Incentivar actuacións de investimento en equipamento e/ou instalacións en establecementos dedicados á reparación de vehículos en Galicia.
Subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sempre que cumpran cos requisitos de microempresa: as persoas xurídicas validamente constituídas no momento da presentación de solicitudes, as persoas físicas e as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas sen personalidade, sempre que teñan o centro de traballo, ao que destinen os bens e/ou as instalacións obxecto de subvención, radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que acrediten a inscrición da súa actividade, na epígrafe 691.2 Reparación de vehículos automóbiles, bicicletas e outros vehículos do IAE (Imposto sobre Actividades Económicas), todo o anterior sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases.
Non poderán ser beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007.
As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise
Establecementos dedicados á reparación de vehículos en Galicia (epígrafe do IAE 691.2)
A) Terán a consideración de investimentos subvencionables, os seguintes:
1. Equipamento:
a) Equipamentos de diagnose multimarca.
b) Analizadores de gases.
c) Opacímetros.
d) Elevadores.
e) Cabinas de pintura para base auga.
f) Sistemas de medición electrónicos de carrozaría sen bancada.
g) Aliñador de direccións, con tecnoloxía sen fíos, computerizado.
h) Sistemas de pintura acuosas con hidróxeno.
i) Equipamentos de soldadura de alta resistencia en aluminio e aceiro de alto índice elástico.
j) Compresores de tuso con secador.
k) Liñas Pre ITV con bancos de suspensión, de freos e medidor de diverxencia.
Formarán parte do investimento subvencionable aquelas actuacións imprescindibles para a posta en marcha do equipamento sempre que fosen levadas a cabo polo provedor do equipamento e se inclúan nas facturas que, con relación ao equipamento, este emita.
2. Instalacións:
a) Instalacións eléctricas conforme o Regulamento de baixa tensión.
b) Instalacións de aire comprimido.
c) Sistemas de filtración, aspiración e extracción centralizada.
B) Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.
1. Tanto o equipamento do punto A.1 como os elementos que conforman as instalacións do punto A.2, que se presenten para o seu financiamento, serán de primeiro uso.
2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data de presentación da solicitude de subvención. Todos os investimentos obxecto de axuda deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables a partir desta última data.
3. Os elementos susceptibles de ser considerados como subvencionables, para cada solicitude presentada, pertencerán a un único centro de traballo en territorio galego.
4. Non se considerará subvencionable o imposto sobre valor engadido (IVE).
5. Non se admitirán a trámite as solicitudes cun investimento subvencionable inferior aos 6.000 euros.
6. En relación ás instalacións a que se refire o punto A.2 deste artigo e independentemente do importe a que ascenda o conxunto das que se inclúan na solicitude, considerarase subvencionable, como máximo, un importe de 7.000 euros.
7. Non se considerarán subvencionables aqueles conceptos das facturas que non se poidan facer corresponder, dun xeito inequívoco, cos considerados como subvencionables no punto A deste artigo.
A intensidade da axuda será do 30% do investimento subvencionable, pero en ningún caso, baixo esta convocatoria, poderá concederse unha subvención superior a 10.000 euros por centro de traballo e de 20.000 euros por beneficiario.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 7 de outubro de 2011, salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito.
O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.
As axudas reguladas nesta orde atópanse sometidas ao Regulamento de minimis.
Orde do 17 de marzo de 2011 (DOG Nº66 do 04/04/2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN530C, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:
1. Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es
2. O teléfono da devandita dirección xeral: 981 54 43 88.
3. O enderezo electrónico: axudas-in530c.cei.dxiem@xunta.es
4. Presencialmente.