Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021.- A Xunta apoia con 987.000 euros a posta en marcha de oito proxectos realizados por empresas galegas, que achegarán solucións tecnolóxicas no eido da maquinaria e bens de equipo a necesidades manifestadas por diferentes sectores do tecido produtivo. As axudas facilitadas polo programa Maquinaria 4.0, activado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirán desenvolver en Galicia tecnoloxía que ata o momento non se produce na Comunidade.
A posta en marcha dos oito proxectos apoiados na primeira convocatoria desta liña de axudas vai supor un volume total de investimentos que superarán os 2,4 millóns de euros. O programa ten como obxectivo incentivar que os fabricantes de maquinaria se convertan en provedores importantes dese tipo de bens, ademais de permitir reforzar a estandarización no sector e facilitar a venda a nivel local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.
Así, as empresas que desenvolverán os proxectos presentaron as súas propostas para catro retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego. En concreto, achegan solucións a demandas tecnolóxicas de asociacións e empresas dos sectores da automoción, o conserveiro, a agroalimentación e o transporte e a loxística.
Sistema de control en automóbiles
A empresa Enxenia será a que dea resposta ao primeiro dos retos, presentado pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e que consiste na creación dun sistema en liña e completamente automatizado para a inspección das imperfeccións das carrocerías dos automóbiles. A axuda achegada pola Xunta é de 81.000 euros e Asime facilitará a posibilidade de realizar a validación da solución e, unha vez que sexa comerciable, poderá actuar de intermediario con clientes finais e axudar na súa internacionalización.
Análise nutricional na produción de conservas
O segundo e terceiro proxectos aprobados serán realizados polas empresas Emenasa Industria e Automatismo e Elvan Instalaciones. Son iniciativas que dan solución ao reto proposto polo grupo conserveiro Bolton Food, un sistema de medición en liña e sen contacto dos parámetros de humidade e graxa dunha mostra representativa dos lombos de atún cocido. O Goberno galego apoiará a iniciativa con 286.600 euros e Bolton Food facilitará a validación do proxecto, entre outras colaboracións.
Mellora da loxística circular de produtos agrícolas
O terceiro reto foi presentado pola sociedade de produtores agrícolas Kiwi Atlántico e trátase dunha solución loxística circular para a xestión e control do ciclo de caixas plásticas con retorno, que evite o alto nivel de xeración de desperdicios no almacenamento e distribución de froitas.
As axudas da Xunta para impulsar os dous proxectos apoiados ascenden a 348.000 euros e serán as empresas Troqueles y Moldes de Galicia e Gallega de Envases Logísticos as que os desenvolverán. Pola súa banda, Kiwi Atlántico será a empresa tractora da solución, potenciando a súa chegada ao mercado e facilitando as diferentes comunicacións cos axentes involucrados. Ademais, como primeiro cliente da solución, porá a disposición a súa loxística para o retorno de caixas e palés baleiros.
Novo sistema de envasado de conservas
Precisgal será a empresa que dea resposta ao cuarto dos retos propostos polo tecido produtivo galego, neste caso tamén polo sector conserveiro, e do que Frinsa del Noroeste, fabricante de túnidos e mariscos en conserva, vai ser a empresa tractora. A axuda aprobada é de 271.000 euros e estará destinada a crear prensas de embutición de folla enteira para a fabricación de envases metálicos, das que non hai case provedores a nivel mundial, o que implica altos custos no envasado destes produtos. Frinsa del Noroeste proporcionará apoio técnico e subministrará os materiais e mostras necesarias para ensaios.