Subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva. Axudas de minimis.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
- Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
- Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.
- Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.
2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Persoas e entidades excluídas destas axudas .
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).
b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe exclusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatización, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.
3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.
1. Serán subvencionables os gastos e os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras.
Investimentos subvencionables:
1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 2 destas bases reguladoras non serán subvencionables.
2. Considéranse custos subvencionables:
a) Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas no artigo 2 das bases reguladoras.
b) A realización do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.
3. Non se consideran custos subvencionables:
a) Os gastos de legalización.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Non serán subvencionables as operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas, reposición de elementos funxibles,...).
4. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.
5. Con carácter xeral, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.
2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.
3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais; de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea; de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e de 20.000 euros para empresas do sector agrícola.
4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.
Resolución do 18 de marzo de 2021 (DOG nº 68 do 13/04/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2021
INEGA
Rúa Avelino Pousa Antelo nº 5, San Lázaro
Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981953543
Email: Inega.info@xunta.gal
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.