Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou esta tarde que a Xunta seguirá apoiando o fortalecemento dos intercambios comerciais entre o tecido empresarial galego e o dos Estados Unidos e impulsando a presenza das empresas da Comunidade neste destino. Guldrís participou na apertura da quinta xornada do ciclo Webinarios País, organizados co obxectivo de afondar nas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego en oito mercados mundiais, ofrecendo deste xeito tamén asesoramento en liña.
O director do Igape puxo de relevo a necesidade de acrecentar as boas relacións comerciais entre Galicia e Estados Unidos e de seguir explorando novas oportunidades de colaboración e negocio para recuperar e mellorar as vendas previas á aparición da pandemia da covid-19. Lembrou que o país norteamericano segue a ser un dos primeiros destinos das vendas galegas, ocupando a 11ª posición.
Guldrís salientou tamén que Estados Unidos é o segundo destino con maior número de empresas exportadoras galegas, por detrás de Portugal, o que mostra o elevado interese por este mercado. Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e novembro de 2020, das 6767 empresas exportadoras da Comunidade, un total de 1089 venderon os seus produtos neste mercado, o que significa que, a pesar da situación provocada pola pandemia, se incrementaron en preto do 5% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
O encontro de hoxe súmase aos xa celebrados sobre China, México, Perú e Marrocos e os que proximamente abordarán os mercados de Reino Unido, Israel e India, nos que representantes de cada unha das antenas empresariais do Igape situadas neses países informan ás pemes participantes sobre os servizos gratuítos que ofrecen. Ademais, nos webinarios compañías galegas con implantación neses destinos achegan as claves para impulsar ou mellorar as exportacións cara eles e ofrecen análises dos retos e oportunidades que a nova situación económica mundial presenta.
Na xornada realizada esta tarde os encargados de abordar as estratexias máis axeitadas para o mellorar a presenza comercial das pemes galegas nese mercado foron o comisionado do Condado de Miami-Dade, Javier Soto, e representantes da área económica e comercial dese condado, o aeroporto e o porto de Miami, Abanca USA e a Oficina Económica e Comercial de España en Estados Unidos.
Xunto coa participación no webinario, a antena situada en Miami ofrece ás empresas interesadas a posibilidade de solicitar entrevistas individuais con formato de punto de encontro dixital, que se celebrarán durante a vindeira semana.
As axudas á internacionalización
O director do Igape fixo fincapé en que a Administración autonómica consolida este ano o seu compromiso de apoiar o esforzo que están a facer as empresas galegas para manter e potenciar a súa presenza nese e noutros destinos mundiais na nova a situación económica. Salientou que vai destinar preto de 23 millóns de euros aos programas de axudas á internacionalización, reforzando as liñas xa en funcionamento e activando outras novas para facilitar que arredor de 1500 compañías melloren a súa posición exterior.
As medidas incidirán na internacionalización a través da dixitalización e o desenvolvemento de proxectos individuais e colectivos, o apoio ás empresas con relacións comerciais co Reino Unido, o fomento da contratación de expertos en comercio exterior e a formación de persoal especializado, a realización de accións conxuntas de promoción exterior coa colaboración de diferentes entidades e os servizos de soporte ofrecidos polas antenas.