Mércores, 27 Xaneiro 2021 11:21

Galicia recupera o seu ritmo exportador cos bos resultados de sectores estratéxicos como a automoción e a alimentación

O director do Igape, Fernando Guldrís, informou da evolución do comercio exterior galego ata novembro de 2020, salientando a mellora na última parte do ano. A balanza comercial da Comunidade é a terceira mellor de España en termos absolutos, cun saldo positivo de preto de 3800M€. Destinos como Francia, Turquía e Noruega experimentaron importantes subas. A Xunta activa apoios por 23M€ para continuar a impulsar a internacionalización do tecido produtivo con programas adaptados ao contexto económico e sanitario e a previsión de colaborar con 1500 pemes galegas. As empresas interesadas poden solicitar ata o 30 de xuño as axudas da nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital e ata o 17 de maio as do Cheque Brexit. O DOG publica mañá unha nova edición do programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior, que achegará 2M€ a facilitar a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos profesionais e maiores de 45 anos desempregados.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago de Compostela a recuperación que se está a percibir nas exportacións galegas desde que a aparición da covid-19 en España provocou unha relevante caída das vendas no exterior. Así, os resultados no período de xaneiro a novembro de 2020 confirman a mellora na última parte do ano con respecto á primeira etapa da pandemia e que, aínda que as exportacións seguen a ser inferiores que no mesmo período de 2019 nun 7,1% –a nivel estatal a caída é do -10,9%–, a diferenza vaise reducindo desde o descenso do 24,5% rexistrado entre xaneiro e maio. Segundo Guldrís, os resultados correspondentes exclusivamente ao mes de novembro confirman esa tendencia, xa que a baixada foi só do 0,4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior –un punto mellor que a media do Estado.

Na rolda de prensa na que informou dos últimos datos publicados sobre o comercio exterior galego, o director do Igape tamén puxo de relevo a intensificación da aposta da Xunta de Galicia por impulsar a presenza das empresas galegas nos mercados exteriores no actual contexto económico. Ademais, subliñou que en 2021 o Goberno galego destinará preto de 23 millóns de euros a reforzar e ampliar as medidas postas en marcha neste eido co obxectivo de contribuír á recuperación do tecido produtivo.

No que respecta ás diferenzas entre o comportamento das exportacións galegas e do conxunto de España, Guldrís resaltou que entre xaneiro e novembro de 2020 a diminución do volume das vendas no exterior da nosa Comunidade é menor en case catro puntos á rexistrada en todo o Estado, onde a baixada acadou os 10,9%. Ademais, indicou que a balanza comercial galega foi a terceira mellor en termos absolutos, cun saldo positivo de preto de 3800 millóns de euros, mentres que a estatal presentou unha diferenza negativa de 12.349 millóns de euros. Con respecto ás exportacións do mes de novembro, a caída do conxunto de España supera nun punto á rexistrada en Galicia e sitúase no 1,4%.

Na súa intervención, o director do Igape salientou o crecemento das exportacións a Francia tanto nos primeiros 11 meses do ano pasado, cunha suba do 22,6%, como en novembro, cun ascenso do 68,1%. Tamén son salientables os incrementos das exportacións a Turquía e Noruega, que entre xaneiro e novembro acadaron 41,7 e 36,1 puntos de incremento respectivamente en relación co mesmo período de 2019.

En canto ás exportacións por sectores, destacan os incrementos das vendas de automóbiles e de produtos alimenticios, tanto nos 11 primeiros meses como só en novembro. Mentres que as primeiras experimentaron un crecemento do 33,8% no acumulado de xaneiro a novembro e do 57% só no último mes –con respecto ás mesmas referencias de 2019–, as vendas da industria alimentaria subiron 18,7 e 37 puntos nos períodos respectivos.

A aposta da Xunta pola internacionalización das pemes
Para acompañar o traballo das empresas galegas, especialmente das pemes, no fortalecemento da súa presenza no exterior neste contexto e contribuír a súa recuperación económica, a Xunta vai dedicar este ano preto de 23 millóns de euros aos programas de axudas á internacionalización, reforzando as liñas xa en funcionamento e activando outras novas que facilitarán que arredor de 1500 compañías melloren a súa presenza nos mercados exteriores.

As medidas incidirán na internacionalización a través da dixitalización e o desenvolvemento de proxectos individuais e colectivos; o apoio ás empresas que manteñen ou van manter relacións comerciais co Reino Unido; o fomento da contratación de expertos en comercio exterior e a formación de persoal especializado; a realización de accións conxuntas de promoción exterior mediante a colaboración con diferentes entidades; e os servizos de soporte ás empresas a través das antenas situadas en diferentes destinos mundiais.

O director do Igape lembrou que onte se publicou a nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras. Os interesados poden solicitar os apoios ata o 30 de xuño. Recordou tamén que mañá xoves se publicarán as axudas para a contratación de expertos en comercio exterior que poderán solicitar pequenas e medianas empresas e organismos empresariais e que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego.

En canto ás medidas de apoio ás compañías que comercian co Reino Unido, o director do Igape fixo fincapé en que o Goberno galego está a poñer en marcha a Oficina Brexit, o novo programa que permitirá ás compañías galegas exportadoras e importadoras coñecer e adaptarse aos novos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea. Esta nova liña pon á disposición das empresas cinco servizos: as axudas do Cheque Brexit –das que está aberto o prazo de solicitude ata o 17 de maio-, unha nova antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico xa en funcionamento, o Brexit Igape Responde e diferentes medidas complementarias de información e formación.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios