Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo, coa finalidade de promover e divulgar o cooperativismo, a través dos seguintes programas:
-Programa I: impulso de proxectos empresariais cooperativos.
-Programa II: adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
-Programa III: fomento e consolidación do asociacionismo.
-Programa IV: actividades de promoción do cooperativismo.
-Programa V: fomento do acceso á condición de socio traballador.
-Programa VI: apoio ás coooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social.
Subvención en réxime de concorrencia competitiva
Programa I: impulso de proxectos empresariais cooperativos.
Os promotores de proxectos cooperativos que realicen as actividades obxecto da axuda desde o 1 de xullo de 2005 ata o 15 de novembro de 2006. Unicamente se poderá presentar unha solicitude por cada proxecto empresarial.
Programa II: adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
As sociedades cooperativas legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades desde o 1 de xullo de 2005 ata o 15 de novembro de 2006.
Programa III: fomento e consolidación do asociacionismo.
As asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Consellería de Traballo.
Programa IV: actividades de promoción do cooperativismo.
As sociedades cooperativas, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro do ano 2006.
Programa V: fomento do acceso á condición de socio traballador.
As sociedades cooperativas, e a través delas os seus asalariados, sempre que estes se incorporen como socios no período comprendido entre o 1 de xullo de 2005 e o 15 de novembro de 2006.
Programa VI: apoio ás coooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social.
As cooperativas de servizos sociais e de integración social, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia. Tamén poderán ser beneficiarias aquelas cooperativas de calquera clase que realicen as súas actividades no eido dos servizos sociais, así como as cooperativas de segundo grao e outras formas de colaboración económica que poidan establecerse entre cooperativas.
-Programa I: impulso de proxectos empresariais cooperativos.
Finalidade, fomentar e promover o cooperativismo no ámbito da comunidade autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais que se articulen baixo a fórmula cooperativa, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes.
Procúrase, así mesmo, facilitar a incorporación de socios traballadores procedentes de procesos de reestruturación, reconversión ou peche de empresas, aos devanditos proxectos.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75% dos gastos ocasionados con motivo de:
a) Realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como asistencias técnicas para a orientación e acompañamento do proxecto e accións formativas e informativas dos promotores, ata un límite de 1.000 euros por promotor.
b) Asistencia técnica consistente na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes económicos, ata un máximo de 2.000 euros por proxecto.
c) Elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos ata un máximo de 2.000 euros por proxecto.
d) Asistencia técnica para a elaboración do Plan empresarial da cooperativa, así como do seu seguimento e asesoramento na execución, ata un máximo de 10.000 euros por proxecto.
e) Asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais, formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 2.000 euros.
A contía máxima subvencionable por proxecto non poderá superar os 50.000 euros.
-Programa II: adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
Finalidade apoiar a incorporación das cooperativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a desenvolvemento dos procesos de adaptación necesarios.
Poderán ser obxecto de subvención os programas de adaptación as tecnoloxías da información e comunicacións, que contemplen algunha das seguintes actuacións:
-Elaboración da paxina web da entidade cooperativa e a súa incorporación a redes informáticas.
-Implantación de sistemas telemáticos para a xestión empresarial e comercio electrónico.
A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un maximo de 6.000 euros por beneficiario.
-Programa III: fomento e consolidación do asociacionismo.
Finalidade apoiar o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo, durante o ano 2006.
Para estes efectos, pódense considerar como gastos normais de funcionamento:
-Alugueres e gastos de mantemento de locais e equipamentos.
-Gastos de persoal.
-Gastos de comunicacións (teléfono, internet, correo, mensaxaría e similares), material de oficina, e publicacións diversas.
-Mantemento da páxina web da asociación.
-Cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma Galega.
-Gastos de representación e participación en congresos, seminarios, xornadas e similares.
-Celebración de asembleas e reunións.
-Servizos profesionais.
A concesión e contía das axudas para gastos normais de funcionamento, serán fixados en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes e tendo en conta os niveis de actividade que desenvolvan.
-Programa IV: actividades de promoción do cooperativismo.
Finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo, subvencionando parcialmente os gastos
necesarios para a súa realización.
As actividades obxecto de subvención poderán consistir na organización de cursos, xornadas, conferencias simposios; na elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; na elaboración de proxectos de intercooperación e integración; na asistencia a feiras, mostras e congresos, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.
A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización.
-Programa V: fomento do acceso á condición de socio traballador.
Fomento do acceso dos asalariados das sociedades cooperativas á condición de socios, como xeito de promocionar o cooperativismo facilitando a súa participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que o traballador debe desembolsar para incorporarse como socio.
A contía máxima subvencionable neste programa non poderá superar os 50.000 euros por cooperativa.
Se o beneficiario é unha cooperativa de segundo grao ou algunha outra forma de colaboración económica, esta contía multiplicarase polo número de cooperativas agrupadas directamente afectadas, ata un máximo de 150.000 euros.
-Programa VI: apoio ás coooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social.
Promover a prestación de servizos de natureza social baixo a fórmula cooperativa en Galicia, mediante a concesión de axudas económicas que faciliten o desenvolvemento e mellora dos proxectos empresariais novos ou en curso.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75% dosgastos ocasionados con motivo de:
a) Implantación de procesos e sistemas de xestión da calidade, así como a realización de actividades formativas dirixidas aos socios e traballadores nas áreas directamente relacionadas coa prestación dos seus servizos profesionais e coa xestión empresarial cooperativa, ata un límite de 10.000 euros por cooperativa.
b) Incorporación como socios ou contratación de traballadores sociais, psicólogos e outros profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade da empresa e unha adecuada prestación do servizo. A subvención acadará un período máximo dun ano, deberá respectar o disposto para a contratación de asalariados pola lexislación vixente de cooperativas, de ser o caso, e non
poderá superar a contía de 20.000 euros por cooperativa.
A solicitude deberá presentarse con anterioridade á incorporación ou contratación.
c) Adquisición dos medios materiais que resulten necesarios para a prestación do servizo e redunden directamente na mellora da súa calidade, ata un máximo de 15.000 euros por cooperativa.
d) Organización de programas novidosos e de prestacións e servizos adicionais de proximidade, que complementen e melloren o servizo prestado pola cooperativa aos usuarios, ata un máximo de 15.000 euros por cooperativa.
A contía máxima subvencionable neste programa non poderá superar os 50.000 euros por cooperativa.
Se o beneficiario é unha cooperativa de segundo grao ou algunha outra forma de colaboración económica, esta contía multiplicarase polo número de cooperativas agrupadas directamente afectadas, ata un máximo de 150.000 euros.
Ver apartado de Investimentos e/ou gastos computables.
O prazo de presentación de solicitudes para os programas I, II, IV, V e VI rematará o 30 de xuño de 2006. O prazo de presentación de solicitudes para o programa III rematará aos corenta días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (ata o 30/05/2006)
En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.
Orde do 27 de marzo de 2006 (DOGA Nº69 do 07/04/2006) - Bases reguladoras
Orde do 4 de outubro de 2006 (DOG Nº 196 do 10/10/2006) - Reapertura do prazo dos programas II, IV e VI
Orde do 4 de outubro de 2006 (DOG Nº 196 do 10/10/2006) - Convocatoria complementaria dos programas I (I-BIS) e V (V-BIS)
Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo- Teléfonos: 981 957745/47