Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe que avanzar na dixitalización e a implantación da nova industria, conectada e intelixente é fundamental para manter e mellorar a competitividade das pemes galegas, e en concreto, das de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Foi durante a presentación en liña do programa Ecosistema 4.0, impulsado pola Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (COFER) e dirixido ás empresas destas comarcas.
No encontro, o director do Igape puxo de relevo que a nova iniciativa inclúe diversos servizos orientados a facilitar ao tecido produtivo dar o salto cara a Industria 4.0, entre os que salientou o acceso a un servizo de diagnóstico avanzado e individualizado para cada empresa sobre a súa situación dixital. Ademais, as pemes poderán dispor dun informe personalizado con recomendacións sobre como mellorar na transformación dixital e nas tecnoloxías 4.0.
Ecosistema 4.0 tamén achegará formación sobre Industria 4.0 mediante seminarios en liña, así como información das novidades e aplicacións das tecnoloxías emerxentes e sobre as axudas dispoñibles para impulsar proxectos innovadores nestes eidos.
Ademais da presentación deste novo programa, a xornada de hoxe incluíu un dos talleres formativos, no que se expuxo a relevancia de crear un ecosistema industrial avanzado e innovador e se ilustrou mediante exemplos prácticos sobre cada tecnoloxía 4.0. O vindeiro día 12 terá lugar outro taller en liña no que se abordarán as aplicacións da dixitalización de procesos administrativos e os servizos na nube, a ciberseguridade, o bigdata, a analítica de datos e a intelixencia artificial.
Como sinalou Guldrís, o novo programa que hoxe se presentou é resultado da colaboración que manteñen a Xunta e Cofer a través do convenio asinado este ano co obxectivo de poñer en marcha iniciativas que favorezan apromoción industrial no norte da provincia da Coruña e fomentar a captación de talento no exterior.
O director do Igape agradeceu ademais o esforzo que están a realizar as pequenas e medianas empresas e os autónomos de Ferrolterra, Eume e Ortegal para responder ao novo contexto económico derivado da pandemia. Nese sentido, lembrou as medidas adoptadas pola Xunta dentro do Plan de reactivación e dinamización económica para facer fronte á actual situación e destacou as dirixidas ao fomento da dixitalización entre as pemes.