsar o salto cara á Industria 4.0, entre as que se inclúen un servizo de diagnóstico avanzado e individualizado para cada empresa sobre a súa situación dixital.

Ademais, as pemes poden dispor dun informe personalizado con recomendacións sobre como mellorar na transformación dixital e nas tecnoloxías 4.0. Achega tamén formación sobre Industria 4.0 mediante seminarios en liña como o desta mañá, así como información das novidades e aplicacións das tecnoloxías emerxentes e sobre as axudas dispoñibles para impulsar proxectos innovadores nestes eidos.

Na xornada de hoxe abordáronse as aplicacións da realidade virtual, aumentada e o control dimensional e contou coa participación de representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain), que ofreceron información sobre as liñas de apoio activadas por esta axencia para avanzar na creación dun ecosistema industrial avanzado e innovador.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios