El plazo de presentación finalizó el 11/12/2023

IG292 - INVESTIMENTO DAS PEMES PARA A CREACIÓN DE CENTROS DIXITAIS DE XESTIÓN REMOTA (PROGRAMA CENTROS DIXITAIS) (2023)

Finalidad / Objetivo

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitalizados para o desenvolvemento de sistemas e conectividade dixital, para a monitorización ou xestión remota de activos ou instalacións, para o control e comando de operacións en calquera ámbito de actividade, especialmente para instalacións de produción ou de xeración de enerxías renovables e no ámbito da mobilidade. O valor achegado irá alén dunha empresa concreta, podendo xerar instalacións de usos combinados multipropósito.

Por exemplo, sistemas de simulación e sistemas de control de activos conectados, frotas de vehículos, captación e almacenamento de datos; sistemas de telemetría e telecomando tamén aplicables a vehículos e frotas, pero tamén a instalacións enerxéticas, zonas de seguridade e espazos loxísticos, entre outros.

Estas infraestruturas poderán ser para uso exclusivo da empresa promotora do proxecto ou ben para o seu uso aberto e compartido, contribuíndo en todo caso a reforzar o contorno das empresas e os consumidores, e a dixitalización, modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.

Tipos de apoyo

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do Programa do FTX de España 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70%, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios e, en aquelas operacións nas que a achega privada sexa só do 20%, achegarase o cofinanciamento do 10% mediante fondos propios da Comunidade Autónoma. En particular:
Obxectivo Político ou Obxectivo específico do FTX (JSO8.1): Facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara os obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.
Prioridade P2: A Coruña.
Ámbito de intervención: 036. TIC: outros tipos de infraestruturas de TIC (incluídos recursos/equipamentos informáticos a gran escala, centros de datos, sensores e outros equipamentos sen fíos).
Actuación C04. Fomento da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), a integración das TIC e a transformación dixital.
• Incentivos a fondo perdido para a creación de centros dixitais de desenvolvemento de sistemas, monitorización, control, comando de operacións

Beneficiarios potenciales

1. As pemes, que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación do Centro Dixital proposto.
Co fin de facilitar o acceso á axuda, permitirase que a mesma poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20% para proxectos da tipoloxía 2 e un 25% para proxectos da tipoloxía 1, dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20% esixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar a estes efectos os activos aos que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas pertencentes aos sectores da pesca, a acuicultura e a produción agrícola primaria.

b) As empresas do sector do aceiro, lignito e carbón, do sector do transporte e a produción, almacenamento, transporte, distribución e as infraestruturas de enerxía.

c) Os investimentos relacionados coa produción, transformación, transporte, distribución, almacenamento ou combustión de combustibles fósiles.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

e) As empresas en crise.

f) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

g) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros.

Requisitos principales del proyecto

1. Serán subvencionables os proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan a nivel empresarial ou local a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, contorno das empresas e os consumidores, e a modernizar e desenvolver a base industrial:

– Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.

– Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, frotas, loxística...).

– Centros dixitalizados para almacenamento de datos e accesibilidade a estes.

– Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.

2. Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:

Tipoloxía 1.

O centro dixital estará localizado na provincia da Coruña e promovido e explotado por unha peme para a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.

Tipoloxía 2.

O centro dixital promovido e explotado por unha peme galega, no ámbito xeográfico da provincia da Coruña, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para as súas necesidades e aplicación. Neste caso, os centros dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será prezo de mercado.

b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 60 % da facturación da infraestrutura.

c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o centro realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.

d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.

3. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

4. O investimento subvencionable por cada proxecto deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 3.000.000 €.

Cualificación requerida del proyecto

O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadaran 40 puntos, e elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Criterios de avaliación:

a) Interese para o tecido empresarial da provincia da Coruña do Centro Dixital: ata 20 puntos,

b) Tipo de solicitante: Ata 10 puntos.

i.Empresa individual (peme) preexistente: 5 puntos
ii. Proposta de nova Sociedade (peme) formada por dúas ou mais empresas preexistentes: 10 puntos.

c) Creación de emprego: ata 20 puntos.

d) Achegas privadas ao proxecto na forma de fondos, inmobles, instalacións, compromisos de cesión a longo prazo, equipamento e outros: ata 10 puntos

e) En función da tipoloxía de proxecto, ata 20 puntos:

e.1) Tipoloxía 1: Obxectivo do Centro Dixital e beneficios esperados para a competitividade da peme, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas desta tipoloxía, tendo en conta os seguintes parámetros:

i. Sostibilidade, coherencia e obxectivos do proxecto, xustificación en base aos mesmos da necesidade das partidas económicas consignadas: ata 5 puntos
ii. Singularidade e capacidades dixitais novas para a empresa, que o Centro albergará: ata 5 puntos.

d.2) Tipoloxía 2: Plan de explotación e modelo de xestión, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes parámetros:

i. Sostibilidade, coherencia, concreción do plan de negocio presentado, obxectivos do proxecto e xustificación en base aos mesmos da necesidade das partidas económicas consignadas: ata 10 puntos.
ii. Sistema de acceso para terceiros, marco de admisión, regulación e tarificación, limitacións, contraprestacións e outras características, primando aquelas que supoñan un maior beneficio para os usuarios da infraestrutura: ata 10 puntos.

f) Localización en municipios de zonas de transición xusta: 5 puntos (Anexo VIII).

g) Sector de actividade: centro dixital de xestión de activos relacionados coas enerxías renovables ou coa mobilidade: 5 puntos.

h) Proposta asociada a un Hub de Innovación Dixital declarado estratéxico para Galicia, que se asignará a un máximo de dous proxectos por cada hub estratéxico: 5 puntos.

i) Proxecto en concello emprendedor: 5 puntos

No caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración dos criterios: e, a, b, c, d, f, g, h, i sucesivamente.

Inversiones o gastos computables

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura (Centro Dixital) subvencionada, e que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda do 10% do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo no que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Considerarase que o terreo constitúe o elemento principal da adquisición, cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.

c) Bens de equipo: máquinas, equipamento e sistemas TIC, instalacións específicas necesarias, equipos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento necesarios para a creación do Centro Dixitalizado.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

e) Activos intanxibles relacionados directamente co centro dixital que cumpran os requisitos indicados nas bases.

f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.

2. Tamén serán subvencionables os investimentos necesarios para a xestión dos activos remotos: sensores, captadores, actuadores, ou outros sistemas necesarios para realizar a xestión remota dos activos dos que se trate.

3. Os bens de equipo adquiridos deberán ser novos.

4. A suma dos investimentos correspondentes aos epígrafes a), b) e f) anteriores, non poderán superar o 60% do investimento total subvencionable.

5. O investimento subvencionable mínimo establécese en 100.000 €

6. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

7. O período de execución dos investimentos subvencionables abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

8. O beneficiario deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.

9. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

10. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

11. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.

12. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha peme preexistente, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Cuantía de las ayudas

1. Co límite de 1.500.000 € de axuda por proxecto presentado na tipoloxía 1 e de 2.000.000€ na tipoloxía 2, os importes de axuda serán os seguintes:

* Tipoloxía 1.

O importe da axuda será do 25% ou 35% do investimento subvencionable, segundo o promotor sexa mediana ou pequena empresa, respectivamente.

* Tipoloxía 2.

O importe da axuda será do 80% sobre a diferenza entre os investimentos subvencionables e o beneficio de explotación ao longo do período de explotación do negocio definido no punto 4 deste artigo.

2. Entenderase como “beneficio de explotación” para os efectos destas axudas a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo utilizarase unha taxa de desconto do 4%. Se esta diferencia é negativa ou cero, o “beneficio de explotación” será nulo.

3. Entenderase como “custos de explotación” para os efectos destas axudas os custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, excluíndo os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento (incluída, pero non limitada á presente axuda). En particular, serán considerados custos de explotación:

a) O importe dos seguros que se establecen como obrigatorios no artigo 17.b) destas bases.
b) A amortización correspondente a substitución do investimento subvencionable debido á obsolescencia ou avaría.
c) A amortización correspondente ao reforzo e mellora da infraestrutura, sempre que non se financie mediante axudas ao investimento.

4. A axuda concederase en base ao plan de viabilidade que presente o solicitante (segundo o modelo de Plan Económico e Cálculo da Subvención incluído no formulario electrónico de solicitude). O plan de viabilidade referirase a un período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura. Se o período de amortización da infraestrutura fose superior aos 10 anos, o valor residual dos activos subvencionados deberá terse en conta para o cálculo do beneficio de explotación, mediante o cálculo do valor neto actual dos fluxos de efectivo nos anos de vida útil restantes do investimento.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contados dende as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de dous meses.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos.

Referencia legislativa

Resolución do 27 de setembro de 2023 (DOG Nº192 do 09/10/2023) - Bases reguladoras e convocatoria

Información y tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
1. A solicitude poderá presentala a peme de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria.
2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da peme individual ou o líder da agrupación, deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos. Para poder presentar a solicitude, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante, deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude.

b) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento do Centro Dixital valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.

c) As tres ofertas que, debe solicitar o interesado, de acordo co establecido no artigo 5.10 destas bases, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.

d) No caso de investimento en obra civil deberán achegar os seguintes planos:
1º) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
2º) Plano xeral acoutado das instalacións, no que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.
3º) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.

e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d), o solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.

f) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

g) No caso de que presente a solicitude o líder dunha agrupación:
1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír.
3º Documento de constitución da agrupación.

h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará de acordo co Anexo VI destas bases.

i) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio “do no significant harm” – DNSH), segundo o Anexo V a estas bases.

j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura. Se a empresa solicitante non dispón en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación.

Observaciones

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de xuño de 2026.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento será de un mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.

O prazo para solicitar anticipos será ata o 10 de decembro na anualidade 2023, ata o 15 de outubro de cada ano para os gastos das anualidades 2024 e 2025 e ata o 15 de marzo de 2026 para os gastos da anualidade 2026.

O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2023 abranguerá ata o 31 de xaneiro de 2024. O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2024 rematará o 30 de outubro de 2024. O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2025 rematará o 30 de outubro de 2025 e o prazo para xustificar os gastos incorridos en 2026 rematará o 30 de xullo de 2026.