Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, e a convocatoria para 2020 de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.
As axudas terán como finalidade realizar investimentos que:
Contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.
Melloren a seguridade, hixiene, saúde e as condicións de traballo.
Axuden á transformación de capturas de pescado comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.
Se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.
Se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007.
Dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.
As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.
Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens.
1. Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.
2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
3. Non poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
5. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
8. Non ter cometido infracción grave.
9. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).
10. Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin están nin estiveron nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008, do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
11. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
12. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
13. Á solicitude xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 ao 11 deste artigo.
Sector pesca e acuicultura.
a) Os investimentos teranse que realizar nun centro produtivo localizado en Galicia.
b) Deberán figurar de alta na Axencia Española de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura.
c) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01).
d) Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non inicio destes nos termos indicados no artigo 11 desta orde.
No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización destes por parte dos servizos da Consellería do Mar.
1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, o non inicio delas por parte dos servizos da Consellería do Mar.
2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o punto anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 euros.
3. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de actas de non inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.
4. Se for necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional poderase facer unha certificación de non inicio antes de que estas comecen, nos termos indicados nas bases.
5. Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014, sempre e cando os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes da presentación da súa solicitude de axuda para a presente convocatoria, o que deberá ser comprobado pola Administración coa máxima colaboración do interesado, e será un requisito indispensable para a validez da acta. O interesado deberá solicitar expresamente esta comprobación para dar validez á devandita acta.
6. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.
7. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.
Os investimentos que acaden estas finalidades poderán ser obxecto de subvención.
Contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.
Melloren a seguridade, hixiene, saúde e as condicións de traballo.
Axuden á transformación de capturas de pescado comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.
Se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.
Se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007.
Dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.
A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable.
Para esta convocatoria de 2020, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.
2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións ata axustarse a ese límite na última subvención que se concederá.
Orde do 5 de decembro de 2019 (DOG nº 242 do 20/12/2019) - Bases
CONSELLERÍA DO MAR
SERVIZO DE INNOVACIÓN TECNOLÓXICA DAS INDUSTRIAS
San Caetano s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546292
Email: sxmar.cmrm@xunta.es
http://www.xunta.gal/mar