Venres, 20 Novembro 2020 10:54

A Xunta salienta a transformación dixital e a economía circular como motores do desenvolvemento económico e social

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no encontro dixital Anticipando Davos. O Gran Reinicio para a empresa, organizado en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Destaca a necesidade de seguir apostando pola colaboración público-privada, o emprendemento e a transición ecolóxica para facer fronte á situación creada pola pandemia da covid-19. Resalta tamén o impulso do Goberno galego á dixitalización, a innovación e a Industria 4.0, impulsadas mediante o Plan de reactivación e dinamización, dirixido especialmente ás pemes.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada Anticipando Davos. O Gran Reinicio para a empresa, organizada pola Xunta e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) no marco do proxecto Capacita Directivos. Guldrís destacou o papel da transformación dixital e a economía verde e circular como motores do desenvolvemento económico e social e como respostas ás novas necesidades vinculadas tanto á crise climática como á económica e sanitaria provocadas pola pandemia da covid-19.

O encontro dixital contou coa participación de responsables de Prisa Noticias, a publicación esglobal e a compañía Barrabes.Biz, e do ex-conselleiro executivo do banco Central Europeo, José Manuel González-Páramo. Os relatores abordaron as cuestións que estarán sobre a mesa do próximo Foro de Davos, que se celebrará en maio de 2021, na localidade suíza de Lucerna-Burgenstock.

Nesa cita os principais líderes políticos, sociais e empresariais do mundo analizarán os problemas máis críticos a nivel global, cofin de “construír de forma conxunta e urxente as bases do noso sistema económico e social para lograr un futuro máis xusto, sostible e resiliente”, segundo afirma o Foro Económico Mundial, organizador do encontro.Nese sentido, o director do Igape animou ás empresas e directivos galegos a avanzar desde agora na folla de ruta que a axenda da vindeira edición de Davos marcará para o tecido empresarial español, europeo e mundial. 

Guldrís salientou que a colaboración público-privada, o apoio ao emprendemento, o impulso á transición ecolóxica xusta e ordenada e a cohesión territorial son fundamentais para avanzar no desenvolvemento económico e social e a creación de emprego. Lembrou que, xunto coa innovación, a dixitalización e a Industria 4.0, son os eixos transversais dos proxectos cos que Galicia optará aos fondos europeos de recuperación.

O director do Igape tamén resaltou a aposta da Xunta neses eidos a través do Plan de reactivación e dinamización de Galicia, que reforza proxectos xa en funcionamento e crea medidas novas. 

A xornada forma parte do programa Capacita Directivos, ao abeiro do que desde 2015 se levan realizadas 61 actividades formativas nas que participaron 10.000 asistentes, aos que se sumarán os 1600 previstos nas accións que se están a realizar en 2020. O seu obxectivo é desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías vinculadas ás oportunidades que achega a Industria 4.0. e a dixitalización.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios